Tras a 2ª semana de intervención, cambiamos o ritmo da escavación

Levamos quitado máis de 2 metros de area sobre o túmulo, nunha área de escavación que alcanza os 100 m2. Pero xa estamos comezando a descubrir como estaba a mámoa 4 antes de que o ambiente cambiara tanto, antes dese punto no que empezaron a formarse estas potentes dunas no Areoso.

IMG_92921_(6)[1]

É un exercicio moi difícil tratar de imaxinar como sería o noso contorno sen eses 2 metros de area enriba, exactamente o momento da escavación no que nos atopamos. Os cons (como chaman os arousáns as pedras e bolos graníticos que sobresaen do mar) e os afloramentos que temos ao noso redor destacarían enormemente, marcarían unha paisaxe de carácter moi rechamante, realmente singular…IMG_031900

 

Así, temos á vista unha superficie moi escura pero que, como a pequena porción de duna que acabamos de escavar, tamén está formada básicamente por area: cambiou a cor, pero esta capa nos está a falar de que, no momento no que se formou este paquete, xa estaríamos nun ambiente costeiro, moi próximo ao mar, tanto… que o chan formouse en base a area. Tamén comeza a saír algún material arqueolóxico, mais aparentemente está descontextualizado: fragmentos de cerámica, algúns moi pequenos e outros máis grandes que, cando examinemos en detalle o seu estado de conservación, nos dirán se é posible que proveñan doutro sitio próximo que estaba erosionándose ou desmantelándose, e, ao desfacerse o seu contexto orixinal, chegan ata aquí removidos…

Neste momento O Areoso xa sería un illote, o mar non estaría moi lonxe, aínda que é probable que a súa superficie fose maior que agora, aspectos que están a estudarse dende as Ciencias da Terra (Xeoloxía, Xeomorfoloxía, Paleoambiente, etc.) como xa falamos neste blog no post  ESTUDANDO OS PALEOSOLOS DO AREOSO … e nós, na escavación, non temos por agora evidencias de que se produza un uso moi intenso do Areoso en relación a esta capa escura que cobre todas as estruturas arqueolóxicas.

Pero debaixo desta capa de terra negra que estamos comezando a escavar, podemos atoparnos moitas sorpresas. Aínda que os monumentos megalíticos foron feitos aproximadamente hai uns 6.000 anos, nas súas escavacións é habitual ver que atraeron a moita xente, centos e incluso miles de anos despois de construídas, cando quizais xa ninguén se lembraba de que aí sesoterraban os mortos da familia. En moitas escavacións foron identificadas alteracións e usos na Idade de Bronce, aproximadamente hai uns 4.000 anos, ou mesmo restos da época da romanización de Galicia, e, por suposto, practicamente todas teñen os furados dos que remexeron e desfixeron as cámaras megalíticas buscando supostos tesouros…

IMG_031900 (2)

Estamos, polo tanto, nun momento moi interesante xa que podemos atopar indicios de reutilizacións do monumento e tamén pegadas de destrucións máis ou menos intencionais. A forte pegada na paisaxe e a singularidade das tumbas neolíticas, construídas para durar e para ser vistas, tamén puido atraer a outras xentes antes ca nós. Veremos se atopamos indicios deles.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s