Como é escavar no Areoso… un illote no medio da ría de Arousa

Moita xente pregunta como facemos para traballar no illote do Areoso. Xa coñecedes ben que estamos nun espazo natural no medio da Ría de Arousa, de pouco máis de 600 m de longo por 200 m de ancho, a menos de 2 km da Illa de Arousa, a uns 3 km dende o porto do Campo, dende o cal saímos todos os días. Para chegar ao noso lugar de traballo temos que ir nun bote: cada día a equipa, entre 6 e 8 persoas, carga todos os seus trebellos, ferramentas, equipos, cámaras, fichas… e desembarca nas praias do Areoso. IMG_20372Grazas á pericia do noso patrón Gabriel e o seu axudante Juan, de Amare Turismo Náutico, nunca nos mollamos para subir e baixar do bote, o que pode ser realmente complicado, máis se vas con mil vultos… unha vez en terra só queda achegarnos ata a zona da escavación da Mámoa 4, onde estamos desenvolvendo a maior parte do traballo desta intervención.

É un espazo natural que ten a típica vexetación de duna, o que implica que non temos árbores ou espazo no que facilmente atopemos unha sombra ou refuxio, e, por suposto, temos que levar os nosos víveres, auga e calquera cousa que precisemos para pasar o día, como a crema solar! Tamén temos a obriga, aínda máis, o propósito, de respectar este entorno natural e afectalo o menos posible debido ao estado precario no que se atopa tanto a fauna como a flora do Areoso tal e como vos contamos no post A gabita e outras singularidades da flora e fauna do Areoso.  IMG_92920 (3)

É moi forte a erosión por causas naturais, pero tamén a provocada pola presión humana, isto está a estragar e mudar completamente este espazo que está en grave perigo de perderse. Vemos como a erosión das dunas, sobre todo da metade Norte do illote, está avanzando cada vez a máis velocidade, unha mostra disto é que esteamos agora vendo xacementos que seguramente levan moito tempo baixo as areas… Por iso, e por seguridade, temos a nosa área de traballo delimitada cunha corda sinalizada por carteis, para evitar que a xente pise accidentalmente a zona de escavación arqueolóxica, caia polos perfís… Pero tamén, limita o noso movemento ao espazo máis inmediato ao redor da escavación para que así, a vexetación da duna, que actúa coma unha rede que apreixa a area que ten debaixo, non morra a causa da nosa presenza. Procuramos movernos pola praia, e por aí temos estendidas a area e a terra que estamos retirando sobre a Mámoa 4, para procurar ademais que o mar chegue ata a fronte da duna e a continúe erosionando.

Non poder levar ferramentas pesadas, equipamento electrificado, maquinaria, etc. complica o día a día do traballo arqueolóxico que estamos a realizar. Pero tamén outras tarefas que están a realizarse por diferentes especialistas. Esta semana pasada, na 3ª semana de intervención, estivo con nós un equipo de canteiros, xa que precisábamos retirar a lousa de cuberta que estaba derrubada cara ao interior da cámara.

Para poder ver o que hai dentro do dolmen tivemos que retirala, e quen mellor que uns canteiros para facelo! Pero non podíamos traer unha grúa ou outros dispositivos mecanizados ou pesados. IMG_20093Miguel Fandiño e mais Rocío trouxeron o que precisaban na lancha que nos trae todos os días: un trípode metálico de grande altura, cinchas, cadeas, polipasto,… e con estas sinxelas ferramentas, case case “prehistóricas”, eles dous lograron retirar esta lousa que calculan que pesa entre 1.500-1.800 kg, movela ata un lado con total seguridade e sen danala e sen rozar o resto de lousas da estrutura. No final da intervención volverán, porque o noso propósito é colocala tal e como estaría no momento da súa construción, sobre as lousas fincadas tapando a cámara, sempre que as pedras que a conforman sexan capaces de aguantar o seu peso e poidamos colocala enriba. Despois dos primeiros exames feitos pola nosa colaboradora Teresa Rivas especialista en granito e o seu comportamento, a nosa restauradora, Andrea Fernández e outras persoas especialistas que están na intervención (e á espera da opinión das que aínda están por achegarse), observamos que varias das pedras da cámara están partidas e quizais non sexa posible colocar a tapa nunha posición que axude a mellorar a consistencia e estabilidade da mesma. A proposta final de restitución farase cara ao remate da intervención, no que pretendemos que a cámara quede a vista en todo o seu contorno, emerxendo uns 50 cm sobre as pedras e area que a rodearán.IMG_2037012

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s