Sobre o topónimo dos guidoiros

Unha arqueóloga amiga nosa da zona da ría de Arousa contounos en máis dunha ocasión como na súa casa a miraran como se fose unha extraterrestre cando comentou, alá polos finais dos anos 80 do século pasado, que un equipo do Museo de Pontevedra estaba a facer escavacións no “Guidoiro Areoso”. Porque a súa familia, daquela, non escoitara nunca outra forma que non fose “Jidoiro”. Por outra parte, nos últimos anos temos visto escrito na prensa o termo “Xidoiro”, forma que mesmo algún de vós nos indicou no seu día nesta bitácora supostamente sería máis correcta. A reiteración destes últimos usos levounos a pensar se non estariamos errados e efectivamente estabamos a empregar un topónimo incorrecto, así que fixemos unha pequena investigación ao respecto.

Para os que non sodes galegos tendes que entender que ata a normalización do galego coa chegada da autonomía, os topónimos galegos permanecían, maioritariamente, vivos na fala a pesar de que na escrita foran traducidos ao castelán desde había moito tempo. As primeiras traducións ou adaptacións xa se ven en textos do século XIII, cando en documentos vindos de fóra do noso territorio se citan os nomes das nosas vilas e lugares, deturpándoos. Pero a situación xeneralízase a partir do século XVI, a medida que o castelán se vai impoñendo como única lingua escrita no país. Nesta transformación dos topónimos houbo diferentes situacións:

  • Aqueles que non foron traducidos, como Pontevedra ou Muíños, que deberían ser “Puentevedra” e “Molinos” respectivamente.
  • Outros cunha tradución máis ou menos doada, como “Puentedeume”. Neste grupo poderiamos incluír tamén algún para o que houbo unha forma traducida que non chegou a trunfar (“Fuensagrada” por Fonsagrada).
  • Os traducidos a medias, como “Puenteareas”, que, nunha tradución completa, sería “Puentearenas
  • E uns poucos nos que se cometeron auténticas barbaridades que figuran en moitos manuais de todo o mundo, como o caso de Niñodaguia, traducido como “Niño de la Guía” (?) cando en realidade sería “Nido del Águila”, ou mesmo un Pociñas (pozas pequenas) convertido en “Pocilgas”.

Nesta castelanización dos topónimos houbo que facer adaptacións fonéticas cando o son galego non existía en castelán, e, por exemplo, o noso son <x> (como en Xinzo ou Xove) transcribiuse como G ou J, dependendo da norma castelá (así, “Ginzo” e “Jove”). De aí que, cando se recuperaron as formas galegas na escrita, o cambio G/J por X foi directo. Pero neste proceso aparentemente tan doado veuse entremeter un fenómeno característico do galego falado: a gheada.

A gheada é un fenómeno que se dá no galego occidental e supón que os falantes pronuncian o son <gu> (guerra, bagazo) de forma aspirada, moi similar ao h do inglés (como en he ou hero), o que, daquela, o fai moi próximo ao son <j> castelán. Para representar na escrita que un falante se expresa con este fonema, hoxe en día gráfase como <gh>. Descoñecemos cando e porque se orixinou esta pronuncia, pero é froito da evolución histórica interna do galego. Si sabemos que, como mínimo, xa existía no século XVII, ao conservarmos escritos con erros que a reflicten.

Gheda_idioma_gallego2

Distribución da gheada no primeiro terzo do século XX. Fonte: Wikipedia

Esta pronuncia era, na primeira metade do século XX, a maioritaria do territorio galego, ao abarcar a totalidade das provincias da Coruña e Pontevedra, o terzo occidental da de Lugo e a metade occidental de Ourense. Pese a ser unha forma correcta de pronunciar alí onde se dá (e mesmo debería ser a pronuncia oficial por ser maioritaria no territorio), tradicionalmente considerouse un fenómeno vulgar, empregado polos estratos socioeconómicos e culturais máis baixos, de aí que estea en recesión. É por iso que haxa unha tendencia a evitar o seu uso en contextos formais e os últimos estudos indican que está en regresión nas zonas do interior (Lugo, Ourense e zona NE de Pontevedra).

A existencia da gheada tamén tivo o seu reflexo na toponimia castelanizada, e, aínda que non son abundantes, porque en xeral a xente era consciente da existencia do fenómeno, en ocasións algún <gh> acabou convertido en j. Son casos como o de “Regenjo” por Reguengo ou “Herbojo” por Herbogo. O primeiro caso, que vén do latín Regalengo, é moi sintomático xa que tamén existe como topónimo en zonas sen gheada, e nelas aparecía na súa forma correcta sen problema ningún. Aínda así, para casos como estes aínda houbo quen, ao recuperarmos as formas galegas, chegou a propor formas erróneas hiper-galegas como “Rexenxo”.

E así é como chegamos, finalmente, ao topónimo dos nosos illotes. A pronuncia na zona entre as persoas galegofalantes é claramente Ghidoiro. Pero a dúbida está en se se trata dunha pronuncia patrimonial ou vén provocada pola influencia castelá. Hai algún autor que defende que a forma correcta sería “Xidoiro”, para o que se basea na existencia de dous microtopónimos denominados O Xidoiro nos concellos de Palas de Rei e A Merca que nomean, respectivamente, a un terreo de cultivo e a un pasteiro (aquí tendes os enlaces aos seus artigos: 1 e 2). Para este autor, o topónimo teríase traducido ao castelán como “Jidoiro”, cambiando x en j, desde que aparece escrito por primeira vez no século XVIII, e, por influencia de velo así escrito, acabou transformándose no Ghidoiro que a xente pronuncia.

Guidoiro-topónimos

Os Guidoiros no Mapa topográfico nacional de España:  escala 1:50.000, 1943 (esquerda); escala 1:25.000, 1985 (centro) e 1994 (dereita). Fonte: Instituto Geográfico Nacional.

 

É certo que nalgúns topónimos de lugares habitados, á forza de velos escritos na súa forma castelá reiteradamente na documentación e nos carteis indicadores, chegou a perderse a forma galega e asumirse como propia a castelanizada. Pero resulta difícil admitir que isto pasou cos Guidoiros, uns illotes situados no medio do mar nos que o nome só se reflicte na escrita en documentos de uso moi restrinxido, como mapas topográficos e cartas náuticas, de acceso a unha parte ínfima da poboación. Así, non parece factible que o conxunto da sociedade renunciase a un suposto topónimo patrimonial “Xidoiro” e asumise o topónimo castelanizado “Jidoiro”, pero pronunciado con gheada. Para reforzar esta hipótese, na ría de Arousa hai varios accidentes denominados Ghavoteira (de gaivota) que se castelanizaron como “Javoteira” e para os que a ninguén se lle ocorrería propor a forma “Xavoteira”.

En realidade, a forma “Xidoiro” vén sendo sinalada por todos os filólogos (Abelardo Moralejo e Antón Santamarina entre os máis destacados) como unha regaleguización defectuosa. E segue a ser citado así en estudos máis recentes (1 e 2). A forma Guidoiro é tamén a oficial para a Xunta de Galicia, e así o Plan de ordenación do litoral, denomina ao conxunto de illotes no que se insiren como Arquipélago de Rúa e Os Guidoiros. Para Moralejo e Santamarina o topónimo ten a súa orixe en “Guiadoiro”, do gótico “wida”, “guía”. Se isto é así, o nome dos illotes proviría de serviren de guías ou guiadoiros na navegación ou como axudas para situar caladoiros. Cómpre aclarar que a busca da etimoloxía dos topónimos non é unha ciencia exacta. Pero en todo caso parécenos unha explicación bastante máis acaída que a doutro autor que propón, por mor da simple similitude na pronuncia, unha suposta orixe céltica, a partir de Gaoth Dobhair, que significa esteiro, brazo de mar. Porque resulta difícil explicar como chegaron dous illotes que están no medio do esteiro a recibir o nome xenérico que tiña todo o conxunto da ría.

Agradecementos: A Rafa Villar que amablemente botou unha última ollada a este texto.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s