A Xunta de Galicia escavará no 2016 a mámoa 4 do Areoso

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai realizar a escavación arqueolóxica da mámoa 4 do Areoso este verán de 2016 (enlace ao anuncio no DOG). Segundo se desprende do proxecto de actuación que saíu a concurso (descargable na Plataforma dos contratos públicos de Galicia estes días, ata que remate o prazo de presentación das ofertas) a actuación realizarase este verán, ao longo de dous meses. O equipo técnico estará formado por un mínimo de oito persoas: dous arqueólogos, cinco auxiliares de arqueoloxía e mais un restaurador-conservador.

A mámoa 4 é a máis grande e espectacular das que se conservan no illote, xa que a súa cámara se pode apreciar totalmente exposta nun dos cantís que formou a erosión mariña co paso do tempo. Así é como a viu un de nós, por primeira vez, no ano 2011.

Foto mámoa

A actuación desenvolverase non só na cámara dolménica, senón que, como é o ideal desde un punto de vista científico, se vai descubrir a totalidade da mámoa (montículo artificial de terra que rodea aquela) e os espazos contiguos, abarcando uns 110 m2. Para isto é preciso desmontar parcialmente a duna que se lle sobrepón, aínda que na parte oeste se deixará unha zona de reserva para evitar acelerar o proceso de erosión do monumento.

1_Plano area escavada

Fonte: Proxecto de intervención arqueolóxica. Xunta de Galicia

O proxecto contempla escavar integramente, como mínimo, a cámara dolménica (para o que cumprirá desprazar a lousa de cuberta), o máis que posible acceso a ela a través da mámoa, todo o espazo exterior ao túmulo e mais unha gabia de dous metros de anchura transversal a este.

2_Plano intensidade escavación

Fonte: Proxecto de intervención arqueolóxica. Xunta de Galicia

No documento defínense toda unha serie de estratexias para recoller a información durante a escavación: toma de mostras de terra, estratexias de mostraxe para recuperar restos de plantas mediante flotación, a toma de mostras no cuncheiro que existe a carón da mámoa e mesmo establece un protocolo para a recollida de ósos humanos, en previsión de que poidan aparecer.

Tamén prevé colaborar cun equipo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, liderado por Ramón Blanco-Chao, que está a estudar o illote desde o punto de vista paleoambiental (un primeiro artigo cos seus resultados iniciais xa o citamos na páxina de publicacións). Durante a escavación o equipo arqueolóxico deberá facilitarlles o acceso para que tomen as mostras de terra necesarias para as súas análises.

Durante o proceso de traballo terá moita importancia a fotogrametría, a técnica que empregamos para facer os modelos 3D a partir das fotografías que nos enviades (aquí tendes unha explicación do método). Todo o rexistro da escavación terá que facerse con esta metodoloxía, o que permitirá facer reconstrucións 3D do xacemento. Pero mesmo o debuxo arqueolóxico deberá extraerse desta documentación xa que o sistema permite unha grande axilidade na toma de datos en campo e unha grande precisión á hora de plasmar a información.

Ademais, como estamos nunha zona protexida ambientalmente, tomaranse diversas cautelas. Así, a area da duna que se desprace, así como a vexetación que se retire, acumularanse nas proximidades da área de escavación. Ao remate da intervención arqueolóxica volverase a encher o espazo escavado coa terra retirada e recolocaranse as plantas na súa superficie, de xeito que se recupere na medida do posible este espazo natural tal e como estaba previamente. Así e todo, todo isto se fará a unha altura lixeiramente inferior da actual para deixar á vista a parte superior da cámara dolménica, coa tapa recolocalada, emerxendo sobre a area uns 50 cm.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s