#10yearchallenge

A comezos de ano 2019 estivo moi de moda nas redes sociais o #10yearchallenge, publicarmos dúas fotos, unha actual e outra de hai 10 anos, para comparar como tiñamos cambiado. E nós, por recomendación dunha amiga, tamén nos lanzamos a participar neste reto viral a través do Facebook, pero non con imaxes nosas, senón do noso Guidoiro Areoso e mais dos monumentos megalíticos que agacha, aproveitando as imaxes que recompilamos coa vosa colaboración ao longo destes anos. Aínda que, iso si, fixemos algo de trampa, xa que non sempre tiñamos fotos para comparar o estado actual co de hai 10 anos. A iniciativa tivo unha certa acollida nos medios de comunicación, xa que a recolleron tanto o xornal científico dixital Gciencia como La Voz de Galicia e cremos que ten un certo interese para ver como evolucionou o illote neste tempo, polo que agora que se achega a fin do ano pareceunos axeitado despedilo cunha nova entrada no blog recompilándoas todas. Aquí as están.

  1. O illote

01 Illote 2008-2018_2

A primeira comparativa que compartimos foi a de dúas imaxes aéreas do illote, tiradas do proxecto PNOA, a serie periódica que realiza o Instituto Geográfico Nacional cubrindo a superficie do país. A antiga corresponde ao 2008 e a máis recente ao 2017 (aínda que nós lle puxemos 2018, para facela coincidir co lapso de 10 anos do reto). Aínda que poidan aparentar moi similares, se vos fixades ben decatarédesvos dos profundos cambios que sufriu, especialmente na metade norte, onde se sitúa a duna móbil. Esta rotou un pouco cara ao leste (dereita), o que é moi evidente se comparades as zonas vexetadas entre ambas as fotografías (zonas escuras). Pero tamén se reduciu considerablemente: se vos fixades a oeste e leste, nótase ben que a area da praia no 2017 xa non chega ata certos afloramentos aos que si o facía en 2008 (números 1 e 4 da imaxe). Pero como isto pode ser devido a que as fotos foron quitadas en diferentes momentos da marea, a erosión aínda é máis evidente na zona central da duna (número 2), onde esa illa branquecina na que inserimos o número está na imaxe máis recente no límite da zona vexetada. Medindo entre ambas as fotos cun GIS constatamos que na zona oeste se perderon entre 20 e 25 m lineais de duna. Tamén é moi evidente a degradación do illote no istmo (número 3). No 2008 xa non había zona vexetada nesa zona, pero o corredor de area que separaba as zonas norte e sur do illote medía só uns 22 m cando no 2017 era de 70!

  1. O istmo

Autosave-File vom d-lab2/3 der AgfaPhoto GmbH

Desafortunadamente, da zona do istmo do Areoso non temos fotos do 2007 ou do 2008 para facermos unha comparativa máis recente coa actualidade. Pero si conseguimos esta de 2001 de Xurxo Mouriño que nos permite ver como se erosionou a duna norte comparándoa con outra imaxe nosa de 2011. A erosión do illote maniféstase moi ben nesta comparativa se vos fixades no punto máis alto da duna e mais na mancha de area que hai ao seu lado: en 2011 está moito máis próxima ao borde que antes, pola perda de material.

  1. A mámoa 4

03 M4 2005-2015_2

A mámoa 1 practicamente non cambiou nada desde que a escavou José Manuel Rey a finais dos anos 80, a mámoa 2 segue sepultada pola area desde entón, tal e como a deixou el, e a mámoa 3 atopámola por vez primeira en 2011 e non nos enviastes ningunha foto anterior, de modo que non podemos comparar 10 anos de lapso de tempo. Porén si que o podemos facer para as mámoas 4 e 5. Para a primeira delas, na nosa recompilación de fotos non obtivemos ningunha de 2007 ou 2008, así que non podemos facer unha comparación con este lapso de 10 anos entre antes e despois da escavación. Pero temos unha de 2005 do arqueólogo Ángel Acuña Piñeiro que nos permite ver como evolucionou a erosión ata o 2015, paralizada grazas ao muro que a protexeu. O afloramento da dereita é o mesmo nos dous casos; á esquerda, a cámara apenas asoma e á dereita xa está todo o seu lateral ao descuberto, como estaba cando se iniciou a escavación.

  1. A mámoa 5

04 M5 2003-2013_2

A foto máis antiga que obtivemos grazas á vosa colaboración da mámoa 5 foi esta de 2003 de Xan Rodríguez Silvar, que casualmente é 10 anos anterior a que documentásemos a súa destrución. Aínda que a perspectiva non é exactamente a mesma, na máis antiga podedes ver, entre os penedos, dúas lousas de pé. En 2013 estaban completamente caídas (a máis alta da primeira é a que ten a escala na foto da dereita). A perda de area é evidente na praia e na duna: os afloramentos do fondo na foto máis recente son os que apenas sobresaen entre a area na de 2003.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s