A gabita e outras singularidades da flora e a fauna do Areoso

Como moitos sabedes, unha ave se interpuxo no comezo da escavación arqueolóxica da mámoa 4 do Areoso. Pero en ningún momento debedes pensar que a retrasou. En realidade, a intervención estaba programada para os meses de verán, pero a empresa adxudicataria quixo empezala a finais do pasado mes de maio. E antes de empezar tiñan que contar co visto e prace da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, porque o arquipélago que forman os Guidoiros e A Rúa é unha zona moi importante desde o punto de vista da protección ambiental, integrado na Zona de Especial Conservación (ZEC) que se coñece como Complexo Intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira. Nel superpóñense varios tipos de protección: unha Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, unha Zona Especial de Conservación e unha Zona de Especial Protección para as Aves. A súa riqueza ambiental é tanta que moita xente se pregunta (preguntámonos) por que estes illotes non se incluíron no Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

01_Plano Complexo

En azul, delimitación do Complexo Intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira

Aínda que O Areoso é unha parte moi pequena da ZEC, e xa que logo alberga só unhas poucas das especies do conxunto, moitas son de elevado interese. Entre as plantas, como podedes imaxinar, a que máis abunda é a vexetación dunar e de costa rochosa. De todas salienta pola súa escaseza un endemismo galego, o Alyssum gallaecicum, que en todo o mundo se localiza unicamente nas zonas dunares das provincias da Coruña e Pontevedra. Esta planta, que está incluída no Catálogo galego de especies ameazadas, era considerada até hai só tres anos unha subespecie do Alyssum loisereurii, máis extendida polo resto do mundo, pero uns estudos moleculares que se publicaron en 2014 pasaron a considerala unha especie propia completamente diferenciada. Está moi ameazada por mor da crecente antropización dos ecosistemas dunares costeiros e xa se extinguiu nalgunha praia como as do Testal (Noia) e Mar de Fóra (Fisterra), aínda que nesta última se están a facer traballos para reintroducila.

02_Alyssum

Planta de Alyssum gallaecicum no Areoso, e detalle da flor nunha duna de Lariño.

En canto á fauna, á parte de múltiples insectos, e os mariscos de praia e rocha (aos que algún día deberiamos dedicar unha entrada específica), só se coñece un mamífero, a rata (non hai coello), e entre os réptiles hai lagarta galega, un endemismo do Noroeste peninsular. Non é unha grande variedad

03_Garza real_2

Unha garza real sobre os rochedos do Areoso

e pero é que, en realidade, as grandes señoras do illote son as aves, coa presenza de varias especies migratorias e nidificantes, e, entre elas, sobre todas, a gaivota patiamarela, unha das 10 especies máis comúns de gaivotas que temos en Galicia. Na práctica, para os que nos dedicamos ás pedras, gaivotas e algún corvo mariño eran as únicas especies que conseguíramos albiscar nas nosas visitas. Unha vez chegamos a distinguir unha zancuda, que pola foto (moi mala) que lle quitamos, posteriormente nos indicaron era unha garza real, unha especie común nas rías en outono e inverno, pero apenas visible na primavera, como moito algunha inmatura, pois non se reproduce por aquí. Precisamente foi a finais do inverno (mediados de marzo) cando a vimos nós. E precisamente por mor deste noso descoñecemento aviar foi un auténtico pracer, e toda unha experiencia, podermos acompañar a comezos de xuño aos técnicos de biodiversidade da Xunta de Galicia e a uns biólogos asesores nunha das súas visitas de inspección ao Areoso para ver como ían evolucionando as crías.

 

Os dous Guidoiros son, nestes meses de primavera, dúas colonias de gaivota patiamarela, especie que cría en ambos os illotes. Tanto a súa superficie como o seu ceo están inzados destes paxaros. Hai que andar con moito coidado para non pisar un dos seus múltiples niños, no que habitualmente hai tres ovos escuros e con pintas, ou mesmo aos polos xa nacidos, posto que, unha vez que rompen a casca, practicamente abandonan o niño e escóndense entre as herbas e rochas para evitar os depredadores. Andar polo Areoso é someterse aos chíos e voos baixos dos adultos que defenden as súas crías, cando non directamente ser bombardeado polos seus excrementos. Así o sufrimos durante a nosa visita, máis tendo en conta que tivemos que agacharnos entre elas para espreitar o noso obxectivo, a gabita.

04_Gaivotas

A duna do Areoso plagada de gaivotas patiamarelas e detalle dunha

05_gaivota ovos e polo

Un niño de gaivota patiamarela e, á dereita, un dos polos escondidos ma vexetación

Desde o noso agocho puidemos apreciar varias das especies que tamén son frecuentes no illote. Entre elas, un pequeno carrán cristado que non paraba de facer piruetas no aire para rematar afundíndose no mar en busca de comida. Tamén vimos unha parella de gaivotóns, a gaivota máis grande do planeta. Trátase dun habitante chegado de hai pouco á Península Ibérica xa que se trataba dunha especie do atlántico norte, cunha extensión até a costa noroeste de Francia. Anualmente facían migración e invernada na costa galega pero non era un territorio onde se reproduciran. Desde o ano 2003, porén, en Galicia hai algúns adultos con actitude territorial e en 2005 se constatou por primeira vez que unha parella conseguira sacar adiante os seus polos. Para o 2016 xa había 15 parellas reprodutoras na nosa comunidade autónoma, unha delas no Areoso, un par delas en Euskadi e quizais algunha en Asturias. Como dato curioso, o macho da parella do noso illote naceu no 2013 no Pedregoso (pódese identificar grazas aos aneis de PVC de lectura a distancia que lle instalaron os técnicos cando apenas tiña un mes de vida). É moi precoz, xa que se reproduciu con éxito o ano pasado, con apenas tres anos, ao sacar adiante, coa súa parella, dúas crías. Este ano chocaba tres ovos a principios de maio, pero na última visita que fixeron os técnicos de medio ambiente non foron quen de localizar as crías, de modo que é posible que se malograran.

06 gaivotón

A parella de gaivotóns do Areoso sobre as rochas (fixádevos na diferenza coas gaivotas normais que hai entre as herbas). O macho é o da esquerda, algo máis grande que a femia como sucede en todas as gaivotas. Á dereita, o niño que formaran este ano.

A que hai tempo que non se deixa ver no Areoso é a píllara das dunas, unha especie clasificada como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que no mes de maio foi noticia porque a Xunta de Galicia balizara os seus niños no continente, en aplicación do plan de conservación desta especie en Galicia. As praias galegas son o último reduto desta ave no norte da península Ibérica, pero apenas queda un cento de parellas. Nidifica directamente nas praias, de aí que sexa moi vulnerable ás perturbacións humanas (xente paseando, animais domésticos, limpezas mecanizadas dos areais). O Areoso está marcado no plan de conservación da especie como zona de presenza e a súa gran duna como área prioritaria de conservación, pero a realidade é que desde o 2013 non se volveron ver os seus niños no illote.

E finalmente chegamos á gabita, unha especie tamén clasificada como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, aínda que neste caso só a poboación nidificante. Trátase dunha ave migratoria que inverna na península ibérica pero adoita reproducirse no norte de Europa, aínda que en varias localidades galegas é frecuente ver individuos non reprodutores durante o período estival. Así e todo, hai algunhas parellas que crían en Cataluña (delta do Ebro, o núcleo máis importante), Galicia, Asturias e Cantabria. Na nosa comunidade autónoma xa nidificaba a comezos do século XX (estaba documentada na ría da Coruña e mais as Illas Sisargas, onde xa non o fai). A comezos do século XXI só había parellas reprodutoras na Mariña (costa de Lugo) e desde o 2010 están constatados nacementos nas Rías Baixas (illas Cíes e Guidoiro Pedregoso) pero en total non chegan a 15 en todo o territorio.

09_gavitas_resize

Gabitas sobrevoando o Areoso.

En 2013 localizárase unha nova parella no Areoso, pero ata 2017 non se puido atopar o niño. Este ano, ante a posibilidade de comezar a escavación da mámoa 4, os técnicos de biodiversidade quixeron confirmar se a parella seguía na zona e estaba a criar, porque son moi vulnerables á presenza humana. Molestias de excursionistas poden provocar o abandono temporal do niño e que gaivotas patiamarelas ou corvos depreden os ovos ou os polos. Moito peor sería a presenza permanente do equipo de escavación. E non só localizaron o niño, senón que viron que este estaba a escasos metros da mámoa, na mesma praia. Así que a escavación non podía levarse a cabo ata que rematase o ciclo de reprodución das gabitas.

08_gavitas Xurxo_cortada

A parella de gabitas do Areoso

A gabita, a pesar de que non sexa moi popular entre os que non nos dedicamos ás aves, é unha especie inconfundible grazas ao seu longo pico vermello-alaranxado, os ollos vermellos e a plumaxe negra de cabeza, colo e ás, que contrasta coa brancura do resto do corpo. Aliméntase de miñocas, vermes e larvas, mexillóns, berberechos, navallas, lapas, caracois, cangrexos e, ocasionalmente, peixes. Como gaivotas e gaivotóns, tamén colocan os seus niños no chan, ao descuberto ou entre vexetación escasa e xeralmente en solitario (non forman colonias). Pero, curiosamente, comparte os lugares de nidificación coas colonias de gaivota patiamarela e non ocupa illotes, aparentemente aptos, onde estas non crían. Adoitan poñer tres ovos, entre principios de maio e principios de xuño, que incuban 24-27 días ambos os proxenitores; de malográrense, poden chegar a facer unha segunda posta, o que alonga o período de cría ata ben entrado o verán. Os polos, que teñen unha cor marrón con manchas negras pola parte superior e branca na inferior, abandonan o niño ao pouco de nacer e completan o crecemento polos arredores. A medida que medran achéganse cada vez máis cos pais á zona intermareal rochosa, época na que comen moita lapa, de aí o nome que recibe a especie en asturiano, llampariego. Logo dun mes, os polos xa están completamente desenvolvidos e poden voar. Son moi lonxevas xa que poden vivir ata 40 anos, pero non adoitan ter crías ata os tres (femias) ou catro anos (machos).

10_Crías de Gavita Xurxo_resize

Polo de gabita entre as rochas, nos Farallóns (Cervo)

Nós acompañamos aos biólogos na súa segunda visita de control para ver se xa naceran os polos, durante a primeira semana de xuño. Na visita puidemos ver varios exemplares inmaduros que tamén permanecen durante o verán na zona. En canto á parella reprodutora, resultounos moi curioso ver (mellor, que nos explicaran) como a medida que nos iamos achegando á zona do niño realizaba manobras de distracción para tentar afastarnos das crías, desprazándose cara a outras zonas do illote e chiando para chamar a nosa atención.

07_Axexando_resize

Espreitando as gabitas no Areoso. Ao fondo, a zona onde se sitúa a mámoa 4.

Pero, como xa localizaran previamente a zona de cría, fomos directamente á praia onde se atopa a mámoa 4, e alí, entre as rochas, chegamos a ver dous polos que terían unha semana de vida. Desgraciadamente eran demasiado pequenos para anelalos, co que nos perdemos esta actividade. Consiste en colocarlles uns aneis de PVC con inscrición individualizada (como unha especie de matrícula) arredor dunha das patas, aneis que permiten identificalos a longa distancia e controlar os fluxos migratorios (de aí que saibamos que o gaivotón macho do Areoso naceu no Pedregoso).

11_anelando_resize

Aneis de identificación que se empregan para o control das aves. As amarelas son para as gabitas e as verdes para o gaivotón. Cada unha leva unha codificación única que identifica o exemplar e o seu lugar de nacemento, de modo que é doado recoñecelo na distancia lendo o código.

Como remate da nosa visita, rodeamos o illote na lancha para dirixirnos ao Pedregoso a confirmar que a parella que aniñara outros anos seguía alí instalada. E non só o fixemos (sen desembarcar) senón que tamén vimos que había unha segunda parella nos rochedos máis suroccidentais do propio Areoso. Oito días despois eles volveron de novo a anelar os polos, pero esta vez, desgraciadamente, foinos imposible acompañalos (non porque non nolo ofrecesen!). Desta volta si o conseguiron facer: os dous que vimos da parella a carón da mámoa, un da parella ao sur do Areoso e dous máis no Pedregoso. A finais de xuño fixeron unha nova visita para ver como progresaban, pero os polos aínda non voaban. Volverán estes días de comezos de xullo para confirmar que xa o fan e esperamos que dean luz verde para o comezo da escavación para mediados do mes de xullo.

Como vedes, o éxito reprodutor da gabita non é moi alto (cinco polos para tres parellas) de modo que é fundamental evitar a presenza humana nas zonas de cría durante a época de reprodución (maio e xuño como mínimo) para evitar calquera tipo de perturbación. Así se reducen os posibles abandonos temporais dos niños que facilitan que os depredadores coman ovos e polos. Mirade por exemplo como estaba a fin de semana do 18 de xuño, en plena vaga de calor, o Pedregoso, nunha zona moi próxima á de cría da gabita. 12-Praia Pedregoso xente ABermejo

Para evitar situacións deste tipo outras comunidades autónomas están a tomar medidas. Así, a de Asturias redactou un plan de conservación do hábitat para esta especie xa nos anos 90 que regulaba o acceso e mais a pesca deportiva nalgunhas áreas de cría e desde o 2005 impide o acceso non autorizado aos illotes nos que aniña entre o 1 de maio e o 31 de agosto.

Agradecementos. A Xurxo Mouriño, pola súa paciencia con nós: facilitounos amablemente toda a información que dispón das gabitas así como varias fotos para ilustrar esta entrada e ofreceuse para botarlle unha ollada ao texto final; así, conseguiu alixeiralo de erros e imprecisións (evidentemente, todos os que quedan son responsabilidade nosa). El, xunto con Andrés Bermejo, Vítor Cabaleiro e Fernando Rodríguez Brea fixéronnos de guías e compartiron con nós toda a súa sabedoría sobre o patrimonio natural do Areoso nunha magnífica tarde de comezos de xuño. E por suposto, a Francisco Javier Vázquez González, vixilante de Medio Ambiente e piloto da lancha sen o que sería imposible desprazarnos ao illote.

Advertisements

Unha reflexión sobre “A gabita e outras singularidades da flora e a fauna do Areoso

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s