Na sexta semana de escavación xa estamos retrotraéndonos a datas arredor de 4.000-6.000 anos atrás. Estamos acabando de retirar tanto o cuncheiro, como as pedras e os grandes bloques da estrutura megalítica, movidas nalgún momento despois do seu peche e do que xa vos falamos no post da semana pasada XA ESTAMOS NO ECUADOR DA INTERVENCIÓN!
A extensión do cuncheiro ocupa toda a marxe Surleste do túmulo, sobre a zona de acceso ao interior da cámara megalítica, e como xa se ten comentado, o tipo de material cerámico que acompaña a esta grande cantidade de cunchas lévanos a considerar que foi formado durante a Idade do Bronce, cando xa as mámoas deixaron de utilizarse como enterramentos colectivos das comunidades que habitaron estas áreas.
Tamén temos confirmado que toda a serie de grandes bloques alongados de granito que se atopan na marxe esquerda da entrada da cámara (ao Sur do corredor) foron desprazados en relación a esta acumulación de cunchas, o que nos indicaría que a mámoa foi desfeita na Idade de Bronce, cando alteraron partes da estrutura central e a coiraza da mámoa, descolocando todas estas grandes pezas que serían, algunhas, as tampas do corredor, e outras, seguramente, pedras do sistema de peche da propia cámara.
Tras retirar todos estes sedimentos e rexistralos con coidado, empezamos esta semana a achegarnos aos restos da estrutura orixinal do monumento megalítico. É habitual neste tipo de xacementos atopar un acceso con varios usos, varias capas de recheo, reformas da entrada nas que amontonan ou cambian as pedras da coiraza, acumulan terra nalgunha área específica, etc. e que nos darán a clave das posibles reutilizacións deste monumento e polo tanto, da súa vida.
Estamos, polo tanto, ante unha estructura moi delicada e moi interesante, e só nos quedan un par de semanas para rematar a intervención!