A limpeza das praias danesas

Imaxinádesvos chegar a un pequeno centro de interpretación dun sitio arqueolóxico (unha sala duns 100 m2 con paneis e un pequeno baño) e atopalo aberto, sen ningunha persoa a coidar del e en perfecto estado de conservación?

20190606_08_Faro de Rubjerg Knude_59_resize

Os baños do aparcadoiro a carón da duna de Rubjerg Knude, en prefecto estado de uso.

Ou entrar nos baños públicos dos aparcamentos de tres praias diferentes e que estean completamente limpos, sen pintadas nin nada roto, con todos os elementos en perfecto funcionamento? E visitar unha igrexa románica con pinturas e que en toda a visita non atopes o coidador ata o punto de marchares coa sensación de que está permanentemente aberta e sen vixilancia? Pois todo iso pasounos en Dinamarca.

 

Evidentemente, a dinamarquesa é unha sociedade que respecta o ben público da que temos moito que aprender. Pero se unha cousa nos deixou marabillados é a limpeza das súas praias. Non é que visitásemos moitas (só tres), pero en todas elas foi unha constante a ausencia de lixo de calquera tipo: nin plásticos nin madeiras, nin sequera cabichas.

20190606_02_Stenbjerg_Parque Nacional Thy_06_resize

Barcos varados na area en Stenbjerg, no Parque Nacional Thy.

 

A primeira que visitamos foi en Stenbjerg, no Parque Nacional Thy. Trátase dun enorme areal de máis de 20 km de lonxitude situado nun espazo dunar do noroeste de Jutlandia. Alí dimos un pequeno paseo dunha hora gozando do bo tempo de comezos de xuño e cando levabamos un bo rato a andar pola area decatámonos de que faltaba algo: non había lixo ningún, nada. Nin un anaco de madeira na mallante (que diferenza co que pasaba, por exemplo, esta fin de semana pasada no Parque Natural do Carreirón, na Illa de Arousa!). Así que empezamos a buscar con detalle, pero en todo o tempo que estivemos só fomos quen de atopar un pequeno anaquiño dun cordón.

Unha perspectiva da interminable praia de Stenbjerg, no Parque Nacional Thy, e o anaquiño de cordón, único lixo que atopamos nun paseo de máis de media hora.

O mesmo nos sucedeu na duna de Rubjerg Knude, onde está o faro a punto de caer ao mar. Non había nada arrastrado polo vento xunto coa area. Alí o único lixo eran os restos das construcións (tixolos) que no seu día rodeaban o faro, e que ficaron alí espallados logo de que a duna as derrubase. E outro tanto ocorreu en Grenen, un dos sitios con búnkeres da II Guerra Mundial.

A punta da praia de Grenen, o extremo máis setentrional da Dinamarca continental, e unha perspectiva da praia en dirección sur, co faro de Skagen ao fondo.

Esta praia, que é a punta de Dinamarca, está situada relativamente a pouca distancia da costa sueca e por diante dela transcorre todo o tráfico marítimo de entrada ao mar Báltico.

 

20190606_14_Grenen_bunkers alemáns_08

Barcos circulando pola entrada do mar Báltico, fronte á praia de Grenen. Se facedes zoom na imaxe poderedes contar máis de 10 buques transitando sobre as 7 do serán dun día laborable.

 

E aínda así a súa limpeza era rechamante. Nin un anaco de plástico no case un quilómetro de lonxitude que percorremos. E non precisamente porque no lugar houbera papeleiras ou outros sistemas de recollida de lixo, que en realidade brillaban pola súa ausencia.

Un exemplo do que, se cadra, deberiamos aprender un pouco.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s