AS CERÁMICAS DO AREOSO

Dos materiais arqueolóxicos que se recuperan no Areoso, os máis abundantes con diferenza son os fragmentos de cerámica. Este tipo de achados son tamén xeralmente os máis numerosos nos xacementos arqueolóxicos desde o neolítico, momento en que esta tecnoloxía se difunde de forma masiva. A abundancia de obxectos deste material que adoita haber nos asentamentos débese á súa multifuncionalidade, xa que poden ser recipientes para almacenaxe, potes para cociñar, vasos, pratos… A súa relativa fraxilidade fai que rompan con frecuencia, de forma que os fragmentos resultantes se rexeitan e quedan abandonados para a posteridade. Afortunadamente para nós, a idea de limpeza no pasado non era a mesma que hoxe día e non adoitaban tirarse moi lonxe do lugar onde rompían. Por outra banda, nestes obxectos poden apreciarse os cambios de gusto ao longo do tempo, ao variaren con moita frecuencia as formas e decoracións, o que permite facer evolucións cronolóxicas entre as pezas e, daquela, datalas de forma relativa, adscribíndoas a un período concreto.

A finais de 2014 coñeciamos máis de 1.600 fragmentos de cerámica provenientes do noso illote, cifra que non parou de aumentar desde ese momento, xa que novos achados suceden cada vez que imos alí, ao que cumpriría engadir os materiais que se recuperaron nas sondaxes arqueolóxicas que se fixeron en 2015. Así e todo, cómpre aclarar que 1.428 proceden das escavacións que fixo J. M. Rey a finais dos anos 80 e que permitiron localizar a mámoa 2. Moitos fragmentos, se son pequenos ou carecen de decoración, son moi difíciles de atribuír, de aí que a partir dese grande número de fragmentos só se puideran individualizar 66 vasillas, que pertencen a tres momentos cronolóxicos diferentes:

 3000-2500 a. C., aprox.

No que tradicionalmente se chamaba Calcolítico, pero que algúns autores prefiren denominar Neolítico Final, dáse no occidente peninsular (Galicia e Portugal) unha produción cerámica que se coñece como Penha, a partir dun xacemento do nos país veciño. As pezas deste tipo no Areoso son de manufactura basta, con formas de perfil sinxelo. As decoracións fanse a partir de liñas incisas que se obteñen arrastrando un obxecto punzante sobre a cerámica fresca. Presenta motivos xeométricos, xeralmente deseños reticulados, que nalgúns vasos se interrompen por liñas verticais (metopas). Outras presentan triángulos recheos de puntos. A esta época pertencen os materiais recuperados asociados á mámoa 2 e, seguramente, os da mámoa 1.

Calcolítica

2300-1800 a. C.

No Bronce Inicial, sobre a mámoa 2 xa tapada pola terra, dáse unha ocupación doméstica que foi datada polo carbono 14, a partir de conchas de ostra, entre o 2225 e o 1950 a. C. Nesta época predominan os recipientes lisos (16 de 25) pero entre as decoradas salientan as campaniformes. Estas son un tipo cerámico moi frecuente na época en toda Europa, caracterizado pola súa forma de campá invertida, a calidade das súas pastas e a súa profusa decoración. As de Guidoiro Areoso presentan unha decoración xeométrica a base de bandas paralelas horizontais, unha delas (na foto) con algunha das liñas feitas co canto de cunchas de berberecho e volandeira (esta última, tamén consumida polas xentes que habitaron o illote nesa época). Fóra dos campaniformes, hai outros recipientes decorados con mamelóns (como o outro da foto). Algún dos vasos presenta unha decoración peculiar con paralelos na área de Verín (Ourense) e na Bretaña e Normandía francesas, pero temos que pensar que probablemente o que viaxou foi a tecnoloxía, non as pezas concretas.

Bronce

1500-1000 a. C.

Para o Bronce Medio/Final coñécense apenas seis recipientes. O máis interesante é o da fotografía, un fragmento decorado no que se combinan liñas horizontais e en zigue-zague e dúas técnicas decorativas, a impresión (marcas feitas cun obxecto facendo unha punción na masa fresa, sen apenas arrastralo) e a excisión (extracción de parte do barro en fresco). Podedes vela en detalle neste enlace.

Guidoiro 2014_Cerámica cogotas

Correspóndese coa tradición Cogotas I, característica da Meseta, que se expande fóra dela a partir do 1500 a. C. É a primeira peza deste tipo que se coñece en Galicia e a súa técnica de fabricación (pastas moi finas e ben tratadas, acabado alisado) non coincide coa olaría galega do Bronce Final. Ademais, a súa pasta ten un elevado contido en clorita, mineral característico das rochas de tipo xistoso, que non hai no Areoso. Aínda que existen materiais xistosos na península do Barbanza (a 6 km en liña recta) ou a 30 km ao SE, para este caso non sería improbable que fose foránea, ao xuntárense a excepcionalidade da decoración, factura e composición da pasta. Os xacementos arqueolóxicos máis próximos que se coñecen con cerámicas do tipo Cogotas I están a uns 200 km.

Como curiosidade final, no Areoso hai cerámica dunha cuarta época, xa que nas escavacións dos anos 80 se recuperou un fragmento de ánfora romana nos niveis de area dunar, que o escavador interpretou como procedentes dun barco afundido nas proximidades do illote.

 

Notas: As cronoloxías que figuran máis enriba debedes consideralas como aproximadas, un marco xenérico do que se coñece para estes materiais; no Areoso só temos unha datación para os materiais da segunda época. Queremos agradecer a J. M. Rey a súa amabilidade ao permitirnos empregar as súas fotografías nesta entrada.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s