Localizouse tamén nas escavacións de J.M. Rey no medio da praia sur do illote, sepultada baixo máis de dous metros de area. É un estraño monumento de só 7 m de diámetro formado por un pequeno túmulo recuberto tamén de coiraza pétrea, coas pedras da periferia de maiores dimensións. No seu centro unha vintena de pequenas lousas de granito formaban unha cámara sepulcral de planta levemente oblonga (1,73 x 1,50 m), que seguramente se cubría con materiais perecedoiros.
A cámara semellaba baleirada en época prehistórica e o seu contido esparexido pola periferia do monumento. Este enxoval estaba formado por varios vasos de cerámica, algúns cunha decoración incisa que os arqueólogos denominan Penha, datada na primeira metade do III milenio a. C.