Guidoiro Areoso (ou simplemente, O Areoso) é o maior dos illotes que conforman o arquipélago de Rúa e Os Guidoiros, no interior da ría de Arousa. Situado a uns 1.400 m da Illa de Arousa, apenas ten 600 m de longo de norte a sur por 200 m no seu punto máis largo e só acada 9 m sobre o nivel do mar no seu punto máis alto. A metade norte está ocupada por unha duna activa, mentres que na sur se mesturan afloramentos graníticos cunha duna vexetada.
A pesar destas pequenas dimensións, a finais dos anos 80 do século XX o arqueólogo José Manuel Rey localizou na súa superficie tres estruturas megalíticas, das que escavou dúas, así como un asentamento de comezos da Idade do Bronce, no que xunto a cerámicas e outras pezas se recuperaron abundantes restos de fauna doméstica (vacas, porcos e ovellas ou cabras). Non semella haber ocupacións humanas posteriores a esa data. Unicamente atopou restos dunha ánfora romana que seguramente procede dun pecio afundido nas proximidades. Aínda así, O Areoso seguiuse frecuentando tanto para o marisqueo como para a extracción de granito para a cantería.
Pode estrañar a presenza deste importante número de xacementos arqueolóxicos nun illote tan pequeno e apartado do continente, pero cómpre aclarar que nin o nivel do mar nin a liña de costa permaneceron estables ao longo do tempo. As rías galegas formáronse pola inundación de antigos vales fluviais na fin da última glaciación, a medida que se foron fundindo os xelos a partir de hai 10.000 anos. Pero esta inundación non foi inmediata e déronse ciclos de crecemento do nivel do mar e outros de estabilización.
Os estudos indican que desde o 5000 a. C. e durante todo o neolítico, época de construción das tumbas megalíticas, o nivel do mar estaría estabilizado entre 5 e 7 m baixo o nivel actual, co cal a liña de costa estaría máis ao interior da ría que na actualidade. Con esta situación, a actual Illa de Arousa formaría en esta época parte dunha gran península unida ao continente, península da que tamén formarían parte o propio Guidoiro Areoso ou outros illotes máis pequenos como o Corveiro ou Guidoiro Pedregoso. O mar permaneceu estable ata comezos da Idade do Bronce, cara ao 2200-2000 a. C., cando comezou a subir de forma progresiva ata situarse 1.000 anos despois entre 1 e 2 m baixo a cota actual. Seguramente durante esta subida foi cando Guidoiro quedou convertido nunha illa, de aí que non se coñezan ocupacións humanas posteriores ao Bronce.
Pingback: VISITA AO ILLOTE AREOSO (II) | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo)