Guidoiro Areoso non é un caso único. A presenza de xacementos arqueolóxicos na liña de costa que se ven ameazados pola erosión mariña é algo global, que afecta a todo o mundo en maior ou menor medida. Na propia Illa de Arousa hai dous sitios que se sitúan na zona intermareal que corren serio perigo. Un deles, é o xacemento romano de Praia do Naso, na zona norte da illa. O outro é a necrópole de cistas de Punta Riasón, ao leste, mirando cara ao continente e relativamente preto da ponte que a une a el.
Hoxe deu comezo a escavación arqueolóxica destas cistas, unha actuación que financia a Xunta Galicia e executa a empresa Gabinete de Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, SL. De novo, patrimonio arqueolóxico litoral en perigo, algo que encaixa moi ben co tema desta bitácora, aínda máis se consideramos que estamos dentro do mesmo termo municipal. Trátase dunha actuación de moi poucos días, de modo que a empresa adxudicataria pediunos empregar este blog e a nosa páxina de facebook como elementos de difusión, de modo que, como comprenderedes, estamos encantados.

Situación das tres cistas na zona intermareal
O xacemento de Punta Riasón sitúase na zona intermareal, e así é cuberto todos os días durante a marea alta. Consiste nunha necrópole de cistas, caixas funerarias formadas con laxes delgadas de grande tamaño. Coñécense unicamente tres destas cistas, que a acción de lavado do mar na liña costeira deixou á vista: unha en relativo bo estado de conservación, unha moi alterada da que só se conserva unha parte das lousas e a terceira parcialmente sepultada aínda polo cantil da costa. A cista 1 é a única que se aprecia na súa totalidade. É nunha estrutura en forma de caixa con planta rectangular e unhas dimensións aproximadas de 130 x 70 cm. Está formada en todos os seus lados por unha única lousa de granito, se ben ao leste refórzase ao exterior por unha segunda lousa. Todo fai pensar que no interior o cadáver (ou cadáveres, porque en zonas onde se conservan ósos ás veces chegan a aparecer dous individuos enterrados xuntos) se situarían co corpo en lateral e encollido.

A cista 1
A forma, tipo de construción, dimensións e dispersión das tumbas (relativamente afastadas unhas doutras) levan a pensar que estamos ante enterramentos do Calcolítico / Idade do Bronce, a partir de hai uns 4.500 anos. Trátase dun tipo de tumbas que non son moi frecuentes en Galicia (apenas se coñece unha decena de sitios), non porque non sexan máis abundantes senón porque os construtores non as sinalaron en superficie con ningún tipo de marca que faga identificable a necrópole. Deste modo, permanecen ocultas aos nosos ollos ata que algunha máquina as destrúe accidentalmente, ou, como neste caso, o mar nolas vai deixando á vista.

Inicio da escavación da cista 3
Desafortunadamente, ningunha conserva evidencias de cuberta, o que fai pensar que é posible que o mar xa as baleirou por completo no seu día. Esperemos que non, e así nos próximos días a empresa poida irnos dando noticias interesantes sobre elas!
Teño unhas fotos das cistas de Riasón do ano 2011 e un video do 2012, si vos interesa avisade
Ola Luis! Perdoa que non contestásemos, pero non vimos ata hoxe o teu comentario, pasóusenos por completo. Moitas grazas polo teu ofrecemento, pero desa época xa temos bastantes fotos. O que nos gustaría é localizar algunha máis antiga.
Graciñas de novo e disculpa a tardanza en contestarte!