Desentrañando o que agocha o cuncheiro da Mámoa 4 do Areoso

Esta semana comezamos a escavar o cuncheiro da Mámoa 4, que é un dos elementos máis singulares e interesantes desta intervención, como xa vimos neste post POR QUE TEN INTERESE A ESCAVACIÓN DA MÁMOA 4 DO AREOSO?

Os cuncheiros son elementos arqueolóxicos especialmente interesantes, porque nos permiten saber sobre a vida, o tipo de alimentación e costumes destas épocas prehistóricas. Un cuncheiro é, sobre todo, unha acumulación de cunchas, pero tamén ten a vantaxe de que as cunchas fan que se conserven restos orgánicos que doutro xeito se perden no rexistro arqueolóxico, como son os ósos, sementes, espiñas de peixes, etc. O carbonato cálcico que desprenden crea un entorno especial que limita a descomposición dos materiais orgánicos, o que é habitual no resto dos depósitos arqueolóxicos debido a acidez do chan. Estas condicións de acidez fan que non atopemos todos estes restos orgánicos, tan importantes para saber como vivía a xente de tempo atrás, por iso este cuncheiro no Areoso é tan importante.

IMG_951805 (2)

Cuncheiro na Mámoa 4 de Areoso

O noso propósito é saber de que época é a formación deste cuncheiro, con qué tipo de evento está relacionado, a que especies animais e vexetais corresponden estas cunchas, ósos, espiñas, sementes,… que se poden acumular no cuncheiro. Pero para ser capaces de saber todo isto, temos que saber como recollelo e rexistralo do mellor xeito posible, analizar que especies aparecen e cales non, que variedades de tamaños hai…. Todos son aspectos que temos que ter na cabeza no proceso de escavación dun cuncheiro. E para facelo da mellor maneira posible, contamos coa colaboración do noso experto Carlos Fernández.

O Dr. Carlos Fernández Rodríguez é profesor da Universidade de León dende 2003 na Área de Prehistoria, Departamento de Historia, na Facultade de Filosofía e Letras. É especialista en zooarqueoloxía, é dicir, no estudo dos vestixios de fauna recuperados en xacementos arqueolóxicos. Ten realizado análises de restos que van dende a época paleolítica ata a actualidade, como podedes ver nas súas publicacións accesibles en aberto neste perfil online.

IMG_951804

Carlos Fernández e Santiago Vázquez revisando o cuncheiro da Mámoa 4

Carlos xa estudou anteriormente o cuncheiro da Mámoa 4, analizando aproximadamente 15 kg de mostraxes extraídas no 2014 cando este quedou á vista. O seu traballo de análise toma especial relevancia esta semana, posto que, como xa dixemos, agora estamos no momento da intervención no que se empeza a escavar o cuncheiro, e se vai levar a cabo o rexistro de moitas máis mostras segundo o plan proposto polo propio Carlos. Este plan de rexistro e mostraxe foi afinado nunha visita de Carlos ao Areoso hai un par de semanas, onde se definiu a estratexia de documentación e de extracción completa de partes deste cuncheiro. Isto nos axudará a definir as posibles variacións, acumulacións, especies, etc. que se poidan dar na totalidade do cuncheiro. Tras este rexistro na escavación, Carlos e o seu equipo comezarán un proceso laborioso de análise dos datos recuperados durante o traballo de campo, e farán un estudo máis completo e profundo destes restos.

É de esperar que este labor de investigación poida aportar máis datos sobre o contorno no que se desenvolvía o grupo humano que xerou o cuncheiro e sobre a súa relación con el. Tamén pode chegar a aportar información sobre a climatoloxía de Areoso na época na que se acumulou aquí esta grande cantidade de cunchas.

20707979_110838729589949_2849096676785348253_n

Ósos de animal atopados na Mámoa 4

Polo de agora, grazas aos estudos que Carlos xa ten feito dende o ano 2013 dos ósos atopados no Areoso e das mostraxes do cuncheiro da Mámoa 4 que fixo no 2014, podemos saber que as especies predominantes no cuncheiro son a lapa, mexillón e ostra, todas elas especies de rocha. En canto ao peixe, atopáronse restos de dourada e farro principalmente. Por outra banda, a presenza de ósos de gando vacún, de ovella e de cabra, poderían ser un indicativo de que daquela o Areoso non era unha illa, tal e como xa puidemos saber coa entrada Pero…qué ven sendo un cuncheiro.

Estes datos, ademais, son moi interesantes posto que dan información sobre que tipo de pesca se levaba a cabo nesta parte do Noroeste Peninsular durante a prehistoria. Por sorte, agardamos que en pouco tempo podamos ter máis información que nos axude a coñecer un pouco máis estes aspectos da cultura e do contorno do Areoso durante a Prehistoria recente. Esperamos con ganas todos estes estudos, dos que xa veñen de presentar os resultados preliminares nun congreso especializado en Portugal co título SHELLFISHING DURING THE BRONZE AGE IN NORTHWESTERN IBERIA: FIRST RESULTS FROM GUIDOIRO AREOSO SHELL MIDDEN (GALICIA) – Marisqueo durante a Idade de Bronce no Noroeste da Península Ibérica: primeiros resultados dende o cuncheiro de Guidoiro Areoso (Galicia)

IMG_951805

Moitas grazas Carlos!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s