Rubjerg Knude, o faro con data de caducidade

En Dinamarca hai un faro que ten os días contados: en moi poucos anos, é posible que para 2023, acabará por desaparecer para sempre, devorado pola acción do mar. Para alguén que, coma nós, está involucrado no estudo do patrimonio costeiro en perigo, é case unha visita obrigada cando se achega por esa zona do país. Para calquera, é unha excursión que paga a pena facer, pola espectacular paisaxe de dunas e cantís que o rodean e o evocador que resulta o faro abandonado. E aínda que noutra ocasión xa vos temos falado un pouco del nunha entrada sobre a mobilidade das dunas, non podiamos deixar de contarvos cun pouco máis de detalle a súa historia, agora que a coñecemos máis de preto.

20190606_P1260364_resize

Rubjerg Knude era un faro coma outros moitos: edificado a finais do século XIX, dentro do programa danés de construción de faros que supuxo o levantamenSituaciónto de 71 destas construcións entre 1893 e 1927, comezou a funcionar en 1900. O seu sinal axudaba na navegación entre o mar do Norte e máis o mar Báltico, guiando os barcos cara a punta do extremo norte de Dinamarca. Como se situou nun punto a uns 60 m do nivel do mar, aos que cumpría sumar os seus 23 m de altura, conseguía que a súa luz se vise ata a 42 km de distancia.

Pero co que non contaron as persoas que o deseñaron é co medio tan cambiante no que o construíron: as dunas e mais a erosión costeira supoñen un problema importante nesta área, onde o mar devora varios metros de costa todos os anos. Cando se levantou, o faro estaba situado máis de 200 m dentro da terra e non había area ningunha ao seu redor. Co paso do tempo, o mar foi erosionando a liña de costa e, de xeito paralelo, o vento foi xerando unha enorme duna na zona, facéndoa subir polo cantil arriba. Pouco e pouco a area foi achegándose ao faro, e comezou unha loita incansable contra ela. Fixéronse intentos de retela con plantas ou valos de madeira, e mesmo se recorreu a retiradas masivas de area, primeiro con pas e logo con escavadoras. Pero ao final gañou a natureza e chegou un momento en que a altura da duna impedía ocasionalmente que a luz se vise desde o mar, así que o faro acabou por desconectarse en 1968.

Montaxe aereas

Esquerda: o faro de Rubjerg Knude nos anos 20 (Fonte: rubjergknude.dk). Dereita: fotografía dos anos 80 (fonte pizzatravel.com).

Os edificios permaneceron abandonados pero acabaron por converterse nunha atracción turística, de xeito que en 1980 se instalou neles unha cafetería e un museo sobre o faro, a duna e a erosión costeira. Así e todo, a area seguiu avanzando ata poñer en perigo a estabilidade das construcións e en 2002 houbo que pechar o museo, que se trasladou a un edificio a uns 3 km de distancia. Neste enlace podedes ver como foi mudando a zona entre o ano 2000 e mais o 2007. En 2009 a area danara por completo o teito das construcións anexas á torre e durante varios anos invadiu por completo a paisaxe cubrindo o faro, do que só era visible a súa parte superior. Pero a duna seguiu a moverse, avanzando unha media de 20 m por ano, de xeito que para o ano 2016 deixara atrás o faro, deixándoo liberado. Como as restantes construcións foran moi danadas, desmanteláronse por completo, pero no interior do faro instalouse unha nova escaleira metálica para ascender por ela e admirar desde o antigo espazo da lanterna a magnífica paisaxe que o rodea.

 

Wikipedia_evolución

O proceso de cubrición do faro pola area ao longo do tempo (fonte: wikimedia)

O proceso de cubrición do faro pola area ao longo do tempo (fonte: lightphotos, VisitNordjylland.com e © Lindsay Harrison)

Para achegarnos ao faro temos que deixar o coche nun aparcamento a un quilómetro de distancia e dar un pequeno paseo que ascende pola duna, coa imaxe da construción sempre no horizonte. Ao chegarmos a el sorprende ver que a area desaparecieu case por completo ao seu redor, e que na base da torre se aprecian as plantas das antigas construcións anexas, así como unha chea de tixolos, restos delas que a xente emprega para construír mensaxes. E así se encontra o faro, completamente liberado, a apenas uns 20 m do cantil, que ten uns 60 m de altura sobre o nivel do mar. As vistas tanto desde a base como desde o cumio  da estrutura son espectaculares. Pero é algo do que non poderedes gozar se vos demorades moito. Aínda que a duna xa pasou, o mar segue a erosionar a costa, nunha media duns 2 m lineais ao ano, de xeito que se calcula que dentro de, como máximo, uns 15 anos (á data de 2016), a erosión acabe por acadar a base do faro e provoque a súa caída no mar.

O faro e as vistas desde a lanterna a comezos de xuño de 2019.

O de Rubjerg Knude non é un caso único nesta zona da costa danesa, na que o mar está a erosionar cunha forte voracidade o territorio, cunha media de 1,5 m ao ano nos últimos 300 anos. Un caso similar é o da Igrexa de Mårup, que se sitúa a menos de 2 km en dirección norte. Cando se construíu, en 1250, estaba a un quilómetro da costa (como ledes: 1.000 metros!) pero en 2008 tivo que ser desmantelada antes de que caese no mar. Algo máis lonxe, preto de Skagen, no extremo norte do país, está o caso da igrexa de San Lourenzo, outra edificación que tamén houbo de ser desmantelada xa en 1795 por mor do desenvolvemento dunha duna, aínda que neste caso se deixou o campanario como forma de medir o avance da area.

20190606_P1260403_resize

A torre da igrexa de San Lourenzo, preto de Skagen, entre a duna.

Unha viaxe por esta zona de Dinamarca é unha lección do cambiante que pode ser o medio mariño e de que non podemos loitar contra as forzas da natureza.

ACTUALIZACIÓN: catro meses despois da nosa visita ao faro, o goberno dinamarqués deciciu desprazalo terra a dentro para evitar a súa caída. Aquí volo contamos en detalle.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s