Todos os xacementos arqueolóxicos que coñecemos en Guidoiro Areoso a comezos do 2014 se sitúan na zona intermareal, onde a acción do mar os deixa ao descuberto, xa que o interior está completamente ocupado por unha duna. Ata agora identificamos cinco monumentos megalíticos (mámoas), todos eles na metade sur da illa. Non coñecemos a súa cronoloxía exacta, pero non difiren moito dos que atopamos no resto de Galicia, polo que lles podemos supoñer unha similar, do Neolítico ou Calcolítico (4500-2000 a.c. en cifras redondas).
Ademais, polas praias do illote esparéxese abundante material arqueolóxico do Calcolítico e mais da Idade do Bronce, sobre todo cerámica e restos de comida.
Pero isto é só o que sabemos ata hoxe. Cada ano os temporais do inverno erosionan un pouco máis O Areoso e deixan á vista novos achados arqueolóxicos ata entón sepultados pola area. E seguramente aínda existen moitas sorpresas agachadas baixo ela.