Pero … Que fai un esqueleto da Idade do Ferro no Areoso?

A intervención arqueolóxica que se desenvolveu entre o 2016 e mais o 2017 en Guidoiro Areoso non afectou só á mámoa 4. Tamén houbo que realizar traballos polas praias e no que denominamos habitualmente “paleosolo”, un depósito de terra negra que se sitúa na zona oeste do istmo, a uns 100 metros da mámoa que se escavou, que só queda ao descuberto durante a marea baixa. Nel ten aparecido, desde o ano 2011, unha inxente cantidade de material arqueolóxico: fragmentos de cerámica, ósos de animais terrestres (fauna doméstica, como vacas, ovellas e porcos, pero tamén algún resto de cervo), muíños de pedra, e mesmo un molde en pedra para fundir machadas e unha machada de bronce moi deteriorada. Moitos destes materiais non os recollemos os arqueólogos, senón afeccionados que visitaban o illote, pero grazas aos nosos amigos Pandulleiros acabaron nas nosas mans e agora están a ser estudados antes de depositalos no museo. Entre eles estaba tamén un anaco de cráneo humano, dun meniño da Idade do Bronce, coherente coa cronoloxía de parte dos materiais que se localizaron.

02_Paleosolo 2011-2016

O “paleosolo” en 2011 (enriba) e 2016 (embaixo). A pedra co asterisco é a mesma en ambas as fotografías, de modo que se pode apreciar a perda de sedimento entre esas dúas datas.

Nese depósito de terra escura agroman unha serie de estruturas construídas en pedra. Unhas son claramente cistas, sepulturas funerarias, seguramente individuais, que adoitan adscribirse a finais do Calcolítico ou á Idade do Bronce (entre hai uns 4.500 e 3.000 anos). Neste enlace podedes ver o modelo 3D dunha delas. Outras, porén, teñen unha forma menos clara de cista, pero lembran algo a elas. Dúas destas últimas escaváronse na intervención que se fixera no 2015, pero resultaron estar baleiras. Será algunha delas a sepultura do meniño do que vos falabamos antes? Desgraciadamente, nunca o saberemos.

Como vos diciamos, en paralelo á escavación da mámoa 4 cumpría realizar traballos de prospección en todas as praias do illote co fin de recuperar os materiais arqueolóxicos que a marea puxera ao descuberto, así como escavar aquelas estruturas de interese que se puideran documentar. Como comprenderedes, unha das zonas con máis potencialidade era ese paleosolo que tanta información nos descubrira ata entón.

A campaña do 2016 desenvolveuse durante unha semana do mes de decembro. Os primeiros días o equipo arqueolóxico realizou unha topografía inicial da área de escavación, revisou as praias do illote recuperando material, fundamentalmente cerámicas, identificou varios puntos de interese, entre eles unha nova cista, e iniciou a escavación desta última. Pero como é habitual nos invernos do noso país, a chuvia e o vento impediron desembarcar no illote durante varios días seguidos cando só lles faltaba unha xornada de traballo para rematar. E o primeiro día de bo tempo ía ser un sábado. Ante a posibilidade de que fose o único, decidiron estragar parte da súa fin de semana e ir ese sábado ata O Areoso. Se non fose por esa decisión é posible que nunca descubrisen un dos achados máis interesantes de toda a intervención.

Porque nesa última xornada de traballo, á parte de rematar a escavación da cista (que desgraciadamente volvía a estar baleira), a pouca distancia dela localizaron, na superficie do paleosolo, un recipiente de cerámica case enteiro roto en numerosos anacos e unha mandíbula humana partida en dous fragmentos. Cando viron o primeiro deles pensaron que se trataba dun novo resto de fauna, pero en canto o levantaron do chan xa se deron de conta do que tiñan entre mans. E o segundo pegaba co primeiro, co cal tiñan case toda a parte inferior da cara dunha persoa prehistórica!

03_Mandíbula
Un dos fragmentos de mandíbula recén levantodo do solo do Areoso, o día en que se localizou.

 

Trátase, sen lugar a dúbidas, dun achado excepcional. Os solos de Galicia son moi ácidos, o que provoca a desaparición completa de restos esqueléticos na maioría dos xacementos arqueolóxicos, de aí que sexan escasísimos os casos en que se localizaron restos óseos de persoas anteriores á época romana e non son moi frecuentes tampouco os posteriores. Os que nos seguides habitualmente saberedes que hai un equipo de xeomorfólogos e edafólogos da Universidade de Santiago de Compostela, capitaneados por Ramón Blanco Chao, que está a estudar a evolución ambiental do illote nos últimos milenios. Forma parte deste equipo Olalla López-Costas, que está especializada no estudo dos restos óseos humanos do pasado (a súa tese de doutoramento versa sobre diversos enterramentos galegos desde a Idade do Bronce até o medievo) e ademais formaba parte do equipo de asesores para a escavación da mámoa 4. Ante o achado da mandíbula, ela e todo o equipo estiveron interesadísimos en estudala e mesmo en asumir, financiándoo con cargo ao seu proxecto, datala polo método do carbono 14.

Despois de traballar coa datación, revelouse que era toda unha sorpresa, porque resultou ser dos séculos IV-III a. C., en plena Idade do Ferro, algún século anterior á chegada dos romanos. Unha época para a que, naquel momento, non tiñamos evidencia ningunha de que o Areoso seguise a ser frecuentado polos habitantes do contorno da ría de Arousa. Que fai aí este óso? Pertencería ao cadáver dalgún mariñeiro afogado na zona que acabou varado no illote? Pensade que nesa época parece que eran relativamente frecuentes as visitas ás rías galegas de mercadores púnicos, como constatan na propia Arousa os castros da Lanzada e Neixón, nos que se localiza abundante material de importación. Pero tamén podería ser unha persoa da zona, porque está claro que na época castrexa navegaban: no norte de Portugal téñense localizado piraguas de madeira desta mesma época (unha similar localizouse, ao parecer, tamén na propia ría de Arousa, na foz do Ulla, pero foi destruída antes de que se puidese estudar e datar); ademais, hai castros en illas moi afastadas da costa (Cíes e máis Ons) ás que resulta imposible pensar que chegaron sen axuda da navegación.

Por outra banda, a Idade do Ferro galega (e de todo o noroeste da península Ibérica) é un misterio en canto aos lugares nos que enterraban. Seguimos sen atopar cemiterios da época e, aínda que nos últimos anos apareceron algunhas estruturas que poderían ser tumbas, son illadas e de difícil interpretación porque non conservaban restos humanos. Ante esta situación, algúns autores propuxeron no seu día que aquelas xentes practicaban rituais funerarios nas masas e cursos de auga, o que explicaría a aparición de armas nestes contextos. Será a mandíbula do Areoso o resto dun cadáver botado á ría de Arousa nun ritual funerario? Aínda que tamén poderían ser os restos dun corpo que se deixou exposto á intemperie para que fose devorado polos animais, unha práctica que está testemuñada para as elites guerreiras desta época noutras zonas da península, como a Celtiberia, e que outros autores defenden que tamén se puido practicar en Galicia.

En realidade, pouco podemos dicir neste momento. Coma sempre na investigación arqueolóxica, un novo descubrimento leva a formular novas preguntas que cómpre seguir indagando. Cando menos, a escavación arqueolóxica da mámoa 4 axudounos a poñer un pouco de luz sobre este achado tan singular. Porque xusto por debaixo da duna, en cotas en que o dolmen xa estaba abandonado, apareceu material da Idade do Ferro, entre o que salienta unha fíbula (un prendedor para a roupa) que cadraría coa cronoloxía da mandíbula, aínda que é dun tipo que seguiu en uso case ata comezos da época romana. Polo de agora resulta difícil saber a que responde esta ocupación, pero en todo caso constata que as xentes de finais da Idade do Ferro seguían a frecuentar o Areoso, unha época na que seguramente xa era un illote, pois o mar estaba apenas un metro por baixo do seu nivel actual.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Fíbula castrexa localizada na escavación do Areoso.

Un tema tamén moi interesante é o da cantidade de información que poderemos chegar a obter sobre a persoa á que pertenceu esta mandíbula, grazas ás innumerables técnicas que se desenvolveron nos últimos anos. De se conseguir extraer ADN (que non sempre se conserva en ósos antigos), poderemos confirmar o seu sexo e liña xenética; mesmo podería ser interesante investigar se na Arousa quedan descendentes desta persoa, como se fixo con Ötzi, o home dos xeos dos Alpes. Ademais, é posible achegármonos ao seu lugar de procedencia, mobilidade e dieta, porque, afortunadamente, “somos o que comemos” e a medida que inxerimos alimentos van acumulándose nos nosos ósos isótopos de elementos químicos (carbono, estroncio, nitróxeno, osíxeno ou xofre, por poñer só uns exemplos) que reflicten cousas como a dieta ou os lugares nos que nos criamos ou pasamos os últimos anos da nosa vida. Como mostra, a relación isotópica do osíxeno no noso corpo depende da auga que bebemos e esta varía segundo a zona na que vivimos. Analizando os dentes, que se forman durante a infancia e non se modifican na vida adulta, e comparándoo co resto dos ósos, que reflicten os sinais dos últimos anos, poderemos saber se a persoa do Areoso se criou no contorno da ría de Arousa ou mesmo se viviu alí antes de morrer. Dunha maneira parecida sóubose que un arqueiro de comezos da Idade do Bronce enterrado preto de Stonehenge se criara na zona dos Alpes. En realidade, os estudos recentes indican que había unha mobilidade moi alta durante a prehistoria en toda Gran Bretaña. Outros isótopos poderannos indicar se a persoa consumía carne, peixe ou mesmo algún cereal en concreto (trigo ou millo miúdo).

Pero esta é unha historia na que aínda estamos empezando a adentrarnos e que esperemos que Olalla nos axude a coñecer máis pronto que tarde. Podedes ler máis noticias sobre as súas investigacións na súa páxina persoal.

 

AGRADECEMENTOS. A Olalla, que nos axudou a mellorar esta entrada, e a Tomos, SL por permitirnos publicar as fotografías da mandíbula e a fíbula que aparecen na entrada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s