Punta Riasón e os nomes dos xacementos arqueolóxicos

Igual vos preguntastes algunha vez como é que se poñen os nomes aos xacementos arqueolóxicos, pois a verdade é que ten o seu aquel e aínda que pareza froito da casualidade detrás existe unha norma. Antigamente, os manuais de arqueoloxía recomendaban denominalos a partir do nome da poboación máis próxima, unha situación que podía provocar problemas nos casos en que se atopan varios xacementos no contorno dun lugar. Na actualidade, porén, adoita preferirse escoller o microtopónimo que teña a zona.

Pero tratar de dar co nome que lle dá a xente a unha zona de monte non é unha tarefa doada. Cando localizas un novo xacemento arqueolóxico, non sempre atopas xente nas proximidades que saiban exactamente como se denomina ese punto, máis hoxe en día, co abandono do noso rural. Outras veces, a única persoa que atopas espétache a famosa evasiva de “Hai, neniña, eu non che sei, eu non son de aquí, eu vivo neste sitio porque casei aquí, pero son de fóra”. Normalmente este tipo de frase acaba desembocando nunha longa conversa na que descobres que quen che fala en realidade é da parroquia do lado na que estás, pero non es quen de sacarlle un nome para o sitio, por moito que leve vivindo alí máis de 40 anos. Semella unha broma, pero a perda da microtoponimia é un risco real; de non a estudarmos agora e con urxencia, tal e como se está facer co proxecto Toponimia de Galicia, perderémola irreparablemente. Como anécdota, podémosvos contar que o recente estudo da Illa de Salvora, na desembocadura da Ría de Arousa, constatou que nela se perderon todos os topónimos de orixe medieval, que son maioritarios en Galicia, probablemente como consecuencia do seu abandono durante 200 anos entre os séculos XVII e XIX. Cando se volveu habitar, para nomear os sectores do interior da illa empregáronse os nomes de cons e areais do litoral, que seguiron vivos entre os mariñeiros que pescaban nas súas proximidades.

Mamasoa

Coto de Mamasoa, un topónimo moi expresivo para un xacemento arqueolóxico na cartografía do IGN E 1:25.000.

Cando non conseguimos pescudar o nome mediante enquisas orais, temos que recorrer á cartografía, na que se recollen moitos topónimos. O problema é que, se a escala é moi pequena, estes nomes poden estar asociados a superficies moi grandes de terreo, e, ademais, non sempre están ben situados. Unha das máis interesantes é a cartografía catastral, na que se recollen numerosos topónimos. Ademais, hoxe en día, grazas a internet, podemos acceder a toda a información catastral en liña (agás o nome do propietario, evidentemente), de modo que en teoría podemos saber como se denomina calquera parcela. Pero non pensedes que no caso galego se vai tratar necesariamente do microtopónimo real: a persoa que o recolleu non era un filólogo, senón un funcionario de facenda, moitas veces sen coñecemento ningún da lingua galega, de modo que anotaba o que entendía, que non sempre se aproxima ao real. Ademais, era frecuente que simplificasen a toponimia, ao agrupar varias leiras de nomes diferentes baixo un mesmo nome. Por outra banda, os procesos de concentración parcelaria, ao agruparen as fincas, supuxeron unha redución no número dos topónimos pero é posible que estes aínda sigan vivos na fala. Finalmente, está o problema dos montes comunais, que poden ter parcelas catastrais de decenas ou mesmo algún cento de hectáreas, co que resulta difícil localizar a denominación para un xacemento pequeno que se sitúe dentro delas (por exemplo, unha mámoa).

Castro MArcelín

Variedade de topónimos (Marcelín / Marcelino) na cartografía catastral para un mesmo castro.

E, senón, sempre podes botar man da imaxinación. A persoa que catalogou hai algúns anos varios dos petróglifos máis senlleiros de Muros contounos que unha das laxes ten o nome de “Pedra da Chula” pola actitude farruca que tivo unha muller que atoparon mentres buscaban gravados. Moitas veces é quen identifica un novo xacemento arqueolóxico quen se encarga de outorgarlle un nome e ás veces, con posterioridade, descóbrese que non é moi preciso. Se o sitio aínda non é moi coñecido, ou nunca foi publicado, o normal é que se documente o seu topónimo correcto e se empece a empregar para denominalo a partir de entón.

Catastro1

Plano catastral na zona de Punta Riasón, e a ficha dunha das parcelas (na que se aprecia que o nome está escrito con z, Riazón).

Un problema engadido é a reiteración que existe nalgúns microtopónimos na xeografía galega, sobre todo aqueles que se refiren a algún aspecto físico do xacemento. Resultaría divertido facer un top ten dos nomes máis usados para os xacementos galegos. Imaxinádesvos cantos Alto do Castro, Campo das Mámoas ou Forno dos Mouros existen no noso territorio? Por non falar dos que responden simplemente a O Castro ou A Mámoa. Por iso moitas veces, para publicalo, en arqueoloxía se prefire buscar un nome máis específico. É así como xurdiron denominacións como Castro de Troña ou Dolmen de Dombate.P1190833

Unha escavación arqueolóxica é o momento ideal para poder falar cos habitantes do lugar e que che descubran os nomes con que coñecen os distintos espazos das proximidades. Durante os días que estivemos escavando en Punta Riasón moita xente da Illa achegouse a vernos e falarnos do sitio, de como o lembraban antes ou mesmo doutras posibles evidencias arqueolóxicas que coñecían nas proximidades e que estamos a revisar. Tamén nos comentaban que o nome de Punta de Riasón non era moi correcto para ese punto. Así que aproveitamos para lles preguntar pola microtoponimia da zona. Todo o mundo coincide en que a Praia Riasón é a zona de costa que está un pouco máis ao norte do sitio onde se conservan as cistas. Estas atópanse en realidade na Laxe do Negriño (con gheada, por suposto, como é característico na Arousa) que está xunto ao Con da Bandeira e a partir delas, cara ao sur, esténdese a zona de Os Taraios, na que aínda se poden observar laxes planas de dimensións e aspecto similares ás que formaban ás cistas.

Punta Riasón: A imparable e progresiva destrución dun xacemento arqueolóxico

01_Plano

Situación de Punta Riasón (círculo vermello)

Punta Riasón está situada ao leste da Illa de Arousa, na canle que existe dentro da ría entre a illa e mais o continente, unha zona moi protexida na que as ondas non son moi fortes. E aínda así a erosión do mar nas estruturas é moi evidente e imparable. Unha das cistas (a que denominamos número 2) xa estaba case destruída cando se rexistrou o xacemento por primeira vez, no ano 2005. Unicamente se conservaban, espetadas no terreo, a lousa que forma un dos seus lados maiores e outra pequena lousa posta en paralelo a ela uns centímetros máis alá. Doutra (cista 1) conservábanse tres dos seus catro lados e da terceira (cista 3) unicamente se apreciaba unha esquina aflorando na superficie da terra, porque o resto estaba aínda parcialmente sepultado baixo o cantil do terreo, que nesta zona apenas supera o medio metro de altura.

02_necrópole

Situación das cistas

O primeiro que tendes que ter en conta é que este tipo de tumbas de pedra estaban completamente enterradas no terreo e cremos que tiñan unha (ou varias) lousas cubríndoas por riba, ao xeito de tapa. Daquela, para o ano 2005 o mar xa destruíra todo o terreo que cubría as cistas, retirando as cubertas e facendo aparecer ante os nosos ollos a parte superior das estruturas así como, a base de erosionar o terreo na que se asentan, destruíndo boa parte da cista 2. Logo dos 12 anos que transcorreran desde entón, a acción de lavado das augas era moi evidente. Ao comezo da intervención eran visibles uns 20 cm máis das lousas que forman as cistas 1 e 2, o que supón que o mar fixo desaparecer esa mesma cantidade de terreo.

03_cista 1

A cista 1 moito máis exposta en 2017, antes de comezar a escavación, que en 2005.

04_cista 3

A cista 3 antes do comezo da escavación

Na cista 3 o mar erosionara parcialmente a banda da liña de costa, de forma que se en 2005 se apreciaba unha esquina da estrutura, antes do comezo da escavación obsérvase o lateral leste na súa totalidade e boa parte da lousa norte. Para a nosa sorpresa, a medida que fomos avanzando na escavación descubrimos a forza que pode chegar a exercer o mar mesmo nesta estrutura aparentemente protexida baixo o cantil: a auga, a pesar de que só podía acceder ao interior pola parte superior, fora socavándoo e xa baleirara practicamente a metade da tumba, enchéndoa no seu lugar de area.

05_cista 3

Cista 3 en proceso de escavación. Apréciase a metade do seu interior nun ton claro, por mor da presenza da area.

Pero ademais, nestes tres primeiros días de escavación xa tivemos bastantes visitas no xacemento que nos contaron moitas cousas do sitio. Todas as persoas coinciden en que, antes de que este lugar fora coñecido para os arqueólogos, había moitas máis cistas, entre seis e oito, perfectamente visibles aflorando na area. O mar, implacable, acabou por desintegrar a maioría e só nos deixou estas tres que, de non as escavarmos, acabarían por desaparecer, levándose consigo os secretos que poidan agachar.

É unha mágoa que non contemos polo menos con algunha fotografía dese momento previo da necrópole, pero seguro que entre as persoas que nos ledes hai quen sabe onde a poderiamos localizar. Como pasou con Guidoiro Areoso, a vosa axuda será fundamental para completar a información sobre este xacemento. Axudádenos a conseguilo!

Comeza a escavación arqueolóxica das cistas de Punta Riasón

Guidoiro Areoso non é un caso único. A presenza de xacementos arqueolóxicos na liña de costa que se ven ameazados pola erosión mariña é algo global, que afecta a todo o mundo en maior ou menor medida. Na propia Illa de Arousa hai dous sitios que se sitúan na zona intermareal que corren serio perigo. Un deles, é o xacemento romano de Praia do Naso, na zona norte da illa. O outro é a necrópole de cistas de Punta Riasón, ao leste, mirando cara ao continente e relativamente preto da ponte que a une a el.

Hoxe deu comezo a escavación arqueolóxica destas cistas, unha actuación que financia a Xunta Galicia e executa a empresa Gabinete de Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, SL. De novo, patrimonio arqueolóxico litoral en perigo, algo que encaixa moi ben co tema desta bitácora, aínda máis se consideramos que estamos dentro do mesmo termo municipal. Trátase dunha actuación de moi poucos días, de modo que a empresa adxudicataria pediunos empregar este blog e a nosa páxina de facebook como elementos de difusión, de modo que, como comprenderedes, estamos encantados.

Situación das tres cistas na zona intermareal

O xacemento de Punta Riasón sitúase na zona intermareal, e así é cuberto todos os días durante a marea alta. Consiste nunha necrópole de cistas, caixas funerarias formadas con laxes delgadas de grande tamaño. Coñécense unicamente tres destas cistas, que a acción de lavado do mar na liña costeira deixou á vista: unha en relativo bo estado de conservación, unha moi alterada da que só se conserva unha parte das lousas e a terceira parcialmente sepultada aínda polo cantil da costa. A cista 1 é a única que se aprecia na súa totalidade. É nunha estrutura en forma de caixa con planta rectangular e unhas dimensións aproximadas de 130 x 70 cm. Está formada en todos os seus lados por unha única lousa de granito, se ben ao leste refórzase ao exterior por unha segunda lousa. Todo fai pensar que no interior o cadáver (ou cadáveres, porque en zonas onde se conservan ósos ás veces chegan a aparecer dous individuos enterrados xuntos) se situarían co corpo en lateral e encollido.

A cista 1

A forma, tipo de construción, dimensións e dispersión das tumbas (relativamente afastadas unhas doutras) levan a pensar que estamos ante enterramentos do Calcolítico / Idade do Bronce, a partir de hai uns 4.500 anos. Trátase dun tipo de tumbas que non son moi frecuentes en Galicia (apenas se coñece unha decena de sitios), non porque non sexan máis abundantes senón porque os construtores non as sinalaron en superficie con ningún tipo de marca que faga identificable a necrópole. Deste modo, permanecen ocultas aos nosos ollos ata que algunha máquina as destrúe accidentalmente, ou, como neste caso, o mar nolas vai deixando á vista.

Inicio da escavación da cista 3

Desafortunadamente, ningunha conserva evidencias de cuberta, o que fai pensar que é posible que o mar xa as baleirou por completo no seu día. Esperemos que non, e así nos próximos días a empresa poida irnos dando noticias interesantes sobre elas!