A Fotogrametría para rexistrar en detalle e en 3D a escavación arqueolóxica da Mámoa 4 de Areoso

A escavación arqueolóxica implica un proceso de remoción dos diferentes sedimentos (capas de terra, pedras…) depositados de xeito natural e/ou antrópico no espazo que conforma un xacemento arqueolóxico. Deste xeito, hai que ir retirando capa por capa cada estrato para identificar os distintos elementos que compoñen a historia do sitio que estamos a escavar. Moitos destes elementos non volverán nunca a atoparse como os vemos no momento da escavación, e é por isto polo que é moi importante facer un rexistro exhaustivo, onde recuperemos toda a información posible. Para elo, os arqueólogos dispoñemos de toda unha serie de metodoloxías e técnicas para rexistrar de forma sistemática a diversa información que nos proporcionan as diferentes capas existentes:  as súas características (tamaño, situación, composición, aspecto, relacións físicas,…), a súa estruturación, o material arqueolóxico que o acompaña (cerámica, líticos, restos de animais e plantas, restos humanos, etc.), a relación coa contorna, o seu estado de conservación, etc.

Hoxe imos presentar unha das técnicas de rexistro que empregamos nesta intervención e que permite documentar tridimensionalmente e en detalle o tamaño, forma e aspecto das distintas capas e estruturas que estamos a identificar. Interésanos aplicar esta técnica xa que así estamos a crear unha copia dixital de moito detalle da xeometría de cada un dos elementos máis destacados deste xacemento.

Para elo, aplicamos a denominada Fotogrametría Dixital Xeorreferenciada, tal e como estaba detallado no proxecto da intervención. É unha técnica que se basea na realización de toda unha serie de fotografías do sitio que, xunto cunha serie de medicións complementarias, permite crear modelos 3D, modelos dixitais do terreo, ortofotografías, etc., e así incrementar a precisión e densidade dos datos topográficos rexistrados. Como os datos destas medicións son obtidos cunha Estación Total xeorreferenciada no sistema de coordenadas global, logramos que todo o rexistro estea no mesmo sistema de referencia, e polo tanto que se poida comparar con outra información xeográfica previa ou que sexa xerada no futuro.

This slideshow requires JavaScript.

Esta técnica ten unha longa historia pero nos últimos anos cada vez está a ser aplicada con máis frecuencia en proxectos coma este. Se seguides este blog xa temos falado dela, dado que foi empregada para realizar os modelos 3D do seguimento da erosión dos xacementos do Areoso entre 2013-2015 (post 1). Ademais, neste proxecto téñense feito reconstrucións 3D a partires de fotos antigas de varios deses xacementos do Areoso ou de zonas xa erosionadas e perdidas, tal e como falamos neste outro post 2 sobre o modelo 3D da xa desaparecida mámoa 5.

Son moi útiles para a presentación online dos elementos localizados como podedes ver neste outro post e no perfil en Sketchfab de Guidoiro Dixital onde se pode interactuar cos modelos 3D, ou tamén a empregamos para realizar a topografía do illote completo (feito xa relatado no blog de Patricia Mañana, a directora desta intervención).

Durante esta intervención este método de rexistro está a cargo do especialista Alejandro Güimil, que forma parte do equipo de TOMOS para a escavación, e que ten cumprida experiencia na documentación 3D de sitios arqueolóxicos, pezas, etc., así como na aplicación das Tecnoloxías de Información Xeográfica (tal e como podedes ver, por exemplo, no seu perfil de Sketchfab ou nas súas diversas publicacións online).

IMG_1719

g

Ademais, esta vindeira semana, levarase a cabo un voo cun drone que, de seguro, proporcionará algunha imaxe impresionante do sitio. Pero tamén, xunto con esas imaxes capturadas e os puntos de apoio rexistrados, poderase fornecer unha planimetría de detalle do sitio no seu estado actual e tamén de toda a contorna inmediata do illote para,  deste xeito, poder avaliar o seu estado actual e comparalo tanto cos rexistros anteriores coma cos que se poidan realizar no futuro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s