Ante esta situación crítica, e co obxectivo de recompilar o máximo de información posible sobre Guidoiro e os seus xacementos, un conxunto de arqueólogos de distintas institucións organizámonos para levar a cabo unha iniciativa aberta ao conxunto da sociedade. Trátase de facer unha chamada á participación colectiva de todas as persoas que estando en posesión de imaxes e vídeos sobre o illote e/ou os seus xacementos queiran enviarnos eses documentos co fin de:
• Realizar un seguimento de como evolucionou a liña de costa no illote, e como a erosión desta afectou e afecta á preservación dos xacementos.
• Reconstruír sen necesidade de intervención directa nos xacementos a morfoloxía e características daqueles que puidesen xa ser destruídos ou sufrisen alteracións importantes.
• Contribuír, con iso, ao coñecemento e protección do patrimonio natural e cultural do illote.
As imaxes deben ser anteriores a 2013 e enviadas en formato dixital (orixinal ou escaneadas a partir de negativos ou positivos en papel).
Podes contribuír ao proxecto cubrindo o noso formulario.
Iremos actualizando imaxes e informando dos nosos avances a partir da información que vaiamos recibindo. Para isto utlizaremos esta Web, o Blog asociado a ela, as redes sociais (Facebook e mais Google+) e un proxecto de imaxes e cartografía que creamos dentro da plataforma Historypin.