A semana pasada cumpríronse cinco anos d’Unha viaxe á illa dos mortos, o documental que o profesor de xornalismo e divulgador patrimonial Manuel Gago fixo sobre O Areoso. Se aínda non o vistes, parade de ler e seguide este enlace. O audiovisual é todo un fito en canto á divulgación cultural en galego: en apenas 48 horas tivera máis de 3.000 visionados e a día de hoxe (xaneiro de 2017) está a piques de superar os 40.000, algo dificilmente alcanzable por un produto deste tipo feito na nosa lingua.
© Manuel Gago. Fonte: http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2012/01/14/unha-viaxe-a-illa-dos-mortos/
Ante o grande número de enterramentos megalíticos que se coñecían no illote, Gago aplicou ao Areoso o cualificativo de Illa dos Mortos, por comparación co Ávalon das lendas artúricas, a illa onde descansa o rei morto. Esta bonita metáfora tivo moito éxito na rede e entre os medios de comunicación e axiña acabou introducida no imaxinario popular. No 2014 mesmo se empregou no título dunha das cancións do álbum Entre néboas do grupo folk Tanto nos ten. Seguramente, no éxito do alcuño ten tamén algo que ver a relación que adoita haber no noso folclore entre o mar e mais a morte.
© Juan Poza. Fonte: http://www.panoramio.com/photo/72675259
Pero a verdade é que se trata dunha denominación que dificilmente se axusta á realidade que xa desde hai algún tempo empezamos a albiscar. Para empezar, hai 6.000 anos, cando se construíron a maioría dos monumentos megalíticos, o nivel do mar estaba moito máis baixo ca na actualidade, entre 5 e 7 m. Tal e como é a topografía dos fondos mariños próximos ao noso actual illote, o máis probable é que nesas condicións O Areoso estivese unido á Illa de Arousa e esta, á súa vez, ao continente. Daquela, cando se construíron as tumbas non se trataría dunha illa.

Liña de -5 m nas proximidades do Areoso.
Por outra parte, é certo que no illote hai unha grande abundancia de enterramentos prehistóricos: en apenas uns 240 m lineais aparecen 5 monumentos megalíticos (haberá algún máis aínda enterrado baixo a area?) e inmediatamente ao norte do último, ao longo doutros 100 m, aparecen diversas estruturas tipo cista que tamén son en realidade tumbas. Pero o problema é que a cantidade de material arqueolóxico que aparece esparexido polas praias é tal e tan variado que parece que o sitio non era unicamente un lugar sepulcral e a xente viviu alí por temporadas. As cerámicas son numerosísimas e moi variadas, pero tamén os muíños para moer o cereal, restos de comida (ósos de animais –vaca, porco, ovellas, cabras e mesmo algún de cervo- e cunchas –ostras, lapas…). Mesmo hai obxectos metálicos e moldes de fundición en pedra, aspecto este último que nos leva a pensar que no illote se practicaban as máis variadas actividades cotiás. Evidentemente, queda moito por estudar xa que non todos os materiais son contemporáneos entre si: as cerámicas apuntan a que o espazo foi frecuentado en diferentes épocas ao longo de case 2.000 anos, e mesmo é posible que algunha das mámoas sexa aínda anterior.

Cerámicas (manchas máis claras) dispostas todas á mesma profundidade, nunha das sondaxes que se fixeron no 2015 no Areoso
A variedade e abundancia de materiais que se localizan no Areoso diferénciano dos xacementos de épocas similares que se atopan no continente. Ademais, como se comprobou nas escavacións de 2015 e nas que levou a cabo J. M. Rey a finais dos anos 80, os materias aparecen moi ben conservados, esnaquizados in situ e pousados en horizontal practicamente á mesma profundidade, case como se acabasen de ser abandonados. Porén, en xacementos desta cronoloxía no continente adoitan aparecer moi remexidos por mor do constante laboreo do terreo para o cultivo; isto é así mesmo en zonas de monte, por mor das rozas que se facían para sementar centeo e favorecer o crecemento do toxo para formar abono. A boa preservación dos restos no illote seguramente a debamos a que quedaron sepultados baixo a duna xa desde moi antigo, moi pouco despois das últimas ocupacións prehistóricas, e daquela apenas foron alterados logo de seren abandonados.
Porque en realidade, para nós, O Areoso é un auténtico territorio prehistórico intacto baixo a area.
Por completar a vosa información, e para evitar que ao mellor a xente leve unha impresión equivocada do vídeo ao ler este texto, puntualizar que a partir do minuto 9:50 do vídeo (deixo aquí a ligazón directa a ese momento https://youtu.be/wSF3tHR5pEI?t=9m50s) fálase da existencia dun poboado da Idade do Bronce na illa, etc., explicando os datos e as hipóteses que tiña e publicara o escavador ao respecto.
Efectivamente Manuel, en ningún caso queriamos criticar o vídeo (que, por certo, xa superou os 40.000 visionados!) porque nos parece un magnífico exemplo de divulgación científica. Tratabamos de explicar á xente que o apelativo, aínda que moi suxerinte, non se axusta á realidade histórica que sabemos que pasou no Areoso. Con independencia de que sexa completamente válido desde o punto da difusión e que probablemente foi todo un acerto pola túa parte e teña moito que ver no éxito que tivo a túa curtametraxe. Porque probablemente sen ela O Areoso como xacemento arqueolóxico non sería tan coñecido e esta bitácora ben non existiría ou non sería exactamente igual.