Xa estamos no ecuador da intervención!

Estamos na 5ª semana de escavación arqueolóxica no Areoso dun total de 8 semanas de traballo, polo que xa temos superado a metade do tempo previsto para esta intervención. IMG_29052Levamos retirada moita area, rexistrado unha gran cantidade de unidades estratigráficas, mostras, materiais arqueolóxicos, datos topográficos… e ademais, recibido multitude de visitas que, polo seu interese, ánimo e preguntas, sérvenos de estímulo para seguir adiante.

Neste momento xa estamos escavando e rexistrando as capas que cobren directamente as estruturas que conforman o monumento tumular, pero aínda falta bastante para rematar esta tarefa. Estivemos estas dúas últimas semanas retirando toda unha serie de capas moi areosas, no que predomina un paquete moi escuro, e que claramente formáronse nun momento no que o ambiente da contorna era moi similar ao actual: a alta proporción de area nos depósitos nos está a indicar que estaríamos nun entorno areoso, próximo ao mar, como xa vos adiantamos no post TRAS A 2ª SEMANA DE INTERVENCIÓN, CAMBIAMOS O RITMO DA ESCAVACIÓN. Esa area foise acumulando sobre a Mámoa 4, que ademais estaría, de vez en cando, cuberta de vexetación que ao podrecer, acabaría dando ese aspecto tan escuro a estas capas.

IMG_29053

Detalle da columna de mostras do paquete escuro areoso que cobre os restos

Unha columna de mostraxe que extraeu nesta zona Ramón Blanco Chao, xeomorfólogo e especialista en espazos litorais da USC, axudaranos a coñecer en detalle como se foron formando estes depósitos.

Ao empezar a retirala, temos identificado que este espazo estivo a albergar algún tipo de actividade que aínda estamos a desentrañar. Cara o oeste da área de intervención (e ao oeste e sur da propia mámoa), teñen aparecido diversos conxuntos de pedras aínda sen interpretar. Estas acumulacións pétreas definen varias alineacións e un semicírculo:  as primeiras, a xeito de sinxelos muretes, están formadas por dúas ou tres fiadas de pedras apiadas, algunha delas fincadas e sen argamasa; incluso, se ben algún treito destes pequenos muros está derrubado, pódese apreciar a conformación dun espazo de planta tendende a rectangular, aínda que non totalmente definido polo de agora.

IMG_29055

Estas estruturas atópanse claramente sobre os restos máis antigos, relacionadas coa mámoa e, incluso, sobre o cuncheiro que seguimos a escavar estes días, o que nos indica que responde a un evento posterior ao monumento megalítico. Temos varias pistas sobre a época de construción e uso destas estruturas, xa que, vencellado ao paquete areoso no que se teñen rexistrado estes bloques de pedras, temos atopado algún material arqueolóxico de interese. Son significativos varios fragmentos de cerámica con decoración, como os que se amosan a continuación, que nos levan ata a Idade de Bronce e, incluso, a cronoloxías máis recentes: un borde dunha ola tipo “largo-bordo” ou varios fragmentos campaniformes.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Por outra banda, se ben xa temos ao descuberto unha grande parte da coiraza da Mámoa 4, na zona do acceso, ao surleste, aínda se está a escavar o cuncheiro do que se ten falado no post anterior DESENTRAÑANDO O QUE AGOCHA… Vemos que este cuncheiro exténdese por toda a parte frontal de entrada á cámara e, nos sectores xa escavados, está directamente sobre a propia coiraza do monumento. Tamén pódese observar como a capa de cunchas cubre un gran bloque alongado de pedra  que se atopa ao oeste do corredor e que, pola súa forma e tamaño, semella ser unha das laxes de cuberta do mesmo. IMG_29053 (4)Se esta peza, como parece, pertence á estrutura orixinal da cámara, estaría a indicar que foi quitada da súa posición primaria antes de que o cuncheiro se formara, dato que indicaría unha desmontaxe desta parte da estrutura megalítica principal en momentos prehistóricos.

Estamos tamén empezando a retirar os depósitos do interior da cámara e do corredor, tratando de identificar se os recheos que ten responden a algún tipo de remexido ou están en posición orixinal. O que xa temos bastante claro é que o tipo de cámara ante o que estamos non é común. Habitualmente as cámaras megalíticas teñen unha lousa de cabeceira sobre a que se van apoiando o resto de ortostatos ata formar o espazo da cámara. Habitualmente a laxes distribúense por pares a un lado e outro da de cabeceira, ata facer unha cámara aberta como esta, e logo, un ou varios pares de lousas máis pequenas forman o corredor de acceso. Isto quere dicir que o normal é que as cámaras teñen 5 ou 7 laxes, pero nesta altura da escavación da Mámoa 4, estamos vendo que a cámara está composta por 6 laxes. Sería un dos poucos casos coñecidos en Galicia, algo que tamén ocorre na mámoa 6 de Os Campiños (Rianxo) escavada en 1984 (acceso a publicación online da escavación), ainda que nesta outra mámoa só conservaba 4 laxes in situ.

IMG_29053 (3)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s