Patrimonio, ata no lodo de Noia!

Hai un días o xornal La Voz de Galicia ofrecíanos este titular, Patrimonio ata no lodo de Noia. No artigo recollíase a sorpresa do alcalde noiés porque o departamento que vela pola protección do patrimonio cultural galego impuxera a necesidade de realizar un control arqueolóxico nunhas obras de dragado próximas ao Peirao do Marqués desa vila. O máximo edil mesmo dubidaba de que realmente nos lodos do esteiro se puidesen localizar elementos de interese patrimonial. Queremos intentar achegarvos aquí as razóns polas que esa cautela arqueolóxica é máis que necesaria: é imprescindible. Porque si, hai patrimonio ata no lodo de Noia! Pero tendes que partir que nós non somos expertos nin en arqueoloxía subacuática nin na historia de Noia, de modo que é posible que se nos queden moitas cousas no tinteiro.

Para os que non a coñezades, Noia é unha vila histórica que se sitúa no fondo da ría de Muros e Noia, xusto no punto no que se xuntan o río de Vilacoba, un antigo afluente do Tambre, e mais o Rego de Tállara. As augas rodean o conxunto histórico, ata o que chegan as mareas, polo oeste e sur. Este emprazamento estratéxico e ben protexido no fondo da ría foi escollido intencionalmente para asentar a vila cando se fundou a finais do século XII e fará dela un porto de moita importancia ao longo de toda a Idade Media, tanto desde o punto de vista pesqueiro como mercantil. E como desde e a súa fundación foi un burgo dependente do arcebispado compostelán, acabará por se converter no porto de Santiago de Compostela. A través del chegaban á sé episcopal a meirande parte das mercadorías que se importaban por vía marítima. Proba da súa importancia é que aínda en 1550 na obra Descripción del Reyno de Galicia o licenciado Molina afirma que nel abundan os estaleiros, cunha notable fabricación de barcos grandes e pequenos, e que del procedía a sardiña máis apreciada do país. Pero este pulo económico do porto noiés irá diminuíndo a partir do século XVIII, en parte porque esta zona da ría se vai enchendo de lodos que dificultaron a navegación ata a vila. Por outro lado, estes lodos, se ben tupiron a ría hai unhas poucas centurias, levan formándose moito tempo, se cadra milenios, nun proceso de sedimentación natural que ocorre en calquera esteiro do mundo.

Noia_foto antiga

Foto antiga da vila de Noia con parte da muralla conservada fronte á ría. Fonte: La Voz de Galicia

A presenza dun porto cunha importante actividade comercial provocou sen dúbida, polo uso repetido do sitio como fondeadoiro de barcos de toda índole, que ao longo do tempo se foran depositando os lixos xerados a bordo das distintas embarcacións, así como aqueles materiais rotos ou fóra de uso dos que se foron desfacendo os mariñeiros e cidadáns (verter lixo ao mar é algo que levamos facendo moitos séculos). Isto foi o que sucedeu no porto de Baiona, onde nos anos 2007-2008 se recuperou, no seguimento arqueolóxico parello a unhas obras de ampliación do peirao, unha inxente cantidade de materiais cerámicos e de vidro (35.000 fragmentos ou obxectos, máis de 3 toneladas). Unha cantidade sorprendente tendo en conta o pequeno tamaño da área (25 x 80 metros) e que se atopaba afastada bastantes metros da liña de costa histórica.

As pezas que se recuperaron no porto de Baiona son moi variadas, desde cerámicas de uso cotián, de cociña e mesa, ata louzas de calidade. Cronoloxicamente hai tamén unha grande diversidade, xa que o seu abano cronolóxico vai desde o Baixo Imperio Romano ata a época contemporánea. Son abundantes os materiais medievais pero, sobre todo, os modernos; de feito, o groso do conxunto é dos séculos XVI e XVII. En canto á procedencia orixinaria destas producións cerámicas, tamén é moi dispar: a Península Ibérica, as Illas Británicas, os Países Baixos, o Mediteráneo e mesmo China. Tamén apareceron abundantes pedras de sílex, un tipo de pedra que non existe no contorno e que traían os barcos para facer de lastre (pesos que se colocaban no fondo para aumentar o seu equilibrio) Todas estas pezas pasaron a ingresar as coleccións da Casa da Navegación, na propia vila, e agora exhíbense nesta colección visitable. Estamos seguros que se algo similar pasase en Noia, o consistorio axiña empezaría a solicitar a creación dunha colección similar na vila.

 

This slideshow requires JavaScript.

Algúns dos materiais recuperados na vila de Baiona, entre eles unha roldana dun barco. Fonte: Facebook/ Sketchfab da Casa da Navegación (Baiona)

Baiona non é un sitio único. A presenza de abundante material arqueolóxico é algo frecuente en todos os portos importantes. O exemplo máis interesante, pola difusión pública que ten, é o das canles de Ámsterdam. Nesta cidade, durante a construción dunha nova liña de metro, chegaron a escavar 12 metros no fondo do río Amstel. Aí recuperaron, entre os anos 2003 e 2011, máis de 700.000 obxectos, desde tazos de Pokemon e teléfonos móbiles ata cerámica prehistórica. A colección non só constitúe un impresionante testemuño da historia da capital holandesa, ao recollérense moedas, cerámicas e obxectos da vida cotiá de todas as épocas, senón que mesmo se remonta a moito antes da fundación da cidade. Así aparecen materiais tardoantiguos, como un anel feito en óso, ou mesmo prehistóricos, como puntas de frecha de bronce, machadas de pedra, ou cerámica campaniforme de hai máis de 4.000 anos, similar á que documentamos no Areoso e outros moitos sitios de Galicia. E ata mesmo restos de fauna actualmente extinguida, de case 100.000 anos de antigüidade, porque a tranquilidade das augas permite que se conserve mellor a materia orgánica que queda atrapada nos sedimentos. Unha importante selección de todos eles recompilouse nunha espectacular páxina web, Below the surface, e nunha publicación que foi elixida como o libro internacional máis bonito de 2018. Cómpre sinalar que a presenza de materiais anteriores á propia vila (cerámicas romanas) tamén se coñece en diversos puntos da costa galega, como na xa citada Baiona ou na propia Noia, na zona do Testal.

 

This slideshow requires JavaScript.

Capturas de pantalla do proxecto Below the Surface, con exemplos de materiais localizados pertencentes a diversas épocas, desde o presente ata o Plistoceno. Fonte: https://belowthesurface.amsterdam/en

Pero aínda hai máis. Xa avanzamos que os lodos acaban formando un ambiente anaerobio, é dicir, sen aire, o que impide o desenvolvemento dos microorganismos que fan desaparecer a materia orgánica. Nestes contextos, daquela, é moi doado que se conserve a madeira. E de que están feitos os barcos? Non tendes máis que visitar calquera das nosas rías e veredes varados entre os lodos numerosos barcos e barcas. Co paso dos anos, estes acaban sendo sepultados por completo e consérvanse en moi bo estado, con todos os elementos case intactos. Por exemplo, recentemente localizouse un no Campo das Cebolas, na zona ribeirá de Lisboa, aínda que aquí se pensa que foi afundido á mantenta, para facilitar un recheo para construír un peirao. O caso máis espectacular é, sen dúbida, o de Pisa, que xa temos compartido algunha vez en Facebook. Nesta vila italiana as obras de construción dunha nova estación de tren nun punto onde, outrora, había un río hoxe desaparecido, levou a localizar 30 naves de distinto tipos, a maior parte de cronoloxía romana, sepultadas no lodo xunto cunha grande cantidade de material arqueolóxico. As escavacións e labores de conservación duraron preto de 16 anos, entre 1998 e 2016, ano en que abriu as súas portas o Museo dei Navi Antiche nun dos edificios dos antigos estaleiros pisanos.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Barca a punto de ser completamente sepultada polo lodo na ría de Pontedeume no ano 2004.

Así que si, o patrimonio está ata nos lodos de Noia! O cal non lle quita a razón ao alcalde da vila cando fai a súa outra crítica do artigo de La Voz de Galicia, a da tardanza nas autorizacións de patrimonio, sen dúbida causadas por unha infradotación de persoal xa histórica do departamento autonómico responsable da protección do patrimonio cultural. Pero que en parte aínda se incrementan porque, cando os xestores poñen en marcha un proxecto de obra en calquera punto do país, fano sen ter en conta o patrimonio que poida estar afectado. E iso cando xa transcorreron máis de 30 anos de aplicación da Lei de patrimonio histórico español, que supuxo a implantación dun cambio de paradigma que, desafortunadamente, aínda non callou no conxunto da sociedade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s