Os búnkeres do Muro do Atlántico

Para consolidar a súa ocupación e previr un ataque aliado dende o mar, o exército nazi construíu o Muro do Atrántico (Atlantikwall), unha constelación de fortalezas de formigón por toda a costa dos países que conquistaron, desde a fronteira franco-española ata Noruega. A zona abarca un total de 4.000 km de costa, así que, como comprenderedes, non se trataba dunha fortificación continua, senón dunha serie de construcións que se instalaban en puntos estratéxicos par

Plano fortalezas

Plano de situación das fortificacións do Muro do Atlántico de Dinamarca. En vermello, situación de Grenen. Fonte: http://www.atlantikwall.dk/atlantikwall_forsvarsenheder_kort.asp

a defenderse dunha invasión. Distínguense catro tipos principais: fortalezas ou búnkeres, baterías de artillería, defensas de proximidade nas praias e obstáculos construídos nas mesmas praias. En total proxectáronse unhas 15.000 edificacións que se foron levantando entre 1942 e 1944, pero o proxecto estaba sen rematar cando os aliados desembarcaron en Normandía.

 

Dinamarca foi un dos moitos países que os alemáns invadiron e ocuparon durante a II Guerra Mundial e, xa que logo, a súa costa tamén se incorporou ao Muro do Atlántico. No seu territorio existen un total de 99 emprazamentos con defensas pertencentes a esta infraestrutura, pero en cada zona o número de estruturas é moi variado, de xeito que o total de construcións pode acadar varios miles. Ao remate da guerra, foron baleiradas de todos os obxectos que contiñan co fin de recuperar o ferro, cableado e outros obxectos que contiñan, ficando só a estrutura de formigón no sitio. E aínda que se fixeron obras para eliminar varias delas, eran tantos e estaban en sitios tan pouco accesibles que a maioría permanecen.

Baterías de Hanstholm I, preto de Hanstholm.

Os que se atopan relativamente afastados da liña da costa perviven nun bo estado de conservación, sempre que non se construísen en contornos dunares. Porque como xa vos contamos para o caso da duna de Pilat, as estruturas foron feitas en formigón, sen apenas cimentación. Deste xeito, aqueles que se construíron sobre area foron desprazándose ao son dela, chegando a inclinarse ou mesmo darse a volta. Outros, construídos na beira do mar, sufriron ademais a erosión mariña e os cambios que se produciron na liña de costa, ata o punto de ficaren parcialmente afundidos no mar ou enterrados na area. En 2008 ocorreu un achado espectacular na zona central da costa oeste danesa, cando unha forte tormenta deixou ao descuberto catro búnkeres que ata entón estaban ocultos pola area. Deberan ficar soterrados en 1945, na fin da guerra, porque o seu interior estaba practicamente intacto, completamente equipados con camas, cadeiras, mesas, sistemas de comunicación e efectos persoais dos soldados, como se acabasen de abandonalos.

Algunhas estruturas pertencentes ao Muro do Atlántico de Dinamarca alteradas pola acción do mar. Fonte: http://www.atlantikwall.dk/galleri.asp

 

Outro exemplo salientable dos problemas de conservación que presentan estas construcións está no conxunto que podemos apreciar en Grenen, preto da cidade de Skagen, o extremo máis setentrional da Dinamarca europea. O seu nome significa, literalmente, póla, nome que lle vén da súa forma similar a unha póla de árbore que parece despegarse da terra. O lugar paga a pena de seu pola súa espectacular praia, unha barra areosa curva de 4 km de longo que remata nunha punta na que é posible observar un fenómeno natural case único, o encontro entre o mar do Norte e máis o coñecido como mar de Kattegat, que supón a entrada ao mar Báltico. As ondas dos dous mares chocan entre si e provocan unhas correntes tan perigosas que o baño está prohibido. O lugar tamén é evocador para os que nos gusta ao megalitismo, porque nel se atopa a tumba de Holger Drachmann (1846-1908), famoso poeta e pintor dinamarqués, sobre a que os seus amigos levantaron unha reprodución dun dolmen.

 

20190606_13_Grenen_tumba do poeta Holger Drachmann_02_resize

Tumba do poeta de Holger Drachmann en Grenen

 

Neste idílico lugar tamén se construíron diferentes estruturas pertencentes ao Muro do Atlántico. Mesmo nun deles, que ao parecer se empregou como enfermaría para os soldados feridos, hai instalado un pequeno museo privado. Pero como é característico dunha paisaxe dunar, a punta está en continuo cambio e nos últimos 100 anos estendeuse 1 km, o que supón unha media de 10 metros anuais; e aínda que a tendencia é a estenderse cara ao norte, en datas recentes tamén está a xirar cara ao leste. Froito deste constante movemento, os búnkeres construídos nesta zona están a sufrir unha importante erosión mariña e desprazamentos por mor dos cambios nos areais. Como vedes nas imaxes, un sofre directamente o impacto das olas das grandes tormentas, mentres que outro está na actualidade practicamente sepultado e só aflora un metro sobre as augas, converténdose en lugar de xogo dos nenos que se achegan por alí.

A praia de Grenen e algunhas das estruturas do Muro do Atrlántico alí presentes

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s