A prehistoria asolagada danesa

Ata a fin do Paleolítico, hai aproximadamente 10.000 anos, o territorio que hoxe constitúe Dinamarca estaba integrado nunha vasta superficie que a unía coas illas Británicas e, practicamente, coa península escandinava. É o que se coñece como Doggerland, un terreo que estivo accesible mentres a última glaciación permaneceu activa, época na que se estima que o nivel das augas dos océanos estaba entre 30 e 40 m por baixo do actual. Se vos fixades nas reconstrucións que se propoñen, durante eses milenios o río Támesis era un afluente do Rin, que desembocaba no mar alén da Bretaña francesa, mentres que a foz do Elba estaba practicamente fronte as costas de Noruega.

01_Doggerland

Reconstrución de Doggerland e do seu proceso de asolagamento desde a fin da última glaciación.

A medida que o clima empezou a temperarse, os xeos empezaron a derreterse de xeito relativamente rápido e en poucos milenios o mar acabou por inundar a zona ata configurar a costa actual. Este proceso deuse de forma máis intensa hai uns 8.000-7.000 anos. Tras el quedaron anegadas superficies que antes ocuparan os seres humanos e, con elas, sitios onde algún día instalaron as súas cabanas e deixaron os seus refugallos. Pero ao mesmo tempo nalgunhas zonas, como Escocia ou o norte de Dinamarca, a terra sufriu un proceso de ascenso que fixo que espazos que nalgún momento chegaron a ser costeiros hai 6.000 anos hoxe estean elevados ata 12 metros sobre o nivel do mar.

A presenza de sitios de finais da Idade da Pedra que están hoxe en día en situación subacuática é algo moi frecuente na zona meridional do Báltico dinamarqués, onde desde os anos 70 se están a estudar xacementos epipaleolíticos que poden chegar a ter ata 9.000 anos de antigüidade. Son moi frecuentes tanto no sur de Jutlandia como nas illas orientais, entre elas Zelandia (onde está Copenhague, a capital do país). Poden atoparse desde apenas a 90 cm de profundidade ata preto dos 12 m. Descóbrense grazas aos traballos vinculados a diversas construcións (pontes, tendidos eléctricos subacuáticos, ou mesmo simplemente o paso dun ferry) pero tamén por simples achados casuais que realizan buzos afeccionados. Porque moitos destes sitios están agora ameazados por mor da erosión costeira que está a producir o cambio climático. Ironicamente, como pasa co noso Areoso, atopámolos porque están en proceso de ser destruídos. E o que é mais importante, en canto se volven visibles, urxe actuar neles para evitar a súa desaparición.

02_restos óseos

Restos óseos (mandíbula e vértebra de cervo) excepcionalmente ben conservados tal e como se recuperan nos sitios subacuáticos daneses. © Daniel Dalicsek/ Vikingeskibsmuseet

O interesante destes sitios subacuáticos é que, ademais de grandes depósitos de obxectos tallados (nalgún atopáronse ata 20.000 pezas de sílex), é frecuente localizar outros restos da vida cotiá que non adoitan conservarse en ambientes terrestres: madeiras talladas, cornamentas e ósos de animais, desde mamíferos máis grandes como cervos e xabarís, ata as espiñas de peixe e conchas máis pequenas, cáscaras de abelás (que semellan rotas onte) ou mesmo plantas e téxtiles. O seu asombroso estado de conservación suxire que, aínda que moitas partes dos asentamentos sufriron a erosión das olas cando foron somerxidos, en realidade o proceso de inmersión en moitos casos debeu ser suave e pouco agresivo. Por outra banda, os obxectos quedaron selados por unha suave capa de materia orgánica mariña que encapsulou os sitios nun ambiente húmido carente de osíxeno e en moitos casos con sedimentos calcáreos, condicións óptimas para favorecer a preservación de madeira, cortiza ou fibras.

03_escavando

Esquerda: Proceso de escavación nun asentamento mesolítico danés. © Vikingeskibsmuseet. Dereita: un buzo levanta unha cornamenta de cervo noutro asentamento. © T. Malm 1997

Pero ademais de obxectos tamén se teñen identificado restos de vivendas e fogares. As cabanas terían uns 5 m de longo por 3 m de ancho e estaban feitas escavando unha foxa. A porta estaba orientada ao lado no que estaría o mar (o sitio era no momento da ocupación un asentamento costeiro), outorgándolles aos habitantes unha boa perspectiva da costa, da que só estarían separados uns poucos metros. As paredes estaban feitas con feixes de pólas de abeleira completados con cort

04_enterramento

Un dos enterramentos de Tybrind Vig no momento en que o descubriron uns mergulladores afeccionados. © Otto Christian Uldum

iza e fieitos, mentres que catro postes sostiñan o tellado. Noutros casos, tamén se identificaron restos humanos, e no sitio de Tybrind Vig, xa se atoparon catro corpos enteiros, o que fai pensar na existencia dun cemiterio.

 

 

Un dos achados máis salientables nos asentamentos desta época son as piraguas, das que xa se coñecen máis dunha vintena. Isto fai pensar que a navegación era relativamente frecuente naquela época (tanto para o transporte de mercadorías como para pescar ou viaxar). Unha das mellor conservadas recuperouse no asentamento de Tybrind Vig: feita baleirando un tronco de tileiro, medía 10 m de longo por uns 60 cm de ancho, coa proa en forma de punta e a popa recta, e podería transportar entre 6 e 8 persoas. Nas proximidades de Askø os mergulladores do museo dos barcos viquingos de Roskilde identificaron, noutro asentamento de entre o 5000 e o 4500 a. C., os restos doutra piragua que presentaba un burato que fora reparado usando cortiza de árbore que se coseu empregando unha corda delgada, de dous milímetros de espesura feita con fibras vexetais. Nun caso mesmo chegouse a identificar unha destas canoas que fora utilizada como ataúde, mentres que un anaco de cortiza se empregara para cubrir ou envolver o defunto (que era un home).

 

05_piragua_fragmento_Cor

Esquerda: Restos dunha piragua mesolítica danesa. © Andersen 2009. Dereira: Reparación da piragua de Askø. © Vikingeskibsmuseet

 

Tamén é frecuente localizar trampas para a pesca de peixes feitas con varas de abeleira entrelazadas. Unha das mellor coñecidas é a de Nekselø, onde se identificou un valado que se estende durante varios centros de metros. Pero esta estrutura

07_trampa pesca

Trampa de pesca de Nekselø. © Anders Fischer 1998

pertence xa ao neolítico, porque convén sinalar que o proceso de asolagamento dos sitios aínda continuou nos comezos da adopción da economía produtora. A cerámica comeza a aparecer a partir do 4700 a. C. e no interior dela chegan a identificarse restos de comida preparada (nalgún caso resultou ser unha sopa feita a partir de bacallau e unha mestura de herbáceas). Mesmo existe un monumento megalítico funerario próximo a Rudkøbing somerxido baixo as augas, que debeu quedar asolagado hai uns 4.500 anos.

 

A presenza de sitios asolagados no Mar do Norte non é algo exclusivo a Dinamarca: a zona que se estende entre Inglaterra e mais Holanda ofreceu numerosos achados similares, arrastrados polas redes dos pescadores ou por operacións de dragado que permitiron recuperar, por exemplo, puntas de lanza, ósos, en ocasións decorados, ósos humanos, e mesmo indicios de bosques fosilizados. Aínda recentemente se identificou na Canle da Mancha, nas proximidades da illa de Wight (Illas Británicas) un asentamento con abundantes obxectos de pedra tallada e dous fogares que se atopan a máis de 10 m de profundidade. Un patrimonio fráxil que, en canto aparece, ponse en perigo de desaparición.

08_oso decorado holandés

Óso decorado localizado preto da costa holandesa decorado con zigue-zagues característicos do mesolítico. © Rijksmuseum van Oudheden

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s