“Mira, Antonio, todo o toxo floreado en marzo en vez de en maio”

Nestes tempos tan estraños que estamos a vivir, a comezos do mes de marzo de 2021 un dos membros do noso equipo tivo que acompañar a seus pais ata o seu domicilio no País Vasco, para que os vacinasen contra a COVID-19. Eles son unha parella de emigrantes galegos de 81 anos que, desde que marcharon con pouco máis de vinte, non volveran a pasar un inverno na súa terra natal, aínda que si viñan sempre durante as vacacións de verán. Desde que se xubilaron pasan longas temporadas por aquí, se ben este foi o primeiro ano que pasaron o inverno en Galicia.

Pois durante a viaxe, cando estabamos a circular en coche pola Terra Cha, a ela escapoulle a frase que titula esta entrada: “Mira, Antonio, todo o toxo floreado en marzo en vez de en maio”. Pode ser unha frase banal, pero que é moi sintomática dun dos cambios que se están a dar nos últimos anos como consecuencia do cambio climático: o adianto da floración das especies vexetais. É algo do que veñen advertindo todos os estudos recentes, ao constataren que se están a producir invernos menos extremos e que cada grao de aumento da temperatura da terra produciu un adianto de ata seis días na floración, segundo as especies. Paralelamente, tamén se adiantou a saída das follas nas árbores de folla caduca. Non é unha situación recente, xa que os investigadores veñen advertindo dela desde hai 10 anos.

Toxos floreados a mediados de marzo de 2021 na Serra das Cabanas (límite entre Ribas de Sil, Lugo e mais A Pobra de Trives, Ourense)

Esta é só unha das múltiples manifestacións cotiás do cambio climático que se veñen observando e que nos afectan directamente. A diminución do xeo nos polos e o derretemento dos glaciares parece algo moi afastado, pero isto tradúcese, de forma paralela, en que a temporada de neve nas estacións invernais é agora máis curta (nos Alpes, ata 35 días menos con respecto a 1971). E o quentamento da auga do mar, aínda que para nós poida ser pouco apreciable, pois apenas acadou un grao entre 1957 e 2012, supón que cheguen ás nosas costas especies de augas tropicais que antes non se vían; e, cara ao futuro, pode chegar a provocar que se reduza a calidade e cantidade dos peixes e mariscos das nosas rías. Por non falar da subida do nivel do mar como consecuencia do desxeo dos polos, que pode chegar a inundar moitas zonas habitadas das nosas costas.

Evidentemente, o comentario da nosa nai non é unha proba científica do adianto da floración, e non parece que o aumento da temperatura media da terra teña sido tan grande como para que a floración do toxo se adiantase tanto. Pero non deixa de ser a sensación dunha persoa que, para un lapso de tempo de case 60 anos, lembra que os toxos florecían case dous meses máis tarde do que o fan hoxe.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s