E para que queremos as fotografías? (e 2). Pero entón… pódense crear modelos 3D a partir de fotografías antigas?

Na entrada anterior explicamos que para obter un modelo 3D a partir de fotografías cómpre seguir un procedemento preciso e estandarizado. Daquela, por que estamos a pedirvos as vosas fotografías? Pódese aplicar a técnica a imaxes que non foron quitadas con esa intención? Podemos aproveitar esas fotos que temos gardadas de obxectos que xa non podemos volver a fotografar para procesalas e quitarlles valores métricos?

Pois a verdade é que si, aínda que con esta situación estamos a levar ao extremo a técnica. Para isto temos que ter a sorte de conseguir un número suficiente de imaxes que cumpran un mínimo de requisitos, entre eles que se solapen entre elas. Despois teremos que dedicarlles máis traballo do normal, pero finalmente chegaremos a xerar información 3D a partir das imaxes de arquivo. E todo é se cadra máis doado desde que dispoñemos de programas de fotogrametría que automatizan e axilizan o seu procesado.

Fotogrametría_2_antigas1

Diversas perspectivas do modelado 3D da desaparecida mámoa 5

O noso compañeiro Elías López-Romero está a traballar neste campo e no último número da revista Virtual Archaeology Review (núm. 05-10) publica un artigo sobre a reconstrución 3D de elementos que na actualidade xa non existen empregando imaxes antigas do arquivo histórico do Laboratoire d’Anthropologie, Préhistoire, Protohistoire et Quaternaire Armoricains en Rennes, Francia. No exemplo reconstrúe un ortostato decorado dun dolmen a partir dunha serie de fotos de 1911-1912 e varios elementos dun túmulo escavado que non foran representados graficamente no seu momento a partir dunha secuencia de vídeo de 1953. Este artigo serviu de ensaio para validar a proposta de recuperación 3D que pretendemos acadar en Guidoiro Dixital.

Na mesma publicación figura tamén outro artigo sobre o tema, no que catro compañeiros de varias universidades denominan “fotogrametría involuntaria”. Os autores, a partir de fotografías de arquivo, tentan recuperar información tridimensional de escavacións arqueolóxicas. Nel expoñen distintos casos e a partir de fotografías realizadas a varias escalas, o que proba a capacidade da fotogrametría para traballar a diferentes rangos, desde a escala máis xeral (fotografías aéreas) ata o detalle de enterramentos ou o micro-detalle dun cranio no que se aprecian suturas, gretas ou patoloxías. Como ben din nas súas conclusións, o método é válido para “recuperar información que se cría perdida, ben pola desaparición dos restos arqueolóxicos ou pola súa incorrecta documentación”.

Recuperar información xeométrica a partir de imaxes antigas é, daquela, un dos principais obxectivos que nos formulamos desde o proxecto Guidoiro Dixital. E xa comprobamos que se pode recuperar moita información, como xa vos comentamos non hai moito nesta entrada sobre a mámoa 5 e podedes ver na imaxe que ilustra esta entrada.

Deixar un comentario