Pero… que vén sendo un cuncheiro?

O próximo luns 17 de xullo dará comezo a escavación arqueolóxica da mámoa 4 do Areoso. Noutra entrada xa vos temos falado dalgunhas razóns polas que ten tanto interese esta escavación. Unha delas, e non de menor importancia, é a presenza dunha morea de cunchas, ou cuncheiro, pousada, polo que parece, directamente sobre a coiraza de pedra que recobre en superficie a mámoa. Pero…, que vén sendo un cuncheiro?

A presenza de moluscos illados nos contextos arqueolóxicos é algo relativamente habitual tanto en sitios de época prehistórica como histórica. E non son exclusivos dos xacementos costeiros: o comercio ou a propia mobilidade das poboacións prehistóricas fainos aparecer a moita distancia do mar, como denota o consumo de ostras no Lugo e Astorga romanos. Pero a aparición de moluscos no interior non sempre se debe a unha finalidade alimenticia, aínda que seguramente algúns dos seus usos ocorrían logo de consumilas: é o caso do emprego das cunchas de ostra como elemento para asentar as pezas de cantería na Idade Media (por exemplo, no castelo da Rocha Forte en Santiago de Compostela, on

Valdavara2

Algunhas da cunchas da Cova de Valdavara. Fonte: La Voz de Galicia

de tamén se comeron). En épocas máis antigas, son frecuentemente empregadas como adorno; o caso galego máis antigo coñecido é o das cunchas da cova de Valdavara (Becerreá, Lugo), que formarían parte dun colar empregado hai uns 17.000 anos. Tamén é frecuente empregar as cunchas para crear decoracións nas cerámicas. En Galicia localizáronse máis de 300 vasos campaniformes, de hai uns 4.000-4.500 anos, decorados con cunchas, fundamentalmente de berberecho, zamburiña ou volandeira, aínda que hai outras especies. Algúns deles atopáronse en sitios tan ao interior como o xacemento da Lagoa (Toques, A Coruña), aínda que neste caso é difícil saber se o que viaxou foi o molusco ou a cerámica xa decorada.

Alobre

Cuncheiro no castro de Alobre (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra)

Fronte aos moluscos illados, nas zonas costeiras é frecuente, ademais, localizar moreas de cunchas, que coñecemos como cuncheiros. En realidade estes cuncheiros non son outra cousa que vertedoiros de lixo, só que neles o compoñente maioritario son as cunchas de marisco. Como xa vos temos dito, a idea da limpeza no pasado non era a mesma que hoxe en día e cada sociedade fixo unha xestión diferente dos refugallos que producía. Pero pese a estas diferenzas, moitos grupos humanos costeiros acabaron xerando cuncheiros, desde Europa ata Xapón, pero tamén por toda África, América e Oceanía. Estes cuncheiros poden ser masivos, dunha grande extensión, ou de pequena entidade, formado por unha pequena acumulación de apenas un metro cadrado, e poden estar vinculados a un xacemento arqueolóxico (un castro) ou estar completamente illados, e, daquela, son eles mesmos o xacemento arqueolóxico.

Montealegre_1

Un pequeno cuncheiro no castro de Montealegre (Moaña, Pontevedra)

Pese ao seu nome, e a que visualmente poida parecer que só hai moluscos, estes non son o único integrante destes vertedoiros. Entre eles poden aparecer todo tipo de refugallos como ósos de animais, espinas e dentes de peixes, fragmentos de recipientes de cerámica, industria lítica rexeitada, obxectos de metal, carbóns, etc. Neles acaban por depositarse todo tipo de refugallos producidos durante a vida cotiá das xentes que o formaron. Para os arqueólogos estes depósitos son importantísimos porque as cunchas dos moluscos producen carbonato cálcico, que ten unha capacidade illante importante que permite que no seu interior se conserven restos orgánicos (ósos) en moi bo estado. Imaxinade a importancia que ten isto nunha zona como Galicia onde, fóra das escasas covas que existen na zona oriental, os solos son tan ácidos que destrúen os restos orgánicos en moi pouco tempo. Para épocas como a castrexa o pouco que sabemos sobre a gandería e a caza é precisamente grazas aos cuncheiros.

O estudo pormenorizado dun cuncheiro ofrécenos moitísima información sobre a comunidade que o creou, sobre o medio no que vivía e como o explotaba. Fundamentalmente sobre a alimentación. Pero o primeiro que tendes que ter en conta é que pese a que as cunchas de moluscos son o elemento maioritario isto non significa que estes fosen o seu principal aporte cárnico: calcúlase que unha persoa tería que consumir 700 ostras ou 1.400 berberechos diarios para vivir só de moluscos. Tamén tendes que pensar que a dieta está marcada non só polos recursos dispoñibles, senón tamén por cuestións como a capacidade da comunidade para xestionar os recursos, calidades gustativas, toxicidades, factores estacionais ou mesmo tabús. Don José Ramil, médico e arqueólogo, contaba que nos anos 40 do século XX, en plena época da fame da posguerra, os mariñeiros da Mariña entraban nos portos facendo estalar as centolas e bois que caeran nas súas redes contra o casco dos barcos, porque, para eles, eran arañas. O que pagariamos hoxe en día por eles!

Montealegre_2

Detalle doutro pequeno cuncheiro no castro de Montealegre

Pero hai outras moitas informacións que nos poden facilitar os cuncheiros. Para empezar, non todas as especies de mariscos se recollen para seren consumidos: hainos que se empregan para fabricar tinturas (como a púrpura) ou adornos. Pero as cunchas tamén nos ofrecen unha importante información paleoclimática, xa que os moluscos son moi sensibles aos cambios da temperatura e salinidade da auga: de apareceren certas especies intuímos daquela que o clima era máis cálido ou fresco. E mesmo é factible saber en que épocas recollían o marisco grazas a que as liñas de crecemento que presentan certos bivalvos son máis grosas en verán que en inverno por mor da maior cantidade de alimento e as mellores condicións da auga que se dan no primeiro. Ademais, de apareceren peixes, poderemos saber o que pescaban e como (por exemplo, de haber peixes de altura sabemos que tiveron que collelos empregando barcas). A fauna terrestre tamén nos pode informar do que cazaban ou do gando que consumían (a que idades o sacrificaban ou mesmo, con sorte, de como o cociñaban).

Un problema importante que presentan os cuncheiros é que os restos de moluscos son tan abundantes que resulta imposible recoller integramente o seu contido. Non hai forma de manexar tanta información cando teñen moito tamaño. Por iso escávanse integramente pero só se recollen ósos de animais e obxectos mobles (cerámica, líticos, metais). Para estudar os moluscos o que se fai é tomar mostras en toda a súa extensión: en cada punto que se determine (por exemplo, a cada metro) recóllese integramente todo o contido ao longo de toda a vertical do depósito. Estas mostras despois son peneiradas coa axuda de auga separando por tipos os distintos obxectos e restos que se localicen (cunchas, peixes, ósos, carbóns, cerámicas, etc.) que despois estudará cada especialista.

Peneirado

Procesando unha mostra dun cuncheiro. Fonte: http://arqueomalacologia.blogspot.com.es/

Como xa avanzamos máis enriba, os cuncheiros son moi frecuentes nos castros costeiros de Galicia, pero non só dos que se sitúan na propia liña de costa. Outros algo máis afastados como o de Santa Tegra, situado nun monte a máis de 250 m de altitude sobre o nivel do mar, presentan enormes vertedoiros deste tipo, probablemente como consecuencia do longo período de tempo que foi habitado. Pero que estean arriba, xunto ás casas e murallas do poboado, denota que o consumo de moluscos non era unha actividade ocasional, senón que había un interese por comelos na tranquilidade do fogar.

Para épocas máis antigas, porén, temos un descoñecemento case total de cuncheiros deste tipo. As únicas dúas excepcións atopámolas, precisamente, en Guidoiro Areoso. O primeiro localizouno José Manuel Rey García durante as escavacións de 1990 na praia sueste do illote. Era un cuncheiro masivo e moi fragmentado datado na Idade do Bronce (2225-1950 a. C.) no que predominaba a ostra común, o mexillón e a lapa, aínda que había tamén algunha orola (esa especie de ameixa enorme que se ve nas nosas praias) ademais doutras especies xa moito menos frecuentes, case puntuais. No cuncheiro había tamén fauna doméstica, predominando a vaca sobre ovicápridos e porco.

5_cuncheiro

O cuncheiro a carón da mámoa 4 do Areoso tal e como se localizou.

O segundo concheiro do Areoso é precisamente o que se sitúa a carón da mámoa 4 e se escavará este ano. Pero del xa temos algunha información posto que no ano 2014, cando se localizou, a Xunta de Galicia autorizou a Carlos Fernández Rodríguez e Natividad Fuertes Prieto, profesores da Universidade de León, a tomar unhas mostras no perfil que o mar deixara á vista. Estas mostras xa están procesándose e un avance dos resultados presentouse nun congreso peninsular a finais de abril deste ano e saírá publicado nos próximos meses. As especies son practicamente as mesmas ca no outro, só que aquí predominan lapa e mexillón fronte a ostras; como curiosidade, tamén aparecen restos de ourizo de mar. Neste cuncheiro case non hai fauna doméstica (polo menos, na parte que mostraron eles) pero si algúns peixes, fundamentalmente dourada, farro e algún tipo de lorcho. Estes son os primeiros datos sobre a pesca en Galicia anterior ao mundo castrexo.

Detalle cuncheiro

Detalle do cuncheiro logo de recoller as mostras en 2014. As pedras que se ven son as que forman a coiraza que recobre a mámoa.

A información dos dous cuncheiros do Areoso é moi interesante porque nos indica que o contorno do illote seguramente era moi diferente a como o vemos hoxe en día. Polo menos, as especies que consumían eran fundamentalmente de rocha, tanto moluscos (lapa, mexillón) como peixes (especies que se aproximan á costa e se sitúan en zonas rochosas). Por outra parte, Carlos Fernández está a estudar tamén os abundantes ósos de animais que desde o 2013 o mar está a deixar ao descuberto nas praias do Areoso, a medida que erosiona o paleosolo onde se sitúan os restos arqueolóxicos. Novamente predomina o gando vacún, e, como novidade, hai algún resto de cervo. Estes datos parecen confirmar a hipótese de que o illote seguramente estaba unido ao continente, ou facilmente accesible en marea baixa, na época en que se formaron estes concheiros. Porque parece difícil imaxinar a aquelas xentes levando en barcas tanta vaca e cervo ata alí.

Cunchas

Tamaño das ostras e lapas que aparecen no cuncheiro da mámoa 4. Está claro que as especies estaban menos explotadas que na actualidade e collían só as máis grandes.

Esperamos que a escavación deste ano, grazas ao cuncheiro, nos ofreza moita máis información de como vivían as xentes que habitaban o Areoso hai máis de 4.000 anos.

 

Agradecementos: A Carlos Fernández Rodríguez polas notas que nos pasou sobre os resultados das mostras do cuncheiro da mámoa 4. Partes deste texto baséanse en artigos del cos seus colaboradores Víctor Bejega García e Eduardo González Gómez de Agüero. Os arqueólogos Diego Piay Augusto e Miguel Vidal Lojo permitíronnos empregar nesta entrada fotos que tomamos nas escavacións dos seus xacementos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s