Montonciños de pedras (#rockbalancing): se os queres, nas túas macetas!

A moda de amorear pedras en equilibrio estase a volver unha auténtica enfermidade obsesiva que non deixa de estenderse por todo o noso territorio, especialmente nos espazos costeiros, e volveu ser noticia hai uns días en Galicia ao detectárense novas concentracións destas parvadas na praia das Catedrais en Ribadeo.

Á esquerda, moreas de pedras na praia das Catedrais en 2019 © Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe

Resulta difícil saber como, por que e cando se puxo de moda, pero é doado atopar páxinas web que nos falan de que se trata dunha práctica relacionada coa filosofía zen como forma de demostrar ou manifestar o equilibrio interior dunha persoa. En realidade este tipo de moreas de pedras existen en moitas culturas, desde o altiplano andino en Sudamérica (onde se coñecen como apachetas) ata Canadá ou Groenlandia (onde os innuit as denominan inuksuk). Nestas sociedades poden ter unha significación múltiple, ben como marcadores e puntos de referencia, normalmente vinculados aos camiños, rutas de tránsito ou zonas de caza, ben como monumentos de carácter protector para os viaxeiros ou de agradecemento destes aos deuses. As apachetas, de feito, non son moi distantes do que na cultura popular galega eran os amilladoiros, montículos de pedras que se foron formando ao pé dos camiños a medida que os peregrinos aos distintos santuarios ían depositando cadansúa pedra en sinal de agradecemento polo traxecto realizado sen problemas.

Inuksuit na península Foxe (Baffin Island, Canada). © Ansgar Walk

Pero a moda que se está a estender nos últimos anos non ten nada que ver con eses ritos e si moito coa incapacidade que ten o ser humano de non deixar a súa pegada (por non dicir a súa merda) alí onde chega. Parece que non somos quen de gozar da natureza, da paisaxe, ou mesmo do patrimonio cultural, sen deixarmos a nosa marca para que o que veña detrás saiba que estivemos alí. Pensade en todos os graciosos que deixan o seu “Fulanito estivo aquí” gravado nunha rocha ou nun monumento.

O problema é que este tipo de moreas de pedras (nós negámonos a aplicarlles o termo tradicional de amilladoiro, que non ten nada que ver con elas) teñen múltiples problemas, empezando pola propia recolección e traslado de pedras que en ocasións forman parte dunha formación natural. Ademais, moitas veces constrúense en zonas protexidas ambientalmente, como As Catedrais ou a praia do Trece en Camariñas, o que supón unha forte alteración e unha degradación dos valores naturais que se queren protexer. De feito, na visita que fixemos ao Areoso a semana pasada vimos unha destas merdas, das que ata agora parecía que se viña librando.

Morea de pedras na praia sueste do Areoso o 29.07.2021

E o problema é que, en ocasións (onde vai un, van todos), as moreas chegan a concentrarse de tal xeito que parecen campos de millo. Aínda máis, nas Catedrais sitúanse con moita frecuencia ao pé dos cantís, o que pon en perigo a propia vida de quen as fai, xa que poden producirse derrubes como o que custou a vida a unha muller no ano 2018.

O patrimonio cultural tampouco se libra desta lacra. Desgraciadamente é frecuente que sitios como o castro de Baroña se incen das malditas moreas, non só a explanada que ten por diante, senón mesmo ao seu interior, ata sobre as vivendas. Mesmo o gran Davila chegou a facer unha viñeta co tema.

Nos últimos anos estase a chamar a atención sobre o prexudicial e horrendo que resulta esta moda, tanto desde o mundo científico, como desde os grupos ecoloxistas ou mesmo a prensa. Pero resulta difícil combater esta moda se desde a administración autonómica se negan a poñer multas cando se fan en zonas protexidas, de acordo coa Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade; e ata se permiten a frivolidade de empregalas en carteis turísticos (a imaxe vímola nas redes en 2019) como, por outra parte, chegaran a facer coas balsas tóxicas de Monte Neme, en Malpica de Bergantiños.

Afortunadamente, hai outras administracións responsables, como o concello de Camariñas que o ano pasado colocou carteis nas zonas protexidas do seu termo municipal prohibindo levantar estes amoreamentos baixo ameaza de multa de ata 6.000 euros. Aínda que ao mesmo tempo é moi triste que teñamos que vernos obrigados a inzar o territorio de anuncios deste tipo porque non sabemos manter as mans paradas.

Así que, xa sabes, se queres manifestar o teu equilibrio interior, faino mellor nunha maceta da túa casa pero iso si, por favor, para facer a túa morea non collas as pedras de zonas protexidas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s