E como saber de CANDO son estes restos? A combinación de distintas técnicas de datación e o emprego da OSL na intervención do Areoso 2017

En Arqueoloxía interésanos moito saber como foron configurados os espazos, como foron construídos, como se empregaron, que restos quedaron no sitio, que ferramentas e técnicas tiñan as sociedades que os construíron, que indicios son produto de accións deliberadas e cales nos chegan a nós como resultado do abandono do lugar e os procesos naturais posteriores… Pero a outra gran pregunta é CANDO, para así entender a “biografía” do monumentos, como xa vimos neste post POR QUE TEN INTERESE A ESCAVACIÓN DA MÁMOA 4 DO AREOSO?

Neste sentido, escavar con coidado e cunha metodoloxía arqueolóxica que rexistra as relacións físicas entre Unidades Estratigráficas (cal está por enriba, cal por debaixo, se unha ou varias están cortadas por… un burato, se están adosadas, …) permítenos albiscar a sucesión temporal na que foron xeradas estas distintas capas, algunhas resultado da acción humana e outras da acción da natureza. Así obtemos a sucesión de estratos que, por exemplo, nos permite dicir que o cuncheiro é posterior á coiraza do túmulo, pero aínda nos falta saber de que época é ese cuncheiro.

A forma máis habitual para poder dicir de que época é un estrato é polo material arqueolóxico que contén. Deste xeito, comparando os materiais recuperados aquí coas escavacións e investigacións previas, podemos dicir que, se aparece unha cerámica campaniforme no cuncheiro, como este tipo de obxecto é propio de comezos da Idade do Bronce e incluso ten aparecido en contextos xa previamente datados, este cuncheiro será desta época.

Pero ademais, en Arqueoloxía, apoiámonos noutros especialistas e técnicas para ir máis alá e obter cronoloxías absolutas. Estas técnicas son aquelas que permiten determinar unha data ou idade a partir da análise directa da mostra seleccionada. O máis habitual dos sistemas de datación absoluta en contextos arqueolóxicos é a datación por Carbono 14 (C14), da que temos previsto facer polo menos 2 análises nesta intervención a cargo do proxecto arqueolóxico. Pero é unha técnica que tamén se está a aplicar no estudio paleoambiental que se desenvolve co proxecto da USC que xa vos temos falado para calcular a data dos distintos niveis identificados. Se queres saber máis desta técnica, podes ver un resumo sobre en que consiste a datación por radiocarbono na web deste laboratorio que realiza multitude de datacións de contextos arqueolóxicos. En Galicia xa contamos cunha ampla colección de datacións por Carbono 14 en contextos megalíticos que crece con cada intervención e que nos permite saber, por exemplo, que as mámoas máis antigas están datadas en torno ao 4.500-4.300 a.C. (como por exemplo, Forno dos Mouros 5 ou Chousa Nova 1, nas que varios membros deste equipo temos traballado) ou que os accesos nas grandes cámaras, como os de Dombate ou Campiños 6 foron pechadas entorno ao 3.000-2.500 a.C.

Pero ademais existen moitas outras técnicas de análise físico-química que permiten calcular directamente a idade dun estrato, e este post querémolo dedicar a unha delas:

             Datación por OSL (Optically Stimulated Luminiscense)
ou
DATACIÓN POR LUMINISCENCIA ÓPTICAMENTE ESTIMULADA.

Datación por OSL (Optically Stimulated Luminiscense)  ou  DATACIÓN POR LUMINISCENCIA ÓPTICAMENTE ESTIMULADA.

Proceso xeral que produce a sinal de luminiscencia (1-2) e do procedemento de mostreo e análise para determinar a idade (3-6). Extraída de http://core.ecu.edu/geology/mallinsond/OSL.htm

A OSL é capaz de calcular a radiación natural acumulada por un mineral dende a última vez que quedou exposto á luz, ou sexa, mide cando estes minerais viron a luz por última vez e polo tanto, danos unha data de antigüidade.

Somos quen de aplicar esta técnica nesta intervención grazas a colaboración do Dr. Elías López-Romero, investigador do LaScArBx – LabEx Sciences Archéologiques de Bordeaux da Université Bordeaux-Montaigne (Francia), especialista en megalitismo e neolítico, arqueoloxía costeira, arqueometría, arqueoloxía da paisaxe, emprego das novas tecnoloxías en patrimonio, etc. e do que podes ver as súas publicación en aberto aquí… Elías é unha das patas, alma e corazón deste blog Guidoiro Dixital, quen xa centrou a súa investigación neste illote no seu proxecto anterior entre 2013-2015, grazas ao financiamento que aportou co seu proxecto europeo Marie Curie-IEF: eSCOPES “Evolving spaces: coastal landscapes of the Neolithic in the European Land’s Ends” da Universidad de Durham. Previamente xa tiña tamén traballado no contexto costeiro destas rías, preto dos Guidoiros, durante o seu contrato no Incipit, CSIC, do que resultaron varias publicacións coma esta “Estudo arqueolóxico do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Prospección superficial e vulnerabilidade“.

23

Elías rexistrando en setembro de 2013 a chamada Cista 2 do Areoso, actualmente xa desaparecida. Podes ver o modelo 3D deste cista aquí en https://skfb.ly/TLDO

O seu interese científico segue centrado no megalitismo + costa + vulnerabilidade dos xacementos costeiros, pero tamén lle interesa especialmente aplicar unha técnica de datación directa como a OSL que aínda non está moi estendida nos contextos prehistóricos, como xa nos contou na súa publicación de 2011 DATACIÓN POR LUMINISCENCIA ÓPTICAMENTE ESTIMULADA DE MONUMENTOS MEGALÍTICOS:CONTEXTO Y PERSPECTIVAS, onde podes ver unha explicación máis ampla da técnica e o seu interese.

Para facelo aquí, no Illote do Areoso, Elías solicitou os servizos dun grande especialista, o Dr. Jorge Sanjurjo Sánchez e o seu equipo do Grupo de investigación Grupo Interdisciplinar de Patrimonio Cultural e Xeolóxico (CulXeo) da Universidade de A Coruña. Jorge é especialista en xeocronoloxía, xeoquímica ambiental, xeomorfoloxía, xeoarqueoloxía, etc. e sobre todo en datacións por OSL, como podes ver nas súas publicación en aberto aquí…

Na primeira semana de intervención, tras ter un perfil completo do xacemento e identificar a sucesión estratigráfica e a relación cos elementos construtivos do monumento megalítico, procederon a facer a mostraxe para a Datación por OSL. Analizando as posibilidades que tiñamos, a estratigrafía do xacemento, os coñecementos dos distintos especialistas tanto no contexto arqueolóxico como na técnica OSL, seleccionáronse 4 puntos concretos para a tomas de mostras para OSL, con especial coidado para que as mostras non lles dera a luz en ningún momento.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Este tipo de datación é especialmente fiable en relación a algún tipo de minerais, como o seixo, que é abondoso na composición das areas das praias. E por outra banda, as dunas son moi complicadas de datar por C14 xa que normalmente teñen pouca materia orgánica, que é un dos tipos de materiais que pode ser datado por Carbono 14. Así, a OSL revélase como unha técnica moi útil en contextos costeiros coma este.

Escolléronse os sitios concretos onde extraer as mostras en relación á identificación de superficies especialmente relevantes, como a capa que cobre directamente a coiraza (ese sedimento negro e moi areoso que vos temos falado nos post anteriores) para así calcular en que momento este sedimento deixou de recibir luz.

109

Mostraxes para OSL (círculos numerados) e mais as columnas de mostraxes paleoambientais (en verde) extraídas na parte posterior na laxe de cabeceira da Mámoa 4 do Areoso

Outra recolleuse na base da duna máis antiga que se formou directamente sobre esa capa negra. Tamén se colleron mostras na superficie baixo a coiraza, na parte superior da masa tumular e unha última preto da base da cámara.

Os resultados destas datacións, en combinación coas datacións e análises físico-químicas que realizará o equipo de paleoambiente de Ramón Blanco – USC das mostras obtidas ao carón das de OSL, mais as datacións por C14 dun par de contextos arqueolóxicos noutras zonas da mámoa, a lectura estratigráfica, o material arqueolóxico rexistrado en cada capa, todo iso por xunto permitiranos saber CANDO se formaron os estratos clave e principais do xacemento, e polo tanto a historia no tempo deste túmulo, dende que foi construído ata que se empezaron a formar as dunas sobre el.

Moitas grazas Elías por escoller esta intervención para a túa apaixonante investigación e darnos a oportunidade de datar estes contextos con esta técnica tan interesante.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s