Desde o ano 2015 os arqueólogos non somos os únicos que puxemos o noso foco de estudo no Areoso: un equipo de xeomorfólogos e edafólogos da Universidade de Santiago de Compostela, capitaneados por Ramón Blanco Chao, están a estudar a evolución ambiental do illote nos últimos milenios. Pretenden realizar, desde as Ciencias da Terra, unha análise detallada dos depósitos de terra antigos para obter datos sobre como se formaron, as condicións ambientais que existían no pasado e como influíu neles a actividade antrópica. Pero tamén queren estudar como evolucionaron os solos con posterioridade aos períodos de ocupación humana e que factores de erosión actuais existen sobre os xacementos arqueolóxicos; moi especialmente, por que a duna do sector norte se está a erosionar tan rapidamente.
Como comprenderedes, a colaboración entre arqueólogos e xeomorfólogos está a ser moi estreita xa que as informacións que poidamos extraer das nosas respectivas investigacións serán fundamentais para os outros investigadores. En realidade, esta cooperación xa xurdiu desde o inicio, posto que varios arqueólogos formamos parte do equipo de traballo no proxecto de Ramón. E conta ademais co apoio que está a brindar a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, ao permitir que o equipo edafolóxico tome as mostras que precise en todas as intervencións que financia. Xa se fixo na campaña de sondaxes que se levou a cabo no 2015 e mesmo se esixe na escavación da mámoa 4, que se acaba de adxudicar e se levará a cabo no verán que vén: a empresa adxudicataria deberá coordinarse cos edafólogos para realizar a escavación de xeito que eles poidan tomar todas as mostras que queiran.

Amostrando os paleosolos no 2015, na sondaxe arqueolóxica próxima a M4
Un paleosolo, ou solo antigo, é en realidade un depósito de terra orgánica que no seu día era soporte de plantas pero que por circunstancias da evolución do medio as perdeu por completo e deixou de ter aportes de materia orgánica (no caso do Areoso, fundamentalmente por quedar sepultado baixo a area). Desde o primeiro momento o equipo de Ramón tivo claro que existen dous tipos de solos antigos enterrados pola duna do Areoso, cunha formación completamente diferente.
Por un lado están a maior parte dos solos orgánicos (terra negra) que se poden ver na base da duna en diferentes puntos do illote. Estes mostráronse no 2015, aproveitando as sondaxes arqueolóxicas que se fixeron nas praias, unha moi preto da mámoa 4 e outra na praia SE, onde se sitúan as mámoas 1 a 3. Como podedes apreciar na foto, tomaron o que se chaman “columnas”, mostras de terra en vertical de toda a terra da sondaxe, separando os diferentes niveis e, nestes, por tramos de profundidade. Aínda que as mostras están aínda procesándose, unha primeira análise confirma que este solo antigo ten unha formación claramente continental, é dicir, sen influencia mariña, o que non significa necesariamente que o mar estivese moi lonxe. É nel onde se localiza a maior parte do material arqueolóxico, situado en posición horizontal e sen apenas desprazamentos: é un auténtico territorio prehistórico baixo a area. Posteriormente (como non rematou o estudo, aínda non sabemos cando), diferentes niveis xa con dinámica dunar empezaron a cubrilo. Nos máis superiores volve a aparecer algo de material arqueolóxico, que en realidade se deposita aí a medida que o mar vai erosionando o paleosolo e mobiliza os restos arqueolóxicos que contén cara á superficie.
Por outra banda estaría a grande masa de terra negra que se sitúa na zona intermareal ao oeste do illote, moi próxima ao istmo. Trátase dun sedimento de cor escura, moi orgánico e plástico no que aparecen abundante material arqueolóxico (cerámicas e ósos de animais) e mesmo estruturas (as cistas). Desde o 2011 os arqueólogos denominámolo paleosolo, interpretando que se trataba dunha terra negra orgánica. Pero os xeomorfólogos, en canto o viron, consideraron que este depósito non era o mesmo ca o que aparece no resto do illote. A falta de análises, pensan que puido formarse por unha sedimentación de tipo intermareal, nun ambiente sen apenas acción das ondas do mar e posiblemente con abundante vexetación e colonización por algas. Existiría nalgún momento da prehistoria unha lagoa costeira nesta zona do illote? A súa forma en cunca case leva a pensar iso. Pero entón: que fan o material e as estruturas arqueolóxicas metidas nel?
Para estudar en profundidade o depósito e poder así aclarar algunhas desas dúbidas, ao longo deste ano 2016 fixeron dúas campañas de mostraxe no sedimento. Por realizarse nun xacemento arqueolóxico, os traballos supervisounos o noso compañeiro Xosé Ignacio Vilaseco, como parte do seu traballo como arqueólogo da Xunta de Galicia, pero que tamén é un dos colaboradores desinteresados do proxecto. Nos traballos empregaron unhas sondas duns 7-10 cm de grosor que permiten extraer unha columna de terra mantendo a súa posición estratigráfica e sen apenas alterar o solo no que se traballa (fixádevos nas fotografías o burato que queda na terra logo de extraer a sonda). O depósito resultou ser aínda bastante espeso, por puntos preto do metro, e conseguiron extraer dous testemuños cunha potencia de entre 75 e 90 cm. E isto a pesar de que desde o 2011 a perda do sedimento areoso no illote aumentou a súa exposición, ao tempo que o erosionaba, reducindo notablemente tanto a súa extensión coma o seu espesor: desapareceron definitivamente os niveis superiores, por puntos en algo máis de 50 cm.
No fondo dunha das sondas localizaron un pequeno fragmento de madeira, tan alterado que non se puido identificar a que especie pertencía, pero que si permitiu obter unha datación polo método do carbono 14 (C14). O resultado que se obtivo sitúa o momento de formación do depósito entre o 1900 e o 1700 a. C., coincidindo coas datas que proporcionan outros autores para a estabilización do nivel do mar no NW peninsular. Pero estamos aínda no comezo da investigación. Todas as mostras deberán aínda ser procesadas mediante diversas técnicas para tentar entender como se formaron todos os depósitos, como están compostos e cando se orixinaron (porque os niveis de terra tamén poden ser datados por C14, extraendo deles a materia orgánica que conteñan). Un traballo que se completará aínda, como mínimo, durante o ano 2017 coas mostras que se extraian durante a escavación da mámoa 4.
AGRADECEMENTOS: A Ramón Blanco Chao, que non só contou con nós para o seu proxecto, senón que tamén nos axudou na redacción desta entrada.
Pingback: Drone + Fotogrametría, ¡éxito asegurado! | patrim3d