Achegámonos á historia máis antiga da Mámoa 4 do Areoso

Na sexta semana de escavación xa estamos retrotraéndonos a datas arredor de 4.000-6.000 anos atrás. Estamos acabando de retirar tanto o cuncheiro, como as pedras e os grandes bloques da estrutura megalítica, movidas nalgún momento despois do seu peche e do que xa vos falamos no post da semana pasada XA ESTAMOS NO ECUADOR DA INTERVENCIÓN!

IMG_51762 (2)

IMG_51762

A extensión do cuncheiro ocupa toda a marxe Surleste do túmulo, sobre a zona de acceso ao interior da cámara megalítica, e como xa se ten comentado, o tipo de material cerámico que acompaña a esta grande cantidade de cunchas lévanos a considerar que foi formado durante a Idade do Bronce, cando xa as mámoas deixaron de utilizarse como enterramentos colectivos das comunidades que habitaron estas áreas.

This slideshow requires JavaScript.

Tamén temos confirmado que toda a serie de grandes bloques alongados de granito que se atopan na marxe esquerda da entrada da cámara (ao Sur do corredor) foron desprazados en relación a esta acumulación de cunchas, o que nos indicaría que a mámoa foi desfeita na Idade de Bronce, cando alteraron partes da estrutura central e a coiraza da mámoa, descolocando todas estas grandes pezas que serían, algunhas, as tampas do corredor, e outras, seguramente, pedras do sistema de peche da propia cámara.

20994048_134738857139139_1992269202111194987_n

Tras retirar todos estes sedimentos e rexistralos con coidado, empezamos esta semana a achegarnos aos restos da estrutura orixinal do monumento megalítico. É habitual neste tipo de xacementos atopar un acceso con varios usos, varias capas de recheo, reformas da entrada nas que amontonan ou cambian as pedras da coiraza, acumulan terra nalgunha área específica, etc. e que nos darán a clave das posibles reutilizacións deste monumento e polo tanto, da súa vida.

Estamos, polo tanto, ante unha estructura moi delicada e moi interesante, e só nos quedan un par de semanas para rematar a intervención!

E como saber de CANDO son estes restos? A combinación de distintas técnicas de datación e o emprego da OSL na intervención do Areoso 2017

En Arqueoloxía interésanos moito saber como foron configurados os espazos, como foron construídos, como se empregaron, que restos quedaron no sitio, que ferramentas e técnicas tiñan as sociedades que os construíron, que indicios son produto de accións deliberadas e cales nos chegan a nós como resultado do abandono do lugar e os procesos naturais posteriores… Pero a outra gran pregunta é CANDO, para así entender a “biografía” do monumentos, como xa vimos neste post POR QUE TEN INTERESE A ESCAVACIÓN DA MÁMOA 4 DO AREOSO?

Neste sentido, escavar con coidado e cunha metodoloxía arqueolóxica que rexistra as relacións físicas entre Unidades Estratigráficas (cal está por enriba, cal por debaixo, se unha ou varias están cortadas por… un burato, se están adosadas, …) permítenos albiscar a sucesión temporal na que foron xeradas estas distintas capas, algunhas resultado da acción humana e outras da acción da natureza. Así obtemos a sucesión de estratos que, por exemplo, nos permite dicir que o cuncheiro é posterior á coiraza do túmulo, pero aínda nos falta saber de que época é ese cuncheiro.

A forma máis habitual para poder dicir de que época é un estrato é polo material arqueolóxico que contén. Deste xeito, comparando os materiais recuperados aquí coas escavacións e investigacións previas, podemos dicir que, se aparece unha cerámica campaniforme no cuncheiro, como este tipo de obxecto é propio de comezos da Idade do Bronce e incluso ten aparecido en contextos xa previamente datados, este cuncheiro será desta época.

Pero ademais, en Arqueoloxía, apoiámonos noutros especialistas e técnicas para ir máis alá e obter cronoloxías absolutas. Estas técnicas son aquelas que permiten determinar unha data ou idade a partir da análise directa da mostra seleccionada. O máis habitual dos sistemas de datación absoluta en contextos arqueolóxicos é a datación por Carbono 14 (C14), da que temos previsto facer polo menos 2 análises nesta intervención a cargo do proxecto arqueolóxico. Pero é unha técnica que tamén se está a aplicar no estudio paleoambiental que se desenvolve co proxecto da USC que xa vos temos falado para calcular a data dos distintos niveis identificados. Se queres saber máis desta técnica, podes ver un resumo sobre en que consiste a datación por radiocarbono na web deste laboratorio que realiza multitude de datacións de contextos arqueolóxicos. En Galicia xa contamos cunha ampla colección de datacións por Carbono 14 en contextos megalíticos que crece con cada intervención e que nos permite saber, por exemplo, que as mámoas máis antigas están datadas en torno ao 4.500-4.300 a.C. (como por exemplo, Forno dos Mouros 5 ou Chousa Nova 1, nas que varios membros deste equipo temos traballado) ou que os accesos nas grandes cámaras, como os de Dombate ou Campiños 6 foron pechadas entorno ao 3.000-2.500 a.C.

Pero ademais existen moitas outras técnicas de análise físico-química que permiten calcular directamente a idade dun estrato, e este post querémolo dedicar a unha delas:

             Datación por OSL (Optically Stimulated Luminiscense)
ou
DATACIÓN POR LUMINISCENCIA ÓPTICAMENTE ESTIMULADA.

Datación por OSL (Optically Stimulated Luminiscense)  ou  DATACIÓN POR LUMINISCENCIA ÓPTICAMENTE ESTIMULADA.

Proceso xeral que produce a sinal de luminiscencia (1-2) e do procedemento de mostreo e análise para determinar a idade (3-6). Extraída de http://core.ecu.edu/geology/mallinsond/OSL.htm

A OSL é capaz de calcular a radiación natural acumulada por un mineral dende a última vez que quedou exposto á luz, ou sexa, mide cando estes minerais viron a luz por última vez e polo tanto, danos unha data de antigüidade.

Somos quen de aplicar esta técnica nesta intervención grazas a colaboración do Dr. Elías López-Romero, investigador do LaScArBx – LabEx Sciences Archéologiques de Bordeaux da Université Bordeaux-Montaigne (Francia), especialista en megalitismo e neolítico, arqueoloxía costeira, arqueometría, arqueoloxía da paisaxe, emprego das novas tecnoloxías en patrimonio, etc. e do que podes ver as súas publicación en aberto aquí… Elías é unha das patas, alma e corazón deste blog Guidoiro Dixital, quen xa centrou a súa investigación neste illote no seu proxecto anterior entre 2013-2015, grazas ao financiamento que aportou co seu proxecto europeo Marie Curie-IEF: eSCOPES “Evolving spaces: coastal landscapes of the Neolithic in the European Land’s Ends” da Universidad de Durham. Previamente xa tiña tamén traballado no contexto costeiro destas rías, preto dos Guidoiros, durante o seu contrato no Incipit, CSIC, do que resultaron varias publicacións coma esta “Estudo arqueolóxico do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Prospección superficial e vulnerabilidade“.

23

Elías rexistrando en setembro de 2013 a chamada Cista 2 do Areoso, actualmente xa desaparecida. Podes ver o modelo 3D deste cista aquí en https://skfb.ly/TLDO

O seu interese científico segue centrado no megalitismo + costa + vulnerabilidade dos xacementos costeiros, pero tamén lle interesa especialmente aplicar unha técnica de datación directa como a OSL que aínda non está moi estendida nos contextos prehistóricos, como xa nos contou na súa publicación de 2011 DATACIÓN POR LUMINISCENCIA ÓPTICAMENTE ESTIMULADA DE MONUMENTOS MEGALÍTICOS:CONTEXTO Y PERSPECTIVAS, onde podes ver unha explicación máis ampla da técnica e o seu interese.

Para facelo aquí, no Illote do Areoso, Elías solicitou os servizos dun grande especialista, o Dr. Jorge Sanjurjo Sánchez e o seu equipo do Grupo de investigación Grupo Interdisciplinar de Patrimonio Cultural e Xeolóxico (CulXeo) da Universidade de A Coruña. Jorge é especialista en xeocronoloxía, xeoquímica ambiental, xeomorfoloxía, xeoarqueoloxía, etc. e sobre todo en datacións por OSL, como podes ver nas súas publicación en aberto aquí…

Na primeira semana de intervención, tras ter un perfil completo do xacemento e identificar a sucesión estratigráfica e a relación cos elementos construtivos do monumento megalítico, procederon a facer a mostraxe para a Datación por OSL. Analizando as posibilidades que tiñamos, a estratigrafía do xacemento, os coñecementos dos distintos especialistas tanto no contexto arqueolóxico como na técnica OSL, seleccionáronse 4 puntos concretos para a tomas de mostras para OSL, con especial coidado para que as mostras non lles dera a luz en ningún momento.

This slideshow requires JavaScript.

Este tipo de datación é especialmente fiable en relación a algún tipo de minerais, como o seixo, que é abondoso na composición das areas das praias. E por outra banda, as dunas son moi complicadas de datar por C14 xa que normalmente teñen pouca materia orgánica, que é un dos tipos de materiais que pode ser datado por Carbono 14. Así, a OSL revélase como unha técnica moi útil en contextos costeiros coma este.

Escolléronse os sitios concretos onde extraer as mostras en relación á identificación de superficies especialmente relevantes, como a capa que cobre directamente a coiraza (ese sedimento negro e moi areoso que vos temos falado nos post anteriores) para así calcular en que momento este sedimento deixou de recibir luz.

109

Mostraxes para OSL (círculos numerados) e mais as columnas de mostraxes paleoambientais (en verde) extraídas na parte posterior na laxe de cabeceira da Mámoa 4 do Areoso

Outra recolleuse na base da duna máis antiga que se formou directamente sobre esa capa negra. Tamén se colleron mostras na superficie baixo a coiraza, na parte superior da masa tumular e unha última preto da base da cámara.

Os resultados destas datacións, en combinación coas datacións e análises físico-químicas que realizará o equipo de paleoambiente de Ramón Blanco – USC das mostras obtidas ao carón das de OSL, mais as datacións por C14 dun par de contextos arqueolóxicos noutras zonas da mámoa, a lectura estratigráfica, o material arqueolóxico rexistrado en cada capa, todo iso por xunto permitiranos saber CANDO se formaron os estratos clave e principais do xacemento, e polo tanto a historia no tempo deste túmulo, dende que foi construído ata que se empezaron a formar as dunas sobre el.

Moitas grazas Elías por escoller esta intervención para a túa apaixonante investigación e darnos a oportunidade de datar estes contextos con esta técnica tan interesante.

Xa estamos no ecuador da intervención!

Estamos na 5ª semana de escavación arqueolóxica no Areoso dun total de 8 semanas de traballo, polo que xa temos superado a metade do tempo previsto para esta intervención. IMG_29052Levamos retirada moita area, rexistrado unha gran cantidade de unidades estratigráficas, mostras, materiais arqueolóxicos, datos topográficos… e ademais, recibido multitude de visitas que, polo seu interese, ánimo e preguntas, sérvenos de estímulo para seguir adiante.

Neste momento xa estamos escavando e rexistrando as capas que cobren directamente as estruturas que conforman o monumento tumular, pero aínda falta bastante para rematar esta tarefa. Estivemos estas dúas últimas semanas retirando toda unha serie de capas moi areosas, no que predomina un paquete moi escuro, e que claramente formáronse nun momento no que o ambiente da contorna era moi similar ao actual: a alta proporción de area nos depósitos nos está a indicar que estaríamos nun entorno areoso, próximo ao mar, como xa vos adiantamos no post TRAS A 2ª SEMANA DE INTERVENCIÓN, CAMBIAMOS O RITMO DA ESCAVACIÓN. Esa area foise acumulando sobre a Mámoa 4, que ademais estaría, de vez en cando, cuberta de vexetación que ao podrecer, acabaría dando ese aspecto tan escuro a estas capas.

IMG_29053

Detalle da columna de mostras do paquete escuro areoso que cobre os restos

Unha columna de mostraxe que extraeu nesta zona Ramón Blanco Chao, xeomorfólogo e especialista en espazos litorais da USC, axudaranos a coñecer en detalle como se foron formando estes depósitos.

Ao empezar a retirala, temos identificado que este espazo estivo a albergar algún tipo de actividade que aínda estamos a desentrañar. Cara o oeste da área de intervención (e ao oeste e sur da propia mámoa), teñen aparecido diversos conxuntos de pedras aínda sen interpretar. Estas acumulacións pétreas definen varias alineacións e un semicírculo:  as primeiras, a xeito de sinxelos muretes, están formadas por dúas ou tres fiadas de pedras apiadas, algunha delas fincadas e sen argamasa; incluso, se ben algún treito destes pequenos muros está derrubado, pódese apreciar a conformación dun espazo de planta tendende a rectangular, aínda que non totalmente definido polo de agora.

IMG_29055

Estas estruturas atópanse claramente sobre os restos máis antigos, relacionadas coa mámoa e, incluso, sobre o cuncheiro que seguimos a escavar estes días, o que nos indica que responde a un evento posterior ao monumento megalítico. Temos varias pistas sobre a época de construción e uso destas estruturas, xa que, vencellado ao paquete areoso no que se teñen rexistrado estes bloques de pedras, temos atopado algún material arqueolóxico de interese. Son significativos varios fragmentos de cerámica con decoración, como os que se amosan a continuación, que nos levan ata a Idade de Bronce e, incluso, a cronoloxías máis recentes: un borde dunha ola tipo “largo-bordo” ou varios fragmentos campaniformes.

This slideshow requires JavaScript.

Por outra banda, se ben xa temos ao descuberto unha grande parte da coiraza da Mámoa 4, na zona do acceso, ao surleste, aínda se está a escavar o cuncheiro do que se ten falado no post anterior DESENTRAÑANDO O QUE AGOCHA… Vemos que este cuncheiro exténdese por toda a parte frontal de entrada á cámara e, nos sectores xa escavados, está directamente sobre a propia coiraza do monumento. Tamén pódese observar como a capa de cunchas cubre un gran bloque alongado de pedra  que se atopa ao oeste do corredor e que, pola súa forma e tamaño, semella ser unha das laxes de cuberta do mesmo. IMG_29053 (4)Se esta peza, como parece, pertence á estrutura orixinal da cámara, estaría a indicar que foi quitada da súa posición primaria antes de que o cuncheiro se formara, dato que indicaría unha desmontaxe desta parte da estrutura megalítica principal en momentos prehistóricos.

Estamos tamén empezando a retirar os depósitos do interior da cámara e do corredor, tratando de identificar se os recheos que ten responden a algún tipo de remexido ou están en posición orixinal. O que xa temos bastante claro é que o tipo de cámara ante o que estamos non é común. Habitualmente as cámaras megalíticas teñen unha lousa de cabeceira sobre a que se van apoiando o resto de ortostatos ata formar o espazo da cámara. Habitualmente a laxes distribúense por pares a un lado e outro da de cabeceira, ata facer unha cámara aberta como esta, e logo, un ou varios pares de lousas máis pequenas forman o corredor de acceso. Isto quere dicir que o normal é que as cámaras teñen 5 ou 7 laxes, pero nesta altura da escavación da Mámoa 4, estamos vendo que a cámara está composta por 6 laxes. Sería un dos poucos casos coñecidos en Galicia, algo que tamén ocorre na mámoa 6 de Os Campiños (Rianxo) escavada en 1984 (acceso a publicación online da escavación), ainda que nesta outra mámoa só conservaba 4 laxes in situ.

IMG_29053 (3)

Desentrañando o que agocha o cuncheiro da Mámoa 4 do Areoso

Esta semana comezamos a escavar o cuncheiro da Mámoa 4, que é un dos elementos máis singulares e interesantes desta intervención, como xa vimos neste post POR QUE TEN INTERESE A ESCAVACIÓN DA MÁMOA 4 DO AREOSO?

Os cuncheiros son elementos arqueolóxicos especialmente interesantes, porque nos permiten saber sobre a vida, o tipo de alimentación e costumes destas épocas prehistóricas. Un cuncheiro é, sobre todo, unha acumulación de cunchas, pero tamén ten a vantaxe de que as cunchas fan que se conserven restos orgánicos que doutro xeito se perden no rexistro arqueolóxico, como son os ósos, sementes, espiñas de peixes, etc. O carbonato cálcico que desprenden crea un entorno especial que limita a descomposición dos materiais orgánicos, o que é habitual no resto dos depósitos arqueolóxicos debido a acidez do chan. Estas condicións de acidez fan que non atopemos todos estes restos orgánicos, tan importantes para saber como vivía a xente de tempo atrás, por iso este cuncheiro no Areoso é tan importante.

IMG_951805 (2)

Cuncheiro na Mámoa 4 de Areoso

O noso propósito é saber de que época é a formación deste cuncheiro, con qué tipo de evento está relacionado, a que especies animais e vexetais corresponden estas cunchas, ósos, espiñas, sementes,… que se poden acumular no cuncheiro. Pero para ser capaces de saber todo isto, temos que saber como recollelo e rexistralo do mellor xeito posible, analizar que especies aparecen e cales non, que variedades de tamaños hai…. Todos son aspectos que temos que ter na cabeza no proceso de escavación dun cuncheiro. E para facelo da mellor maneira posible, contamos coa colaboración do noso experto Carlos Fernández.

O Dr. Carlos Fernández Rodríguez é profesor da Universidade de León dende 2003 na Área de Prehistoria, Departamento de Historia, na Facultade de Filosofía e Letras. É especialista en zooarqueoloxía, é dicir, no estudo dos vestixios de fauna recuperados en xacementos arqueolóxicos. Ten realizado análises de restos que van dende a época paleolítica ata a actualidade, como podedes ver nas súas publicacións accesibles en aberto neste perfil online.

IMG_951804

Carlos Fernández e Santiago Vázquez revisando o cuncheiro da Mámoa 4

Carlos xa estudou anteriormente o cuncheiro da Mámoa 4, analizando aproximadamente 15 kg de mostraxes extraídas no 2014 cando este quedou á vista. O seu traballo de análise toma especial relevancia esta semana, posto que, como xa dixemos, agora estamos no momento da intervención no que se empeza a escavar o cuncheiro, e se vai levar a cabo o rexistro de moitas máis mostras segundo o plan proposto polo propio Carlos. Este plan de rexistro e mostraxe foi afinado nunha visita de Carlos ao Areoso hai un par de semanas, onde se definiu a estratexia de documentación e de extracción completa de partes deste cuncheiro. Isto nos axudará a definir as posibles variacións, acumulacións, especies, etc. que se poidan dar na totalidade do cuncheiro. Tras este rexistro na escavación, Carlos e o seu equipo comezarán un proceso laborioso de análise dos datos recuperados durante o traballo de campo, e farán un estudo máis completo e profundo destes restos.

É de esperar que este labor de investigación poida aportar máis datos sobre o contorno no que se desenvolvía o grupo humano que xerou o cuncheiro e sobre a súa relación con el. Tamén pode chegar a aportar información sobre a climatoloxía de Areoso na época na que se acumulou aquí esta grande cantidade de cunchas.

20707979_110838729589949_2849096676785348253_n

Ósos de animal atopados na Mámoa 4

Polo de agora, grazas aos estudos que Carlos xa ten feito dende o ano 2013 dos ósos atopados no Areoso e das mostraxes do cuncheiro da Mámoa 4 que fixo no 2014, podemos saber que as especies predominantes no cuncheiro son a lapa, mexillón e ostra, todas elas especies de rocha. En canto ao peixe, atopáronse restos de dourada e farro principalmente. Por outra banda, a presenza de ósos de gando vacún, de ovella e de cabra, poderían ser un indicativo de que daquela o Areoso non era unha illa, tal e como xa puidemos saber coa entrada Pero…qué ven sendo un cuncheiro.

Estes datos, ademais, son moi interesantes posto que dan información sobre que tipo de pesca se levaba a cabo nesta parte do Noroeste Peninsular durante a prehistoria. Por sorte, agardamos que en pouco tempo podamos ter máis información que nos axude a coñecer un pouco máis estes aspectos da cultura e do contorno do Areoso durante a Prehistoria recente. Esperamos con ganas todos estes estudos, dos que xa veñen de presentar os resultados preliminares nun congreso especializado en Portugal co título SHELLFISHING DURING THE BRONZE AGE IN NORTHWESTERN IBERIA: FIRST RESULTS FROM GUIDOIRO AREOSO SHELL MIDDEN (GALICIA) – Marisqueo durante a Idade de Bronce no Noroeste da Península Ibérica: primeiros resultados dende o cuncheiro de Guidoiro Areoso (Galicia)

IMG_951805

Moitas grazas Carlos!

Como é escavar no Areoso… un illote no medio da ría de Arousa

Moita xente pregunta como facemos para traballar no illote do Areoso. Xa coñecedes ben que estamos nun espazo natural no medio da Ría de Arousa, de pouco máis de 600 m de longo por 200 m de ancho, a menos de 2 km da Illa de Arousa, a uns 3 km dende o porto do Campo, dende o cal saímos todos os días. Para chegar ao noso lugar de traballo temos que ir nun bote: cada día a equipa, entre 6 e 8 persoas, carga todos os seus trebellos, ferramentas, equipos, cámaras, fichas… e desembarca nas praias do Areoso. IMG_20372Grazas á pericia do noso patrón Gabriel e o seu axudante Juan, de Amare Turismo Náutico, nunca nos mollamos para subir e baixar do bote, o que pode ser realmente complicado, máis se vas con mil vultos… unha vez en terra só queda achegarnos ata a zona da escavación da Mámoa 4, onde estamos desenvolvendo a maior parte do traballo desta intervención.

É un espazo natural que ten a típica vexetación de duna, o que implica que non temos árbores ou espazo no que facilmente atopemos unha sombra ou refuxio, e, por suposto, temos que levar os nosos víveres, auga e calquera cousa que precisemos para pasar o día, como a crema solar! Tamén temos a obriga, aínda máis, o propósito, de respectar este entorno natural e afectalo o menos posible debido ao estado precario no que se atopa tanto a fauna como a flora do Areoso tal e como vos contamos no post A gabita e outras singularidades da flora e fauna do Areoso.  IMG_92920 (3)

É moi forte a erosión por causas naturais, pero tamén a provocada pola presión humana, isto está a estragar e mudar completamente este espazo que está en grave perigo de perderse. Vemos como a erosión das dunas, sobre todo da metade Norte do illote, está avanzando cada vez a máis velocidade, unha mostra disto é que esteamos agora vendo xacementos que seguramente levan moito tempo baixo as areas… Por iso, e por seguridade, temos a nosa área de traballo delimitada cunha corda sinalizada por carteis, para evitar que a xente pise accidentalmente a zona de escavación arqueolóxica, caia polos perfís… Pero tamén, limita o noso movemento ao espazo máis inmediato ao redor da escavación para que así, a vexetación da duna, que actúa coma unha rede que apreixa a area que ten debaixo, non morra a causa da nosa presenza. Procuramos movernos pola praia, e por aí temos estendidas a area e a terra que estamos retirando sobre a Mámoa 4, para procurar ademais que o mar chegue ata a fronte da duna e a continúe erosionando.

Non poder levar ferramentas pesadas, equipamento electrificado, maquinaria, etc. complica o día a día do traballo arqueolóxico que estamos a realizar. Pero tamén outras tarefas que están a realizarse por diferentes especialistas. Esta semana pasada, na 3ª semana de intervención, estivo con nós un equipo de canteiros, xa que precisábamos retirar a lousa de cuberta que estaba derrubada cara ao interior da cámara.

Para poder ver o que hai dentro do dolmen tivemos que retirala, e quen mellor que uns canteiros para facelo! Pero non podíamos traer unha grúa ou outros dispositivos mecanizados ou pesados. IMG_20093Miguel Fandiño e mais Rocío trouxeron o que precisaban na lancha que nos trae todos os días: un trípode metálico de grande altura, cinchas, cadeas, polipasto,… e con estas sinxelas ferramentas, case case “prehistóricas”, eles dous lograron retirar esta lousa que calculan que pesa entre 1.500-1.800 kg, movela ata un lado con total seguridade e sen danala e sen rozar o resto de lousas da estrutura. No final da intervención volverán, porque o noso propósito é colocala tal e como estaría no momento da súa construción, sobre as lousas fincadas tapando a cámara, sempre que as pedras que a conforman sexan capaces de aguantar o seu peso e poidamos colocala enriba. Despois dos primeiros exames feitos pola nosa colaboradora Teresa Rivas especialista en granito e o seu comportamento, a nosa restauradora, Andrea Fernández e outras persoas especialistas que están na intervención (e á espera da opinión das que aínda están por achegarse), observamos que varias das pedras da cámara están partidas e quizais non sexa posible colocar a tapa nunha posición que axude a mellorar a consistencia e estabilidade da mesma. A proposta final de restitución farase cara ao remate da intervención, no que pretendemos que a cámara quede a vista en todo o seu contorno, emerxendo uns 50 cm sobre as pedras e area que a rodearán.IMG_2037012

A orixe das pedras da Mámoa 4 do Areoso

A semana pasada estivo con nós a Dra. Teresa Rivas Brea. Teresa é doutora en Bioloxía e profesora do departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo. É especialista, entre outras cousas, no granito e no seu comportamento así como na alteración do mesmo, con gran experiencia aplicando o seu coñecemento á protección do Patrimonio Cultural.

IMG_91593

 

Teresa vai facer un estudo da pedra que foi empregada na Mámoa 4 dende o punto de vista da xeoloxía. O obxectivo é coñecer a orixe e o estado da pedra do monumento. Entre os parámetros que se van estudar están a dureza, a cor ou a composición do granito empregado para súa construción. piedAsí, tras esta identificación, esta especialista intentará dar a coñecer a posible procedencia do material facendo un estudo exhaustivo da xeoloxía do illote e da contorna máis inmediata, contrastando a información das cartas xeolóxicas coa prospección e identificación do material cos cons e afloramentos que se atopan no illote. Ademais verificará se toda a pedra empregada na Mámoa 4 é do mesmo tipo de pedra e fará un estudo do material arqueolóxico no caso de que saia algún tipo de material en pedra. En caso de atopar algún fragmento de rocha desprendido tamén temos a posibilidade de facer unha análise no laboratorio para facer esta identificación dun xeito máis preciso.IMG_91598

En base aos datos aportados por Teresa Rivas, o estudo da Mámoa 4 poderá complementarse cunha gran cantidade de datos que permitirán coñecer máis en profundidade como foi construída esta tumba neolítica. Por exemplo, poderemos ter unha idea máis precisa de ata onde puideron chegar a ir para buscar as pedras do monumento, tanto as lousas máis grandes da cámara, que evidentemente son moi pesadas e difíciles de transportar, pero tamén para as pedras máis modestas da coiraza, que tamén supoñen un grande esforzo e, por outros xacementos, sabemos que é frecuente que estean seleccionadas aínda que as veces parezan todas iguales. En función disto, tamén poderemos valorar a capacidade de desprazamento e de traballo que teñen estes grupos prehistóricos, o esforzo que supuxo esta construción, a lóxica deste esforzo (¿escollían pedra do seu entorno o traíana dende lonxe a pesar de ter tanta moi preto? ¿é granito fino ou de gran groso?…) xa que quizais non seguían os nosos criterios actuais de eficiencia ou os que lles supoñemos a eles, como a captación do entorno máis inmediato, canto menos esforzo, mellor…

Temos moitas preguntas para ela. Moitas grazas Teresa!

Tras a 2ª semana de intervención, cambiamos o ritmo da escavación

Levamos quitado máis de 2 metros de area sobre o túmulo, nunha área de escavación que alcanza os 100 m2. Pero xa estamos comezando a descubrir como estaba a mámoa 4 antes de que o ambiente cambiara tanto, antes dese punto no que empezaron a formarse estas potentes dunas no Areoso.

IMG_92921_(6)[1]

É un exercicio moi difícil tratar de imaxinar como sería o noso contorno sen eses 2 metros de area enriba, exactamente o momento da escavación no que nos atopamos. Os cons (como chaman os arousáns as pedras e bolos graníticos que sobresaen do mar) e os afloramentos que temos ao noso redor destacarían enormemente, marcarían unha paisaxe de carácter moi rechamante, realmente singular…IMG_031900

 

Así, temos á vista unha superficie moi escura pero que, como a pequena porción de duna que acabamos de escavar, tamén está formada básicamente por area: cambiou a cor, pero esta capa nos está a falar de que, no momento no que se formou este paquete, xa estaríamos nun ambiente costeiro, moi próximo ao mar, tanto… que o chan formouse en base a area. Tamén comeza a saír algún material arqueolóxico, mais aparentemente está descontextualizado: fragmentos de cerámica, algúns moi pequenos e outros máis grandes que, cando examinemos en detalle o seu estado de conservación, nos dirán se é posible que proveñan doutro sitio próximo que estaba erosionándose ou desmantelándose, e, ao desfacerse o seu contexto orixinal, chegan ata aquí removidos…

Neste momento O Areoso xa sería un illote, o mar non estaría moi lonxe, aínda que é probable que a súa superficie fose maior que agora, aspectos que están a estudarse dende as Ciencias da Terra (Xeoloxía, Xeomorfoloxía, Paleoambiente, etc.) como xa falamos neste blog no post  ESTUDANDO OS PALEOSOLOS DO AREOSO … e nós, na escavación, non temos por agora evidencias de que se produza un uso moi intenso do Areoso en relación a esta capa escura que cobre todas as estruturas arqueolóxicas.

Pero debaixo desta capa de terra negra que estamos comezando a escavar, podemos atoparnos moitas sorpresas. Aínda que os monumentos megalíticos foron feitos aproximadamente hai uns 6.000 anos, nas súas escavacións é habitual ver que atraeron a moita xente, centos e incluso miles de anos despois de construídas, cando quizais xa ninguén se lembraba de que aí sesoterraban os mortos da familia. En moitas escavacións foron identificadas alteracións e usos na Idade de Bronce, aproximadamente hai uns 4.000 anos, ou mesmo restos da época da romanización de Galicia, e, por suposto, practicamente todas teñen os furados dos que remexeron e desfixeron as cámaras megalíticas buscando supostos tesouros…

IMG_031900 (2)

Estamos, polo tanto, nun momento moi interesante xa que podemos atopar indicios de reutilizacións do monumento e tamén pegadas de destrucións máis ou menos intencionais. A forte pegada na paisaxe e a singularidade das tumbas neolíticas, construídas para durar e para ser vistas, tamén puido atraer a outras xentes antes ca nós. Veremos se atopamos indicios deles.