Pero … Que fai un esqueleto da Idade do Ferro no Areoso?

A intervención arqueolóxica que se desenvolveu entre o 2016 e mais o 2017 en Guidoiro Areoso non afectou só á mámoa 4. Tamén houbo que realizar traballos polas praias e no que denominamos habitualmente “paleosolo”, un depósito de terra negra que se sitúa na zona oeste do istmo, a uns 100 metros da mámoa que se escavou, que só queda ao descuberto durante a marea baixa. Nel ten aparecido, desde o ano 2011, unha inxente cantidade de material arqueolóxico: fragmentos de cerámica, ósos de animais terrestres (fauna doméstica, como vacas, ovellas e porcos, pero tamén algún resto de cervo), muíños de pedra, e mesmo un molde en pedra para fundir machadas e unha machada de bronce moi deteriorada. Moitos destes materiais non os recollemos os arqueólogos, senón afeccionados que visitaban o illote, pero grazas aos nosos amigos Pandulleiros acabaron nas nosas mans e agora están a ser estudados antes de depositalos no museo. Entre eles estaba tamén un anaco de cráneo humano, dun meniño da Idade do Bronce, coherente coa cronoloxía de parte dos materiais que se localizaron.

02_Paleosolo 2011-2016

O “paleosolo” en 2011 (enriba) e 2016 (embaixo). A pedra co asterisco é a mesma en ambas as fotografías, de modo que se pode apreciar a perda de sedimento entre esas dúas datas.

Nese depósito de terra escura agroman unha serie de estruturas construídas en pedra. Unhas son claramente cistas, sepulturas funerarias, seguramente individuais, que adoitan adscribirse a finais do Calcolítico ou á Idade do Bronce (entre hai uns 4.500 e 3.000 anos). Neste enlace podedes ver o modelo 3D dunha delas. Outras, porén, teñen unha forma menos clara de cista, pero lembran algo a elas. Dúas destas últimas escaváronse na intervención que se fixera no 2015, pero resultaron estar baleiras. Será algunha delas a sepultura do meniño do que vos falabamos antes? Desgraciadamente, nunca o saberemos.

Como vos diciamos, en paralelo á escavación da mámoa 4 cumpría realizar traballos de prospección en todas as praias do illote co fin de recuperar os materiais arqueolóxicos que a marea puxera ao descuberto, así como escavar aquelas estruturas de interese que se puideran documentar. Como comprenderedes, unha das zonas con máis potencialidade era ese paleosolo que tanta información nos descubrira ata entón.

A campaña do 2016 desenvolveuse durante unha semana do mes de decembro. Os primeiros días o equipo arqueolóxico realizou unha topografía inicial da área de escavación, revisou as praias do illote recuperando material, fundamentalmente cerámicas, identificou varios puntos de interese, entre eles unha nova cista, e iniciou a escavación desta última. Pero como é habitual nos invernos do noso país, a chuvia e o vento impediron desembarcar no illote durante varios días seguidos cando só lles faltaba unha xornada de traballo para rematar. E o primeiro día de bo tempo ía ser un sábado. Ante a posibilidade de que fose o único, decidiron estragar parte da súa fin de semana e ir ese sábado ata O Areoso. Se non fose por esa decisión é posible que nunca descubrisen un dos achados máis interesantes de toda a intervención.

Porque nesa última xornada de traballo, á parte de rematar a escavación da cista (que desgraciadamente volvía a estar baleira), a pouca distancia dela localizaron, na superficie do paleosolo, un recipiente de cerámica case enteiro roto en numerosos anacos e unha mandíbula humana partida en dous fragmentos. Cando viron o primeiro deles pensaron que se trataba dun novo resto de fauna, pero en canto o levantaron do chan xa se deron de conta do que tiñan entre mans. E o segundo pegaba co primeiro, co cal tiñan case toda a parte inferior da cara dunha persoa prehistórica!

03_Mandíbula
Un dos fragmentos de mandíbula recén levantodo do solo do Areoso, o día en que se localizou.

 

Trátase, sen lugar a dúbidas, dun achado excepcional. Os solos de Galicia son moi ácidos, o que provoca a desaparición completa de restos esqueléticos na maioría dos xacementos arqueolóxicos, de aí que sexan escasísimos os casos en que se localizaron restos óseos de persoas anteriores á época romana e non son moi frecuentes tampouco os posteriores. Os que nos seguides habitualmente saberedes que hai un equipo de xeomorfólogos e edafólogos da Universidade de Santiago de Compostela, capitaneados por Ramón Blanco Chao, que está a estudar a evolución ambiental do illote nos últimos milenios. Forma parte deste equipo Olalla López-Costas, que está especializada no estudo dos restos óseos humanos do pasado (a súa tese de doutoramento versa sobre diversos enterramentos galegos desde a Idade do Bronce até o medievo) e ademais formaba parte do equipo de asesores para a escavación da mámoa 4. Ante o achado da mandíbula, ela e todo o equipo estiveron interesadísimos en estudala e mesmo en asumir, financiándoo con cargo ao seu proxecto, datala polo método do carbono 14.

Despois de traballar coa datación, revelouse que era toda unha sorpresa, porque resultou ser dos séculos IV-III a. C., en plena Idade do Ferro, algún século anterior á chegada dos romanos. Unha época para a que, naquel momento, non tiñamos evidencia ningunha de que o Areoso seguise a ser frecuentado polos habitantes do contorno da ría de Arousa. Que fai aí este óso? Pertencería ao cadáver dalgún mariñeiro afogado na zona que acabou varado no illote? Pensade que nesa época parece que eran relativamente frecuentes as visitas ás rías galegas de mercadores púnicos, como constatan na propia Arousa os castros da Lanzada e Neixón, nos que se localiza abundante material de importación. Pero tamén podería ser unha persoa da zona, porque está claro que na época castrexa navegaban: no norte de Portugal téñense localizado piraguas de madeira desta mesma época (unha similar localizouse, ao parecer, tamén na propia ría de Arousa, na foz do Ulla, pero foi destruída antes de que se puidese estudar e datar); ademais, hai castros en illas moi afastadas da costa (Cíes e máis Ons) ás que resulta imposible pensar que chegaron sen axuda da navegación.

Por outra banda, a Idade do Ferro galega (e de todo o noroeste da península Ibérica) é un misterio en canto aos lugares nos que enterraban. Seguimos sen atopar cemiterios da época e, aínda que nos últimos anos apareceron algunhas estruturas que poderían ser tumbas, son illadas e de difícil interpretación porque non conservaban restos humanos. Ante esta situación, algúns autores propuxeron no seu día que aquelas xentes practicaban rituais funerarios nas masas e cursos de auga, o que explicaría a aparición de armas nestes contextos. Será a mandíbula do Areoso o resto dun cadáver botado á ría de Arousa nun ritual funerario? Aínda que tamén poderían ser os restos dun corpo que se deixou exposto á intemperie para que fose devorado polos animais, unha práctica que está testemuñada para as elites guerreiras desta época noutras zonas da península, como a Celtiberia, e que outros autores defenden que tamén se puido practicar en Galicia.

En realidade, pouco podemos dicir neste momento. Coma sempre na investigación arqueolóxica, un novo descubrimento leva a formular novas preguntas que cómpre seguir indagando. Cando menos, a escavación arqueolóxica da mámoa 4 axudounos a poñer un pouco de luz sobre este achado tan singular. Porque xusto por debaixo da duna, en cotas en que o dolmen xa estaba abandonado, apareceu material da Idade do Ferro, entre o que salienta unha fíbula (un prendedor para a roupa) que cadraría coa cronoloxía da mandíbula, aínda que é dun tipo que seguiu en uso case ata comezos da época romana. Polo de agora resulta difícil saber a que responde esta ocupación, pero en todo caso constata que as xentes de finais da Idade do Ferro seguían a frecuentar o Areoso, unha época na que seguramente xa era un illote, pois o mar estaba apenas un metro por baixo do seu nivel actual.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Fíbula castrexa localizada na escavación do Areoso.

Un tema tamén moi interesante é o da cantidade de información que poderemos chegar a obter sobre a persoa á que pertenceu esta mandíbula, grazas ás innumerables técnicas que se desenvolveron nos últimos anos. De se conseguir extraer ADN (que non sempre se conserva en ósos antigos), poderemos confirmar o seu sexo e liña xenética; mesmo podería ser interesante investigar se na Arousa quedan descendentes desta persoa, como se fixo con Ötzi, o home dos xeos dos Alpes. Ademais, é posible achegármonos ao seu lugar de procedencia, mobilidade e dieta, porque, afortunadamente, “somos o que comemos” e a medida que inxerimos alimentos van acumulándose nos nosos ósos isótopos de elementos químicos (carbono, estroncio, nitróxeno, osíxeno ou xofre, por poñer só uns exemplos) que reflicten cousas como a dieta ou os lugares nos que nos criamos ou pasamos os últimos anos da nosa vida. Como mostra, a relación isotópica do osíxeno no noso corpo depende da auga que bebemos e esta varía segundo a zona na que vivimos. Analizando os dentes, que se forman durante a infancia e non se modifican na vida adulta, e comparándoo co resto dos ósos, que reflicten os sinais dos últimos anos, poderemos saber se a persoa do Areoso se criou no contorno da ría de Arousa ou mesmo se viviu alí antes de morrer. Dunha maneira parecida sóubose que un arqueiro de comezos da Idade do Bronce enterrado preto de Stonehenge se criara na zona dos Alpes. En realidade, os estudos recentes indican que había unha mobilidade moi alta durante a prehistoria en toda Gran Bretaña. Outros isótopos poderannos indicar se a persoa consumía carne, peixe ou mesmo algún cereal en concreto (trigo ou millo miúdo).

Pero esta é unha historia na que aínda estamos empezando a adentrarnos e que esperemos que Olalla nos axude a coñecer máis pronto que tarde. Podedes ler máis noticias sobre as súas investigacións na súa páxina persoal.

 

AGRADECEMENTOS. A Olalla, que nos axudou a mellorar esta entrada, e a Tomos, SL por permitirnos publicar as fotografías da mandíbula e a fíbula que aparecen na entrada.

Unha radiografía ao patrimonio arqueolóxico de Galicia

Hoxe o Diario Oficial de Galicia publica un anuncio para contratar a xeolocalización e delimitación dos xacementos arqueolóxicos que se coñecen na Comunidade Autónoma de Galicia. A actuación é, polo que sabemos, algo único no contexto español. Ao longo deste ano (en apenas 5 meses, que é o prazo de execución do contrato), o goberno autonómico pretende revisar todos os xacementos que están rexistrados no Servizo de Arqueoloxía, documentalos adecuadamente mediante o emprego de GPS de precisión e delimitalos mediante sistemas de información xeográfica, de cara a protexelos correctamente. Será unha auténtica radiografía ao patrimonio arqueolóxico da nosa comunidade autónoma.

A actuación é moi necesaria, xa que, como se indica na propia documentación do contrato, a maior parte dos sitios arqueolóxicos se rexistraronnos anos 80 e 90 do século XX, cando nin a cartografía nin os medios materiais existentes permitían situar as entidades que se localizaban de forma precisa. O contrato está dividido en 25 lotes, que agrupan, aproximadamente, unha ou varias das antigas comarcas que se definiron no seu día para Galicia.

Á espera de que se execute a actuación e a información estea dispoñible para investigadores e público en xeral, a documentación do contrato fai unha primeira análise oficial do patrimonio arqueolóxico da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre os documentos figura un proxecto de intervención arqueolóxica que as empresas adxudicatarias deberán executar. E nel se fai unha análise dos xacementos arqueolóxicos galegos que, aínda que moi sucinta, é a primeira global e a partir de datos oficias que temos á nosa disposición, así que non podemos deixar de compartila con vós, aínda que se afasta moito dos obxectivos xerais desta bitácora (O Areoso, o patrimonio costeiro, o cambio climático, e en menor medida, o megalitismo).

A comezos de febreiro deste ano 2018 no Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia existía información de 20.004 bens arqueolóxicos, unha cifra en constante actualización grazas aos traballos constantes dos profesionais da arqueoloxía e afeccionados que, cando localizan un novo ben, llos comunican á administración. Deles, 16.800 eran xacementos arqueolóxicos, 940 achados de material arqueolóxico illado (unhas poucas cerámicas, unha pedra con inscrición, etc.) que non permiten confirmar con seguridade a existencia dun xacemento, 821 topónimos, que poden ser indicio dun xacemento pero non están confirmados, e 1.434 referencias non confirmadas a posibles novos xacementos (a maioría, noticias vagas á aparición de materiais arqueolóxicos ou a xacementos destruídos de moi antigo).

Case a metade dos xacementos (8.060) son mámoas (túmulos funerarios). Séguenlle en número os gravados rupestres (2.892) e a moi curta distancia, os castros (2.700). Xa a máis distancia están os xacementos romanos (1.182) e medievais (852). Sobre estas cifras, podemos facer algunhas reflexións. Respecto das mámoas, hai algún tempo que o noso compañeiro Xosé Ignacio Vilaseco avanzou que non sería desatinado pensar que o número de túmulos en Galicia se aproximase aos 11.000, tendo en conta que só no 30% da provincia de Pontevedra, a máis pequena de todas, se localizaron 500. Os 8.000 recollidos, sendo unha cifra elevada, non están moi preto desa cantidade, pero cumpriría engadirlle todos os que ao longo dos séculos foron destruídos por mor do cultivo e obras varias, así como os que non somos quen de localizar pola mesta vexetación que cobre boa parte do noso territorio.

 

MámoaPetroCastro

Mámoas, gravados rupestres e castros son, en número, os tres principais xacementos arqueolóxicos de Galicia.

 

O número de petróglifos, sendo moi levado, vén condicionado polo feito de que se trata dun tipo de sitios que só aparecen nalgunhas comarcas do noso territorio. Por outra banda, como moitas veces se individualizan como sitios diferentes rochas que están separadas por 10 ou 20 metros, o seu numero tamén estará algo sobrerrepresentado. Pero tamén a dificultade de velos se non é con boas condicións de luz fai que seguramente falten moitos por localizar. Respecto aos castros, houbo un tempo en que os investigadores chegaron a defender que o seu número en Galicia era similar ao número de parroquias, que son 3.772. Pero xa houbo autores, como Xulio Carballo, que, ao faceren estudos comarcais, salientaron que a cifra de castros era menor. E, como vedes, así o é. Mesmo se lle sumamos os topónimos e referencias non confirmadas a castros, o número deste tipo de sitios pasa por moi pouco dos 3.000.

Ademais, no proxecto faise unha primeira análise sobre a distribución destes xacementos polo territorio, empregando como escala de análise a comarca. Desgraciada (pero compresiblemente), trátase dunha análise de conxunto, non diferenciada por tipoloxías. Cómpre sinalar, en todo caso, que no número de xacementos de cada zona tamén vai influír de forma importante a intensidade da investigación arqueolóxica desenvolvida en cada unha, que é moi diferente. Así, por exemplo, na provincia de Pontevedra temos moita información grazas ao labor do Museo de Pontevedra que desde os anos 50 desenvolveu un labor de recompilación no que denominaba Carta arqueolóxica. Se cadra por isto, a zona con maior proporción de xacementos é o suroeste da provincia de Pontevedra. Dentro dela, a comarca con maior densidade de sitios é a do Morrazo, que ten 1,86 xacementos por quilómetro cadrado; curiosamente, este dato coincide coa información que temos para a mesma zona na Idade Moderna, cando era unha das áreas máis densamente poboadas do continente europeo. Séguenlle O Baixo Miño e mais Vigo, con densidades superiores a 1,5, e Pontevedra, Barbanza e O Condado, que superan o 1,3. En xeral, todas elas conforman a costa suroeste de Galicia (costa de Pontevedra e sur da Coruña). Seguen a ter densidades altas o resto da costa oeste, a dorsal meridiana galega e a meseta de Lugo/Terra Chá e as montañas que a circundan (Sarria e Meira). As zonas con menor densidade correspóndense coa zona montañosa do SE da provincia de Ourense e A Mariña Oriental, con densidades inferiores a 0,30 xacementos por km2 e o resto do sur de Ourense e da costa norte, que están por debaixo de 0,40.

Plano_Densidade

Densidade de xacementos nas comarcas de Galicia. Fonte: Xunta de Galicia

 

Resulta difícil saber se estas cifras de densidade son reais ou nelas reflíctese a falla de proxectos de investigación intensiva na maior parte do leste do territorio. Pero non sería desatinado pensar que o suroeste, con mellor clima, arrastre xa desde a prehistoria unha ocupación máis intensa do territorio ca o interior e este, á súa vez, que as zonas máis montañosas do leste.

O material arqueolóxico da mámoa 4 do Areoso: da extracción ao seu tratamento no laboratorio

O equipo da escavación da mámoa 4 de Guidoiro Areoso segue a traballar con toda a información recollida durante os dous meses de intervención no Areoso, e unha parte importante desta tarefa, que implica un importante esforzo, é o tratamento básico da cultura material.

Durante a escavación fomos recuperando os obxectos arqueolóxicos que ían aparecendo, con especial coidado de rexistrar correctamente o seu contexto, a unidade estratigráfica nas que apareceron, a súa localización tridimensional e mesmo a posición na que apareceu concretamente algunha desas pezas (se estaba plana, fincada, a orientación…), xa que toda esta información fálanos da peza, pero tamén do seu contexto e axuda a interpretala.

Tamén tivemos especial coidado na extracción de determinados materiais que son especialmente sensibles ou delicados, como as pezas metálicas que, unha vez que se sacan do ambiente no que estiveron depositadas durante tanto tempo, poden perder materia e consistencia moi facilmente. Tamén tivemos especial coidado con certos conxuntos cerámicos especialmente fráxiles ou en condicións de deterioro extremo, como os restos óseos ou con algún recipiente que se podía extraer completo. Este foi o caso dun cacharro (A-949) que apareceu no interior da cámara tal e como foi deixado desde o momento da súa deposición orixinal, como xa vos contamos nun post do perfil de Facebook Areoso Arqueoloxía do 8 de setembro…

Cacharro-post

Para facer este traballo tan delicado, contamos cun tipo de especialista imprescindible nunha escavación arqueolóxica como é unha conservadora–restauradora. Deste xeito, a nosa compañeira Andrea Fernández Campoy realizou un coidadoso traballo, tanto durante a propia escavación como despois no laboratorio, traballos que resumimos aquí.

Durante a escavación, as especiais condicións deste sitio determinaron o deseño do tipo de traballo e técnicas que se debían aplicar: o Areoso é unha contorna mariña, polo que hai unhas condicións específicas de humidade, salinidade e a propia presenza da area, que afectan ao material que se pode conservar no sitio e como debe ser tratado despois para que estea nas mellores condicións posibles. Tamén, atopámonos diante dun xacemento que, dadas as altas posibilidades de que non tivera sido espoliado ou gravemente modificado en datas históricas, podería deparar, a prioiri, o achado de restos significativos e pouco alterados desde o momento da súa deposición orixinal, como así foi.

Varios conxuntos cerámicos foron extraídos con especial coidado, destacando o caso do cacharro do interior da cámara, a peza rexistrada co código PZ-M4A16-A-949. Trátase dun cunco cerámico decorado completo que, aínda que no momento da súa escavación semellaba estar nun bo estado de conservación xeral, tamén era posible observar algunhas fisuras na pasta cerámica, polo que se decidiu non baleirar a terra do seu interior e realizar unha protección superficial e estrutural a base de gasa de escaiola.

Para que este material non entrase en contacto directo coa peza (podendo con elo interferir en posibles análises futuras), empregouse papel de aluminio a xeito de capa de intervención, ou sexa, unha capa cun material “non contaminante” entre a peza e a gasa con escaiola que lle dá consistencia. Tamén mantívose, nalgunhas zonas, a capa de terra orixinal que o recubría polo exterior, nas partes onde esta se atopaba adherida ás paredes do recipiente, xa que esta terra protexe a superficie do obxecto ata o seu tratamento definitivo en laboratorio, funcionando ademais como unha segunda capa de intervención. Esta protección foi elaborada para recubrir a peza por toda a parte superior. En canto á base, que foi o último en escavarse, deixouse ao ar, coa fin de favorecer o secado da pasta cerámica, xa que coa humidade esta resulta máis branda e, polo tanto, tamén moito máis fráxil. Unha vez que secou e a escaiola endureceu, foi extraída do terreo e a peza foi volteada para apoiala sobre a zona engasada. Posteriormente foi envolta en plástico de burbulla y gardouse nunha caixa de cartón para trasladala ao laboratorio.

Algo parecido fíxose cos restos óseos do interior da cámara, do que falaremos en detalle nun próximo post. Os líticos non precisaron un tratamento especial, xa que se atopaban en bo estado en xeral, coa única precaución de embolsar algunha peza con máis coidado que o resto, como as doas. En canto aos metais, en xeral atopáronse en bo estado no momento do seu achado, coas alteracións habituais nestes casos: mineralizacións en distintos graos e produtos de corrosión, con algúns focos de cloruros activos no caso dos bronces. Non obstante resultaban tamén moi consistentes. Foron introducidos en bolsas e caixas herméticas, para manter un ambiente estable ata o seu tratamento de restauración no laboratorio.

Xa no laboratorio, realizouse un tratamento básico dos materiais arqueolóxicos extraídos durante a escavación, que consistiu principalmente na súa limpeza-lavado; o seu siglado, co que cada peza márcase cun número único que permite identificar a peza individualmente; a súa catalogación e inventario, coa creación dunha base de datos coa información máis fundamental de cada peza individual, coas súas condicións de rexistro e outra información asociada; e finalmente, o seu embalaxe definitivo para que este material sexa perfectamente localizable e estea conservado en boas condicións durante o seu almacenaxe.

A-566A567-siglado

No caso dos fragmentos cerámicos, só en grupos contados e moi evidentes procedeuse ao pegado-unión de fragmentos (por medio de resina acrílica, reversible con acetona), deixando ese labor máis amplo para os especialistas que se farán cargo do estudio tipolóxico definitivo do conxunto, como vos contaremos en próximos post. A limpeza-lavado foi moi superficial, suficiente para poder apreciar as características das distintas pastas cerámicas, realizada con auga corrente e cepillos suaves para non danar a superficie. Debido a que as pezas proceden dun entorno moi salino, o secado foi gradual para evitar as alteracións propias da cristalización das sales. Algúns conxuntos de fragmentos non se lavaron para preservar o material adherido e as costras interiores de cara a futuras análises. Outros materiais foron recollidos xunto coa mesma terra da súa contorna, debido ao interese que podería ter a análise destas terras. O siglado efectuouse por medio de pequenas etiquetas de papel impresas, adheridas aos fragmentos con resina acrílica, reversible con acetona.

Coas pezas líticas procedeuse dun xeito similar, excepto no caso dos machados, as dúas esferas de granito, algún muíño de man e as pequenas contas circulares de xisto, que tampouco se lavaron para poder efectuar os estudos e as análises correspondentes, como vos contaremos tamén en próximos post.  En todo caso, simplemente se levou a cabo un cepillado suave co fin de retirar o sedimento máis evidente e non o que se atopa máis adherido á peza.

O percorrido de todo o material arqueolóxico que rexistramos na escavación da mámoa 4 do Areoso está case empezando de novo xa que, neste momentos, xa está en mans dos expertos que van a proceder ao seu estudio en profundidade, que nos dará información sobre a súa funcionalidade, tipoloxía, cronoloxía, etc.

Con todo o proceso de procesado básico xa rematado, podemos dar CIFRAS DEFINITIVAS DA CULTURA MATERIAL REXISTRADA NA INTERVENCIÓN, na que acadamos o rexistro dun total de case 3.000 fragmentos cerámicos, algo máis de 650 líticos e 7 pezas metálicas, un proceloso traballo que levou a cabo fundamentalmente a nosa restauradora Andrea Fernández Campoy, e máis o responsable do rexistro en campo, o arqueólogo Xosé Ramón Martínez Casal, aos que non podemos máis que recoñecer e agradecer a súa grande labor e implicación.

Andrea-Moncho

Andrea e Xosé Ramón recollendo con coidado cunchas de mexillón
que son moi fráxiles e excepcionalmente atopábanse enteiras neste punto,
baixo unha grande lousa da cámara desprazada sobre o cuncheiro

 

E logo como quedou a mámoa 4 do Areoso?

Neste último mes o equipo da intervención do Illote de Guidoiro Areoso encontrámonos “na vida real” con moitos de vós. Agradecemos enormemente todo o cariño e interese que nos transmitides, pero tamén había unha pregunta… e logo como quedou aquelo?

Xa que as nosas compañeiras de Riasón veñen de rematar a súa serie de post, vamos nós a retomar estas publicacións con outra pequena serie na que vos conteremos algo máis do que estamos avanzando na intervención da mámoa 4 de Guidoiro Areoso.

DCIM100MEDIADJI_0034.JPG

Vale, vale… pero como quedou?

Parte do plan da escavación da mámoa 4 incluía a súa restitución, ou sexa, tiñamos que tapar a zona escavada, sobre todo co propósito de asegurar certa seguridade e integridade do xacemento. Esta parte da actuación foi deseñada pola nosa conservadora – restauradora, Andrea Fernández Campoy, con criterios propios desta disciplina e con especial coidado de non empregar materiais contaminantes ou agresivos, xa que estamos nun entorno natural especialmente vulnerable.

Así, co material que extraemos da escavación (toda a terra, pedras, area,…) fomos enchendo as distintas gabias e superficies rebaixadas ata deixar a vista unicamente a cámara e o corredor, que sobresaen entre 0,5-1m sobre a area do entorno.

Puxemos especial interese en intentar colocar as pedras de cuberta sobre o corredor e a cámara, xa que pola nosa experiencia, sabemos que a presión que exerce sobre as pedras fincadas é clave para axudar a súa estabilidade. Volveron ao Areoso os nosos canteiros, Miguel Fandiño e Rocío Casal, e cun grande trípode e máis cinchas, polipastos e pericia, foron movendo as pedras que tiñamos seleccionadas e buscáronlle o xeito ata colocalas tapando a cámara e o corredor.

A pedra que cubre o corredor era a máis grande das que atopamos desprazadas ao Sur do corredor durante a escavación. Así, logramos comprobar empiricamente a nosa hipótese de que no seu momento foi parte do monumento megalítico, aínda que lle tivemos que dar unhas cantas voltas ata que a pedra encaixou coma un guante sobre as dúas lousas do corredor.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Coa pedra da cuberta da cámara xa foi moito máis complicado: varias das lousas fincadas da cámara están partidas e dúas delas sobresaen moito sobre o resto. Interesábanos especialmente o valor que podía ter colocar esta peza apoiándose en dúas, tres ou incluso máis chantos da cámara, xa que cantas máis pedras “conectara”, axudaría a que a cámara aguantase moito mellor os embates das mareas. Se lembrades, esta pedra estaba medio tombada no interior da cámara, e pensabamos que facendo un desprazamento simple sobre a súa posición orixinal, levantándoa pola parte que estaba máis afundida, encaixaría. Pero non houbo maneira, non collía: aparentemente algunha das lousas máis altas venceuse lixeiramente cara o interior e por poucos centímetros xa non cabía. Non desesperamos e estivemos varias horas dándolle voltas ata que que finalmente encaixou: agora a peza apoiase no bico da lousa de cabeceira e noutras dúas lousas máis da cámara, e ademais, queda axustada entre as dúas lousas máis grandes, polo que esta gran lousa exerce coma unha viga, que forma un sistema xunto coas lousas fincadas que están apoiadas nela, funcionando como puntos de ancoraxe e apoio.

Esta experiencia serviunos para aprender moito sobre esta estrutura megalítica e ademais, axudounos e testar varias das ideas que tiñamos sobre a forma orixinal da cámara, sobre como sería antes da súa alteración xa en época prehistórica cando a lo menos retiraron as pedras que cubrían o corredor. Pero tamén abre máis preguntas e nos fai pensar que sería necesaria outra lousa máis para acabar de teitar a cámara… sería algunha das que apareceron partidas sobre a coiraza?

Ademais enchemos de pedras o interior da cámara e o acceso, e tamén o espazo entre a cámara e coiraza e o muro de protección, xa que aquí chegará a marea con facilidade e todo o material terroso ou areoso desaparecería case inmediatamente.

IMG_8963_ed

Por riba rematamos cunha gran capa de area que esperamos que axude a volver a recuperar parte do aspecto actual da duna e desta praia do Areoso, así como a colonización da vexetación propia da duna.

Fin-modelo3D_ed

Esperamos que coa actuación de restitución que levamos a cabo, a mámoa 4 do Areoso siga conservando á vista a monumentalidade deste enterramento uns anos máis a pesar da forte presión que este entorno sofre. Con todo, non rematamos aquí o traballo de campo: nós faremos un seguimento durante 1 ano para avaliar como responde o sitio aos próximos temporais e mareas vivas, que xa vos iremos contando.

Punta Riasón e os nomes dos xacementos arqueolóxicos

Igual vos preguntastes algunha vez como é que se poñen os nomes aos xacementos arqueolóxicos, pois a verdade é que ten o seu aquel e aínda que pareza froito da casualidade detrás existe unha norma. Antigamente, os manuais de arqueoloxía recomendaban denominalos a partir do nome da poboación máis próxima, unha situación que podía provocar problemas nos casos en que se atopan varios xacementos no contorno dun lugar. Na actualidade, porén, adoita preferirse escoller o microtopónimo que teña a zona.

Pero tratar de dar co nome que lle dá a xente a unha zona de monte non é unha tarefa doada. Cando localizas un novo xacemento arqueolóxico, non sempre atopas xente nas proximidades que saiban exactamente como se denomina ese punto, máis hoxe en día, co abandono do noso rural. Outras veces, a única persoa que atopas espétache a famosa evasiva de “Hai, neniña, eu non che sei, eu non son de aquí, eu vivo neste sitio porque casei aquí, pero son de fóra”. Normalmente este tipo de frase acaba desembocando nunha longa conversa na que descobres que quen che fala en realidade é da parroquia do lado na que estás, pero non es quen de sacarlle un nome para o sitio, por moito que leve vivindo alí máis de 40 anos. Semella unha broma, pero a perda da microtoponimia é un risco real; de non a estudarmos agora e con urxencia, tal e como se está facer co proxecto Toponimia de Galicia, perderémola irreparablemente. Como anécdota, podémosvos contar que o recente estudo da Illa de Salvora, na desembocadura da Ría de Arousa, constatou que nela se perderon todos os topónimos de orixe medieval, que son maioritarios en Galicia, probablemente como consecuencia do seu abandono durante 200 anos entre os séculos XVII e XIX. Cando se volveu habitar, para nomear os sectores do interior da illa empregáronse os nomes de cons e areais do litoral, que seguiron vivos entre os mariñeiros que pescaban nas súas proximidades.

Mamasoa

Coto de Mamasoa, un topónimo moi expresivo para un xacemento arqueolóxico na cartografía do IGN E 1:25.000.

Cando non conseguimos pescudar o nome mediante enquisas orais, temos que recorrer á cartografía, na que se recollen moitos topónimos. O problema é que, se a escala é moi pequena, estes nomes poden estar asociados a superficies moi grandes de terreo, e, ademais, non sempre están ben situados. Unha das máis interesantes é a cartografía catastral, na que se recollen numerosos topónimos. Ademais, hoxe en día, grazas a internet, podemos acceder a toda a información catastral en liña (agás o nome do propietario, evidentemente), de modo que en teoría podemos saber como se denomina calquera parcela. Pero non pensedes que no caso galego se vai tratar necesariamente do microtopónimo real: a persoa que o recolleu non era un filólogo, senón un funcionario de facenda, moitas veces sen coñecemento ningún da lingua galega, de modo que anotaba o que entendía, que non sempre se aproxima ao real. Ademais, era frecuente que simplificasen a toponimia, ao agrupar varias leiras de nomes diferentes baixo un mesmo nome. Por outra banda, os procesos de concentración parcelaria, ao agruparen as fincas, supuxeron unha redución no número dos topónimos pero é posible que estes aínda sigan vivos na fala. Finalmente, está o problema dos montes comunais, que poden ter parcelas catastrais de decenas ou mesmo algún cento de hectáreas, co que resulta difícil localizar a denominación para un xacemento pequeno que se sitúe dentro delas (por exemplo, unha mámoa).

Castro MArcelín

Variedade de topónimos (Marcelín / Marcelino) na cartografía catastral para un mesmo castro.

E, senón, sempre podes botar man da imaxinación. A persoa que catalogou hai algúns anos varios dos petróglifos máis senlleiros de Muros contounos que unha das laxes ten o nome de “Pedra da Chula” pola actitude farruca que tivo unha muller que atoparon mentres buscaban gravados. Moitas veces é quen identifica un novo xacemento arqueolóxico quen se encarga de outorgarlle un nome e ás veces, con posterioridade, descóbrese que non é moi preciso. Se o sitio aínda non é moi coñecido, ou nunca foi publicado, o normal é que se documente o seu topónimo correcto e se empece a empregar para denominalo a partir de entón.

Catastro1

Plano catastral na zona de Punta Riasón, e a ficha dunha das parcelas (na que se aprecia que o nome está escrito con z, Riazón).

Un problema engadido é a reiteración que existe nalgúns microtopónimos na xeografía galega, sobre todo aqueles que se refiren a algún aspecto físico do xacemento. Resultaría divertido facer un top ten dos nomes máis usados para os xacementos galegos. Imaxinádesvos cantos Alto do Castro, Campo das Mámoas ou Forno dos Mouros existen no noso territorio? Por non falar dos que responden simplemente a O Castro ou A Mámoa. Por iso moitas veces, para publicalo, en arqueoloxía se prefire buscar un nome máis específico. É así como xurdiron denominacións como Castro de Troña ou Dolmen de Dombate.P1190833

Unha escavación arqueolóxica é o momento ideal para poder falar cos habitantes do lugar e que che descubran os nomes con que coñecen os distintos espazos das proximidades. Durante os días que estivemos escavando en Punta Riasón moita xente da Illa achegouse a vernos e falarnos do sitio, de como o lembraban antes ou mesmo doutras posibles evidencias arqueolóxicas que coñecían nas proximidades e que estamos a revisar. Tamén nos comentaban que o nome de Punta de Riasón non era moi correcto para ese punto. Así que aproveitamos para lles preguntar pola microtoponimia da zona. Todo o mundo coincide en que a Praia Riasón é a zona de costa que está un pouco máis ao norte do sitio onde se conservan as cistas. Estas atópanse en realidade na Laxe do Negriño (con gheada, por suposto, como é característico na Arousa) que está xunto ao Con da Bandeira e a partir delas, cara ao sur, esténdese a zona de Os Taraios, na que aínda se poden observar laxes planas de dimensións e aspecto similares ás que formaban ás cistas.

Punta Riasón: A imparable e progresiva destrución dun xacemento arqueolóxico

01_Plano

Situación de Punta Riasón (círculo vermello)

Punta Riasón está situada ao leste da Illa de Arousa, na canle que existe dentro da ría entre a illa e mais o continente, unha zona moi protexida na que as ondas non son moi fortes. E aínda así a erosión do mar nas estruturas é moi evidente e imparable. Unha das cistas (a que denominamos número 2) xa estaba case destruída cando se rexistrou o xacemento por primeira vez, no ano 2005. Unicamente se conservaban, espetadas no terreo, a lousa que forma un dos seus lados maiores e outra pequena lousa posta en paralelo a ela uns centímetros máis alá. Doutra (cista 1) conservábanse tres dos seus catro lados e da terceira (cista 3) unicamente se apreciaba unha esquina aflorando na superficie da terra, porque o resto estaba aínda parcialmente sepultado baixo o cantil do terreo, que nesta zona apenas supera o medio metro de altura.

02_necrópole

Situación das cistas

O primeiro que tendes que ter en conta é que este tipo de tumbas de pedra estaban completamente enterradas no terreo e cremos que tiñan unha (ou varias) lousas cubríndoas por riba, ao xeito de tapa. Daquela, para o ano 2005 o mar xa destruíra todo o terreo que cubría as cistas, retirando as cubertas e facendo aparecer ante os nosos ollos a parte superior das estruturas así como, a base de erosionar o terreo na que se asentan, destruíndo boa parte da cista 2. Logo dos 12 anos que transcorreran desde entón, a acción de lavado das augas era moi evidente. Ao comezo da intervención eran visibles uns 20 cm máis das lousas que forman as cistas 1 e 2, o que supón que o mar fixo desaparecer esa mesma cantidade de terreo.

03_cista 1

A cista 1 moito máis exposta en 2017, antes de comezar a escavación, que en 2005.

04_cista 3

A cista 3 antes do comezo da escavación

Na cista 3 o mar erosionara parcialmente a banda da liña de costa, de forma que se en 2005 se apreciaba unha esquina da estrutura, antes do comezo da escavación obsérvase o lateral leste na súa totalidade e boa parte da lousa norte. Para a nosa sorpresa, a medida que fomos avanzando na escavación descubrimos a forza que pode chegar a exercer o mar mesmo nesta estrutura aparentemente protexida baixo o cantil: a auga, a pesar de que só podía acceder ao interior pola parte superior, fora socavándoo e xa baleirara practicamente a metade da tumba, enchéndoa no seu lugar de area.

05_cista 3

Cista 3 en proceso de escavación. Apréciase a metade do seu interior nun ton claro, por mor da presenza da area.

Pero ademais, nestes tres primeiros días de escavación xa tivemos bastantes visitas no xacemento que nos contaron moitas cousas do sitio. Todas as persoas coinciden en que, antes de que este lugar fora coñecido para os arqueólogos, había moitas máis cistas, entre seis e oito, perfectamente visibles aflorando na area. O mar, implacable, acabou por desintegrar a maioría e só nos deixou estas tres que, de non as escavarmos, acabarían por desaparecer, levándose consigo os secretos que poidan agachar.

É unha mágoa que non contemos polo menos con algunha fotografía dese momento previo da necrópole, pero seguro que entre as persoas que nos ledes hai quen sabe onde a poderiamos localizar. Como pasou con Guidoiro Areoso, a vosa axuda será fundamental para completar a información sobre este xacemento. Axudádenos a conseguilo!

Comeza a escavación arqueolóxica das cistas de Punta Riasón

Guidoiro Areoso non é un caso único. A presenza de xacementos arqueolóxicos na liña de costa que se ven ameazados pola erosión mariña é algo global, que afecta a todo o mundo en maior ou menor medida. Na propia Illa de Arousa hai dous sitios que se sitúan na zona intermareal que corren serio perigo. Un deles, é o xacemento romano de Praia do Naso, na zona norte da illa. O outro é a necrópole de cistas de Punta Riasón, ao leste, mirando cara ao continente e relativamente preto da ponte que a une a el.

Hoxe deu comezo a escavación arqueolóxica destas cistas, unha actuación que financia a Xunta Galicia e executa a empresa Gabinete de Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, SL. De novo, patrimonio arqueolóxico litoral en perigo, algo que encaixa moi ben co tema desta bitácora, aínda máis se consideramos que estamos dentro do mesmo termo municipal. Trátase dunha actuación de moi poucos días, de modo que a empresa adxudicataria pediunos empregar este blog e a nosa páxina de facebook como elementos de difusión, de modo que, como comprenderedes, estamos encantados.

Situación das tres cistas na zona intermareal

O xacemento de Punta Riasón sitúase na zona intermareal, e así é cuberto todos os días durante a marea alta. Consiste nunha necrópole de cistas, caixas funerarias formadas con laxes delgadas de grande tamaño. Coñécense unicamente tres destas cistas, que a acción de lavado do mar na liña costeira deixou á vista: unha en relativo bo estado de conservación, unha moi alterada da que só se conserva unha parte das lousas e a terceira parcialmente sepultada aínda polo cantil da costa. A cista 1 é a única que se aprecia na súa totalidade. É nunha estrutura en forma de caixa con planta rectangular e unhas dimensións aproximadas de 130 x 70 cm. Está formada en todos os seus lados por unha única lousa de granito, se ben ao leste refórzase ao exterior por unha segunda lousa. Todo fai pensar que no interior o cadáver (ou cadáveres, porque en zonas onde se conservan ósos ás veces chegan a aparecer dous individuos enterrados xuntos) se situarían co corpo en lateral e encollido.

A cista 1

A forma, tipo de construción, dimensións e dispersión das tumbas (relativamente afastadas unhas doutras) levan a pensar que estamos ante enterramentos do Calcolítico / Idade do Bronce, a partir de hai uns 4.500 anos. Trátase dun tipo de tumbas que non son moi frecuentes en Galicia (apenas se coñece unha decena de sitios), non porque non sexan máis abundantes senón porque os construtores non as sinalaron en superficie con ningún tipo de marca que faga identificable a necrópole. Deste modo, permanecen ocultas aos nosos ollos ata que algunha máquina as destrúe accidentalmente, ou, como neste caso, o mar nolas vai deixando á vista.

Inicio da escavación da cista 3

Desafortunadamente, ningunha conserva evidencias de cuberta, o que fai pensar que é posible que o mar xa as baleirou por completo no seu día. Esperemos que non, e así nos próximos días a empresa poida irnos dando noticias interesantes sobre elas!

A orientación da Mámoa 4 do Areoso

Unha das liñas de investigación en relación aos monumentos megalíticos que ten unha importante tradición e que nos últimos anos está collendo forza é a relación destas construcións con eventos astronómicos. Este tema é tratado pola ARQUEOASTRONOMÍA, que tamén se coñece como ASTRONOMÍA NA CULTURA ou ASTRONOMÍA CULTURAL. Busca identificar os coñecementos astronómicos que tiñan as sociedades do pasado e así saber como entendían e identificaban fenómenos do ceo (en relación á lúa, ao sol, ás estrelas, etc.), os eventos naturais cíclicos do ano (como os cambios de estación), cal foi o papel destes coñecementos na súa cultura, se estes coñecementos poden encontrarse reflectidos nos restos arqueolóxicos dalgún xeito, como identificar ese “saber” nos restos do pasado, etc.

8

Iluminación da área sagrada do Mosteiro en Petra á posta do sol no solsticio de inverno. Este monumento escavado na rocha era probablemente a tumba ou cenotafio dun dos reis Nabateos, ademais dun lugar de peregrinación para a poboación de Petra e do culto ao seu deus principal, Dushara, quen renacía no solsticio de inverno. Fotos: J.A. Belmonte e A.C. González-García

7

Escena da película “Indiana Jones en busca da Arca perdida” que fai referencia ao coñecemento dos exipcios sobre o movemento do sol no ano… aínda que ten numerosas incorreccións 😉

Dende case o inicio dos estudios arqueolóxicos sobre os monumentos megalíticos, a ORIENTACIÓN DA ENTRADA DA CÁMARA destacouse coma un dos aspectos máis salientables deste fenómeno. De forma xeral, a zona de acceso ás cámaras galegas atópanse orientadas ao surleste, unha orientación que coincide grosso modo coa saída do sol nos meses de outono-inverno. Esta orientación fai referencia ao momento do ano no que esta luz natural do sol iluminaría a maior superficie do interior da cámara, que estarían pechadas polos laterais e pola parte superior, case sen espazos abertos, salvo por esta zona da entrada. Así, se as cámaras estaban orientadas ao surleste, os momentos do ano nos que a luz do sol podería iluminar o interior das cámaras dun xeito máis amplo sería durante os meses máis fríos, mentres que o resto do ano a luz natural entraría de xeito máis reducida ou moi lateralmente. Pero coñecer exactamente o grao da orientación da cámara e o acceso respecto ao sol, se é máis cara o sur, máis cara o leste, que elementos hai no entorno que podería impedir esta entrada de luz… permítenos afondar neste fenómeno e chegar máis alá, achegarnos incluso a unha data do ano na que o sol inundaría de luz máis amplamente o interior destas tumbas neolíticas.

 

10

O sol ilumina pola mañá parte do interior da cámara durante a escavación da Mámoa 4

Temos a sorte de contar nesta intervención coa colaboración do Dr. A. César González-García do Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello de Investigacións Científicas (Incipit, CSIC), instituto no que varios especialistas máis apoian e asesoran esta intervención. César é doutor en astrofísica, pero dende o inicio da súa carreira científica reservou parte dos seus esforzos a entender como as sociedades do pasado miraron ao ceo ao longo da historia e cal foi o seu propósito, como lles influía, porqué miraban ao ceo que, ao fin ao cabo, é a metade do que vemos todos os días. Aínda que se especializou en Astrofísica cunha brillante carreira desenvolvida dende varias universidades europeas e traballou varios anos no Instituto de Astrofísica de Canarias estudando as galaxias e fenómenos astronómicos, leva moitos anos tamén publicando as súas investigacións xunto con diversos colaboradores sobre a astronomía na cultura de sociedades de diversas épocas e diversos lugares do mundo: dende o Exipto clásico aos castros de Galicia, os dolmens europeos, nomeadamente os tracios e os galegos, os túmulos da idade do bronce mongoles, o mundo romano, os Nabateos, os Maias mesoamericanos, os incas en Chile, as igrexas cristiáns, etc., como podedes ver nas súas publicacións en aberto accesibles neste enlace… ou nesta reportaxe de “La Aventura del Saber-RTVE”. Este artigo “Statistical Analysis of Megalithic Tomb Orientations in the Iberian Peninsula and Neighbouring Regions”, por exemplo, está centrado na análise dos patróns de orientación de toda unha serie de tumbas megalíticas que se atopan en varias rexións europeas, un total de 1.500 tumbas, 33 delas en Galicia.

2
Figura do artigo “Statistical Analysis of Megalithic Tomb Orientations[…]” no que o gráfico da esquerda correspóndese a orientación serie analizada no centro de España

César visitounos na última semana da intervención, explorou a cámara, o acceso, o corredor e tamén o entorno no que se atopa a Mámoa 4 do Areoso. Porque é importante identificar correctamente tanto o eixo principal do acceso coma outros compoñentes clave da arquitectura megalítica, como a lousa de cabeceira ou outros elementos que poidan estar orientados respecto a un fenómeno astronómico, pero se contamos coa lúa, o sol e as estrelas, hai moitos fenómenos que ter en conta.

Ademais, os arqueoastrónomos teñen en conta outras variables tales como é a visión do horizonte dende onde está a mámoa, xa que a presenza de montañas ou dun horizonte máis aberto e de menor altitude, como podería ser a carón do mar, fai que o punto no que se eleve o sol varíe varios graos respecto ao valor xeral de referencia de, por exemplo, os graos ao que sae o sol no solsticio de inverno (entre o 20-23 de decembro).

Outra variable de gran interese é que, debido a los movementos do eixo de rotación terrestre, nós non vemos o mesmo ceo estrelado que os nosos antepasados, xa que non están a vista as mesmas constelacións que fai miles de anos, algo que tamén se ten en conta no momento de tratar de vincular estas orientación con outros fenómenos astronómicos.

10 (2)
Tapando o sol da mañá no punto dende onde emerxe sobre as dunas que cubren a Mámoa 4

Tras a análise preliminar levada a cabo, César ten identificado que a cámara da Mámoa 4 posúe unha orientación leste-surleste (ESE, 109°), moi similar ao dolmen de Axeitos (Ribeira, A Coruña): non está precisamente orientada ao solsticio de inverno (ao surleste), senón a un momento uns meses antes e despois desta data. Sen embargo, a amplitude da entrada si deixaría ver no seu interior a luz dende o equinocio de outono ata o da primavera, iluminando a laxe de cabeceira nas primeiras horas da mañá. Outro aspecto salientable é que se puideron verificar outras alineacións interesantes con fitos da paisaxe e eventos astronómicos, como que dende onde está a Mámoa 4 podería verse a saída do sol no verán sobre o monte Xiabre ou que a posta da lúa máis ao sur sería sobre a illa de Sálvora.

Polo tanto, a Mámoa 4 de Guidoiro Areoso é singular (aínda que non única) respecto a súa orientación respecto ao sol, xa que a iluminación do interior non está centrada no solsticio de inverno como é o máis habitual. Cando César avance nos seus traballos, de seguro que propoñerá algunha cuestión máis sobre este sitio que nos permitirá a todos comprender mellor o amplo coñecemento que as xentes do Neolítico tiñan do seu entorno, tanto da terra como do ceo.

 

Se vos interesa este tema, animámosvos a seguir un evento que se celebrará en Santiago de Compostela dentro de 2 semanas, entre o 18 e o 22 de setembro. Chámase “Road to the Stars” – “Camiño ás estrelas”, que trae a reunión anual da Sociedade Europea de Astronomía na Cultura (SEAC), a Sociedade Internacional de Arqueoastronomía e Astronomía en Cultura (ISAAC) e as de INSAP (Inspiration of Astronomical Phaenomena), coorganizado polo Incipit, CSIC, a USC e o IAC e con varios eventos artísticos, charlas divulgativas e visitas vinculadas, como podedes ver no programa.

cfea9e_16258a58e53a40ba8f8b657488397b6dmv2_d_1248_1449_s_2

Moitas grazas a César e ao Incipit, CSIC polo voso interese neste sitio, o voso apoio e asesoramento e os esforzos que estades a centrar nel.

CHEGANDO AO FINAL DA INTERVENCIÓN

Xa estamos no final da última semana da intervención arqueolóxica 2017 na Mámoa 4 de Areoso, en canto ao que traballo de campo se refire.

Esta fase final, na que nos atopamos, implica un tapado do xacemento. IMG_03890O obxectivo é deixar  a contorna da Mámoa 4 cos ribazos suavizados, quedando a cámara á vista, pero coa suficiente estabilidade para que poida resistir a forte presión á que está sometida. Estamos nun punto do illote no que a erosión natural está avanzando de forma significativa, aínda que a menor velocidade e intensidade que na parte Norte do illote. Pero o mar chega ata a propia cámara e, nesta fase final, estamos volvendo a encher os espazos escavados para darlle a maior estabilidade, incluso colocando algunha das lousas de cuberta sobre a cámara e o corredor que estaban remexidas cando empezamos a intervención, co propósito de darlle unha maior estabilidade a estrutura.

IMG_03893

Tamén estamos a facer os últimos rexistros e colleitando os últimos datos, pero isto non quere dicir que o traballo quede xa rematado. Aínda temos que elaborar e xestionar toda a información que este traballo de campo nos brindou a través de todas as pezas arqueolóxicas, mostraxes, os rexistros gráficos, topográficos, 3D e textuais que rexistramos, tanto o equipo da intervención como todos os expertos que colaboran con nós. Todos este proceso levará incluso máis tempo que as 8 semanas que estivemos no illote e nos permitirá identificar aspectos máis salientables do xacemento e incluso aportar datos novos. Ademais do propio interese dos resultados da propia intervención arqueolóxica, creemos que este traballo cobra especial relevancia dado o alto risco de alteración e incluso desaparición que experimenta este entorno e que precisamos coñecer para poder saber como paliar, e esperamos que este traballo axude a comprender mellor as dinámicas costeiras que se dan no Areoso e como afectan ao patrimonio.

IMG_03892

Consideramos que os obxectivos están plenamente cumpridos, posto que fomos capaces de rexistrar a historia do monumento, dende a súa construción ata o seu abandono e a reutilización deste espacio en séculos e incluso miles de anos despois. Ademais, o carácter interdisciplinar deste proxecto aportou unha grande variedade de técnicas de análise e rexistro, e continuará aportando numerosos  datos sobre este monumento megalítico.

A pesar das evidentes complicacións de traballar neste entorno, coa dificultade de traslado ao illote tanto do persoal como do material, coas limitacións do tipos de ferramentas e elementos auxiliares que podíamos empregar, este foi e segue sendo un proxecto cun indubidable valor arqueolóxico no que todos nós queriamos participar. IMG_03894Estas dificultades foron superadas grazas ao enorme apoio recibido tanto por parte de especialistas e arqueólogos que se achegaron ata aquí (colaboraran no proxecto ou non), como da xente que se interesou por esta intervención dende as redes sociais e todas as persoas que se achegaron ao illote. E por suposto, as xentes da Illa de Arousa, que levan anos loitando para que este espazo e o seu patrimonio natural e cultural sexa respectado, xa que o Areoso e un lugar fermoso, singular pero tamén moi vulnerable.

Como dixemos, a xestión da información de campo e os resultados das diversas analíticas que se irán facendo nos próximos meses e incluso anos, permitirannos avanzar na investigación deste complexo xacemento megalítico do que seguro que seguiremos falando nós e moitos outros colaboradores. Nos próximos días seguiremos utilizando estes medios dixitais para seguir compartindo todos os datos que recompilemos sobre a Mámoa 4.

Pero non paramos! Xa comezamos a traballar na realización dunha peza documental na que mostrar todo o proceso de intervención arqueolóxica e presentar os resultados e a nosas conclusións tamén doutro xeito.

Esperamos que esta intervención vos siga interesando!

A Mámoa 4 de Guidoiro Areoso e a arte megalítica

A estas alturas semella bastante consolidada a idea de que a meirande parte de monumentos megalíticos, senón todos, posuirían orixinalmente pintura ou gravado decorando as súas lousas pétreas.

Deste xeito, o monumento contido na Mámoa 4 de Guidoiro Areoso era, a priori, moi prometedor sobre a posibilidade de conservar arte prehistórico. Tal e como imaxinábamos nun principio, e sabemos agora, estabamos ante un xacemento parcialmente non profanado desde época prehistórica e, polo tanto, carente das habituais interaccións negativas que acaban por facer desaparecer esa expresión de arte tan antiga (unha perfecta mostra da persistente creatividade humana).

2-Camara-IMG_16060

Nese senso, a presenza no equipo do especialista e investigador nesta área da arte megalítica, Fernando Carrera, tiña como obxectivo axudar á contrastación en campo desa ilusionante hipótese. Fernando é arqueólogo, conservador e profesor da Escola Superior de Conservación e Restauracións de Bens Culturais de Galicia, da que foi director varios anos. A súa tese doutoral centrouse precisamente na arte megalítica do noroeste peninsular, e ten un gran número de publicacións sobre este tema, no que destaca todo o traballo para a identificación dun gran número de casos de arte megalítico que ata ese momento non estaban recoñecidas, a datación directa das pinturas, as súas propostas para ampliar o coñecemento e conservación deste tipo de arte tan antigo, etc. das que podedes ver unha boa mostra nas súas publicacións en aberto neste enlace…

Polo tipo e cronoloxía da arquitectura megalítica, e polo atopado en monumentos similares, agardábamos poder rexistrar restos do que se ven en denominar “pintura simple”: a aplicación directa dunha mestura de pigmento e aglutinante sobre a pedra, sen aplicación previa de revocos. As cores poderían ser os habituais vermellos, pero tamén brancos e negros e, incluso, poderíamos imaxinar unha gama cerrada de grafías ou motivos (tal vez ondulados ou zigzags, tanto horizontais coma verticais).

Os labores levados a cabo nas dúas visitas realizadas ao monumento por Fernando, pretenderon ir inspeccionando os ortostatos conforme se ía escavando o xacemento. O equipo da escavación, seguindo as instrucións de Fernando, non retirou o sedimento adherido as lousas a medida que avanzou a escavación do interior da cámara, para evitar destruír as posible probas de arte. O sistema de traballo consistiu nunha detallada inspección visual, acompañada de iluminación e lentes de aumento, dunha pedras apenas limpadas polo equipo de escavación. Logo, o noso investigador foi realizando, persoalmente, limpezas parciais e detalladas, intentando descubrir restos, por mínimos que estes foran, de pintura.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Sen embargo, e lamentablemente, nada do previsto foi atopado ata o momento producindo (porqué non dicilo) unha considerable decepción en todo o equipo. Aínda queda rematar de limpar unha pequena parte das lousas (as bases das mesmas que aínda se está a escavar) e facer unha inspección con luz rasante artificial en detalle para certificar a inexistencia de gravados, xa que ata o de agora tampouco teñen aparecido.

Aínda así, todo elo non nos ten porqué impedir imaxinar a magnífica arquitectura da Mámoa 4 de Areoso cunha pintura que entendemos coma unha mensaxe, unha linguaxe simbólica asociada á propia tumba e a outros elementos do ritual funerario

Poderán ter sido outras razóns, aínda por descubrir, as que teñen impedido a preservación da pintura pero, Fernando Carrera e a nosa especialista en pedras, IMG_09930Teresa Rivas, atopáronse cunhas lousas de superficie moi alterada que, con toda seguridade, estiveron e seguen estando sometidas e afectadas por un ecosistema tan alternante e agresivo como o mariño.

 

Esta Mámoa 4 de Guidoiro Areoso está sendo moi xenerosa en moitos aspectos da investigación do noso pasado e por elo temos que estar satisfeitos pero, sen embargo, carecemos dun dos elementos máis singulares da actual investigación en megalitismo. Aínda así, de igual xeito, estamos intentando construír a súa historia e o sentido que tivo para as xentes que a levantaron.