O país das (case) 1.000 praias

Algunha vez vos preguntastes cantas praias haberá en Galicia? Nós tamén! Por se non o sabedes, a nosa comunidade autónoma conta cunha importante lonxitude de costa. Empregando os datos do Instituto Nacional de Estadística, nada menos que 1.498 km (1.195 se excluísemos as illas e illotes). Observando un plano é doado decatarse que esta importante cantidade débese fundamentalmente ao recortada que é a costa occidental, especialmente desde Estaca de Bares. Así, a provincia de Lugo ten só 144 km, 956 a da Coruña e 398 a de Pontevedra (sen illas serían 120, 786 e 289 respectivamente). Este pequeno recuncho do noroeste ten algo máis dun quinto de toda a costa da Península Ibérica (que, sen illas, non chega aos 5.000 km).

Ante unha lonxitude deste calibre, resulta difícil saber cantas praias se estenden polo noso territorio, á falta dun inventario oficial. Ben, mellor dicir resultaba. Porque hoxe (12 de abril) o Diario oficial de Galicia publica un decreto que aproba a catalogación dos tramos urbanos e naturais das praias de Galicia e nel figura, como anexo, un catálogo dos tramos de praias. Pois ben, estivemos xogando un pouquichiño con estes datos (grazas informática!) e aquí vos deixamos unhas notas do que descubrimos.

P1150441_2

A praia do Areoso na zona do istmo, nun día de marzo de calquera ano.

O anexo recolle 987 tramos de praia, dos que a maioría ten un tramo único, pero hai unhas poucas (32) que aparecen repetidas, xa que se dividiron en dous ou ata tres tramos, diferenciando as partes da praia urbana das naturais. Daquela, en realidade o decreto recoñece a existencia de 952 praias en toda Galicia. Unha boa cifra, non si? En canto á distribución destes areais, 91 están na provincia de Lugo, 444 na da Coruña e 417 en Pontevedra. Chama atención o grande número que existe nesta última, case as mesmas que na súa veciña do norte cando ten menos da metade de liña de costa, o que vén provocado polo recortado do seu litoral.

Se facemos unha busca por concellos, temos o dato curioso de que o que ten máis areais é o da Illa de Arousa (63), seguido por Vigo (55), O Grove (51) e, xa a máis distancia, Cangas (38), Bueu (34) e Ribeira (33, unha delas compartida co concello da Pobra do Caramiñal). Así e todo, estas cifras son enganosas xa que só indican o número non o tamaño dos areais. Pensade por exemplo que en Vigo temos dúas praias que superan o quilómetro de lonxitude (Samil e Rodas, esta última nas Cíes) ou que en Ribeira entre só dúas chegan case aos 5 km (Corrubedo e As Furnas). Por non falar doutros concellos que non figuran entre os primeiros postos pero que contan con longos areais: aí está Nigrán, que só conta con 10, pero dous son Praia América e Panxón, que entre as dúas suman 2 km de lonxitude; e, por suposto, Carnota, que só ten 22, pero dous deles, os que conforman a súa famosa praia, superan os 5 km de lonxitude.

P1150782_2

Praia nordeste do Pedregoso

Pero, claro, se esculcamos un pouco máis entre os datos descubrimos que son todas as que están (ou iso supoñemos), pero non están todas as que son: se ben aparecen as praias da maioría das illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas (mesmo as da pequena Vionta), ou a praia que existe en Tambo, na ría de Pontevedra, decatámonos que, como mínimo, faltan os areais dos nosos queridos Guidoiros. Se comprobades o listado, baixades os pdf coas fichas das praias, ou mesmo consultades o visor de mapas da Xunta (epígrafe: «Selección de capas: Ordenación do territorio e paisaxe – Caracterización dos tramos das praias») veredes que non veñen marcadas como tales nin os dous areais do Pedregoso nin os do Areoso. Tampouco aparece ningunha praia na illa de Cortegada, un pouco máis ao interior da ría de Arousa. Así que, non desesperedes, aínda é posible que cheguemos ás 1.000!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s