Rubjerg Knude: o faro que patinou pola area

Como vos diciamos hai tres meses, o de Rubjerg Knude é un faro danés que tiña data de caducidade, ao situarse nunha zona de cantís activos do noroeste do país que a erosión mariña devora a grande velocidade. Se cando se inaugurou en 1900 estaba situado máis de 200 m dentro da terra, a comezos de xuño de 2019, cando o visitamos nós, o cantil sobre o mar atopábase xa a só 6 m. Polo medio, unha importante duna se desenvolvera na área, que provocou que se deixase de usar como sinal para os barcos en 1968. Despois diso, instalárase alí un museo pero tamén houbo de abandonarse en 2002 cando a area ameazou con sepultar por completo as construcións anexas. Durante case 10 anos, estas estiveron sepultadas baixo a duna, de modo que resultaron moi danadas, pero co tempo seguiu o seu avance ata sobrepasalas. Ante os estragos que sufriran os restantes edificios, houberon de desmantelarse por completo, pero a torre do faro seguía en pé, á espera de que o cantil o derrubase, algo que se prevía para dentro dun máximo de 15 anos (á data de 2016).

Janus Benjamin Jacobsen cop. DR Nyheder

Foto: Janus Benjamin Jacobsen © DR Nyheder

Cómpre sinalar que este faro dinamarqués non é un caso único: outras moitas construcións deste tipo, ao se situaren na beiramar, están expostas aos problemas que causan a erosión costeira e mais o ascenso do nivel do mar. Un caso semellante é o de Orfordness en Suffolk (Reino Unido), construído en 1792, que hoxe en día está apenas a uns metros da mallante. Para protexelo, a asociación cultural que o rexenta colocou nos últimos anos bolsas cheas de balastro por diante del, de cara a evitar os envites do mar. Pero esta solución ten que ter un mantemento constante, de aí que estean a buscar alternativas para tentar salvalo da súa segura destrución.

O faro de Orfordness en 2005, 2015 e 2019

A área de Rubjerg Knude é unha zona protexida pola Axencia da Natureza dinamarquesa, pero curiosamente o faro en si non o está. Así e todo, é un elemento patrimonial de primeira orde, ademais dunha importante atracción turística que visitan anualmente unhas 250.000 persoas amantes da natureza e da fotografía. De feito, logo de que a duna liberase a construción instalouse no seu interio

copia20190606_08_Faro de Rubjerg Knude_39

A estrutura metálica da escaleira no interior do faro

r unha nova escaleira metálica para ascender por ela e admirar desde o antigo espazo da lanterna a magnífica paisaxe que o rodea. Ademais, o seu espectacular emprazamento converteuno case nun símbolo nacional. Así que, para evitar a súa desaparición, o goberno decidiu desprazalo 70 m terra a dentro, nunha operación na que investiu uns 670.000 euros e na que o concello local tamén contribuíu a sufragar parte dos gastos.

As posibilidades non eran moitas: ou deixar que a natureza seguise o seu curso e acabase por derrubalo polo cantil abaixo, desmantelalo ou trasladalo. A opción do desmantelado xa se levara a cabo na veciña igrexa de Mårup, que se situaba a menos de 2 km en dirección norte. De orixe románica, o avance da erosión do mar ameazaba tamén con derrubala de aí que no ano 2008 se optase por desmantelala parcialmente, retirando o tellado e mais os elementos interiores para ficaren os muros como un museo a ceo aberto. Pero, finalmente, en 2016 foi demolida por completo ante o avance do cantil. Pero o traslado tamén fora practicado con éxito, nunha escala moito máis pequena, cun polvorín da II Guerra mundial na cidade de Skagen, relativamente próxima. Así que, por que non intentalo co faro?

A igrexa de Mårup en 2004 (© Tomasz Sienicki) e 2009 (© Keld Gydum)

A operación non era nada doada: a estrutura ten unha altura de 23 m e un peso estimado de 960 toneladas, aínda que unha vez comezadas as operacións descubriron que acadaba as 720. Tardaron ano e medio en planificala e dez semanas en poñela en práctica, tempo durante o cal se cortou o acceso ata el. O obxectivo era movelo 70 metros ao interior, distancia coa que calculan que lle dan unha prórroga de entre 20 e 40 anos. Fixéronse unas buratos na base do edificio para introducir unhas vigas que permitisen levantalo e, a partir de aí, desprazalo nunha especie de patíns sobre dous raís situados de forma paralela. Aquí podedes ver un gráfico animado que explica todo o proceso.

Rubjerg-Knude_GettyImages-1177534395

Foto: © GettyImages

O traslado realizouse o pasado 22 de outubro e seguiuno moita xente en directo pero tamén a través dunha páxina de internet específica e dunha conta de facebook. Tiña que facerse moi lentamente, a unha velocidade nunca superior aos 10-12 metros á hora, para calibrar ben os sistemas hidráulicos que o movían, asegurarse que se desprazaba correctamente polos dous raíles e así evitar danos na construción. A area era un problema engadido, que podía estragar o sistema hidráulico. Mesmo non era seguro que o novo emprazamento fose quen de soportar o peso da estrutura. O faro alzouse ás 9:00 da mañá e empezou a patinar ás 9:15. Aínda que se estimaba que o proceso duraría unhas 10 horas, finalmente chegou ao seu destino ás 14:37, en pouco máis da metade de tempo, e cunha pausa de 45 minutos para comer. Hai varios vídeos na rede nos que podedes apreciar o proceso do movemento e a espectacular paisaxe na que se sitúa. Tendes outros aquí e aquí.

Uúltima hora

Foto: © Últimahora

O de Rubjerg Knude non é un caso único. Xa anteriormente, en 1999, realizárase o traslado doutro faro, o de Belle Tout en East Sussex (Reino Unido). As razóns para desprazalo foron as mesmas: a proximidade a un cantil que ameazaba con Belle Tout_2tiralo logo dun desprendemento masivo. Neste caso non moveron só o faro senón toda a construción anexa, un conxunto granítico de 850 toneladas que era a vivenda dunha familia (e que costeou a operación). Desprazárono só 17 m nunha operación que está moi ben contada neste vídeo, pero no novo emprazamento fixéronlle unha cimentacións que farán moito máis doado futuros desprazamentos. Hoxe en día podedes pasar a noite dentro del, porque é un Bed & Breakfast.

En canto a Rubjerg Knude, logo do traslado aínda cumpría baixar a construción, taparlle os buratos que se lle fixeran, asegurala no novo emprazamento, restablecer toda a área e volver pintar as paredes antes de volver abrilo ao público. Pero as obras xa remataron e mañá, 16 de novembro, día internacional do patrimonio mundial, celébrase a festa de reinauguración do faro na súa nova situación. Estades todo@s invitad@s!:FESTA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s